mércores, 30 de abril de 2014

DOBRE SESIÓN DE CLUBS DE LECTURA

Onte tiven moito traballo na nosa biblioteca. Unha dobre sesión de Clubs de Lectura. Ao mediodía, o de alumnos. A media tarde, o de país. Desta última falareivos no blog de adultos. 
Na primeira asistiron menos alumnos que habitualmente pola presión dos exames. Quedaron as dúas fundadoras, por así dicir, máis unha mostra de escollidos rapaces que xa non comen pizza pero si uns bocadillos que me teñen moi boa pinta. Logo para a sesión, apareceron máis alumnos. Rodrigo e Jorge de 1º ESO presentaron a lectura deste mes, O último traballo do señor Luna de César Mallorquí. 

Trátase dunha historia que, partindo da selva amazónica, trasládase a Madrid, onde un temible sicario busca vingar un roubo de drogas. No seu camiño tropeza cun rapaz superdotado, Paulo, que vai poñerlle as cousas un pouco difíciles. Acción, amor, amizade, vinganza son algúns dos ingredientes desta trepidante novela de acción.


O noso vindeiro libro xa será o último deste curso. A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly, unha historia moi diferente da anterior, ambientada a finales do século XIX en Texas e protagonizada por un avó moi particular e unha neta disposta a aprender. 




Disfrutádea!

luns, 28 de abril de 2014

A celebración do día do libro no Sofía.

Ola poetas:

Este ano, adicamos as nosas sesións de lectura do día do libro na bibliotaca do instituto a dous dos máis grandes autores de literatura en castelán: Octavio Paz e Julio Cortázar. Aproveitamos que este ano celebrabamos o centenario do nacemento de ambos autores para preparar un par de páxinas e poder coñecer mellor a súa obra.


A páxina de Julio cortázar é esta. Nela poderedes consultar a súa biografía, ler interesantes e estimulantes textos e, asemade, escoitar a.súa propia voz ou velo nunha vella entrevista de TVE. A páxina de Octavio Paz é estoutra. E tamén poderedes escoitar a súa voz, velo nunha entrevista de TVE e leer a súa obra poética.


As lecturas da semana pasada foron divididas en dous niveis. Así, os alumnos da ESO leron textos de Historias de cronopios y de famas de Julio Cortázar e os de 1º de Bacharelato leron Piedra de sol de Octavio Paz.


Por outra parte, e como non podía ser doutro xeito, tamén aproveitamos a ocasión para lle facer unha pequena homenaxe a Gabriel García Márquez, co gallo do seu pasamento, e limos un relato, "El ahogado más hermoso del mundo",  para afundirnos no real e no marabilloso que tan ben retratou na súa extensa obra. Se o queredes ler, non tedes máis que pulsar aquí

Ata outra, poetas.

luns, 21 de abril de 2014

UNHA PEQUENA HOMENAXE A GARCÍA MÁRQUEZ

No medio do descanso propio desta Semana Santa, mentres algúns preparamos a semana do Día do Libro que está a piques de comenzar, colleunos por sorpresa unha triste nova, o falecemento do grande entre os grandes, do mestre do realismo máxico, do fabulador por antonomasia, do Nobel que engrandeceu a lingua castelá ata facela universal, do colombiano Gabo, Gabriel García Márquez. 

A mellor homenaxe que se lle pode facer é ler as súas obras: Cien años de soledad, El coronel no tiene quien le escriba, La hojarasca, El amor en los tiempos del cólera, Crónica de una muerte anunciada... Ao tempo, estaredesvos facendo un gran favor a vós mesmos porque descubriredes Macondo unha terra máxica e uns personaxes inesquecibles.


Mentres pensamos que máis se lle pode ofrecer dende a biblioteca, convídovos a disfrutar dun pequeno traballo que fixemos desta gran figura. 

Premede aquí para velo.

martes, 8 de abril de 2014

TRABALLO SOBRE A VISITA DE MARCOS CALVEIRO

Ola rapaces!
Levo uns días sen tempo nin de saudar. Pero iso non significa que non esteamos traballando arreo. Hoxe quero mostrarvos algo sobre a visita de Marcos Calveiro. Espero que vos guste.
Ata o vindeira xuntanza do noso Club que terá lugar logo das vacacións.

Glogster de Marcos Calveiro


domingo, 30 de marzo de 2014

As fotos da sesión do club de lectura do martes 25 de marzo:

Ola poetas:

Aquí tedes as fotos da sesión do club de lectura correspondente ao libro Esto no es justo de Sally Nichols.

Saúdos.

Esto no es justo. on PhotoPeach

mércores, 19 de marzo de 2014

PRESENTACIÓN DA NOVELA DE PILAR

Como ela ao mellor se esquece, encárgome eu de recordarvos a presentación da novela da nosa compañeira Pilar, na que falará outra das nosas compañeiras, Ana. Moito ánimo para as dúas!



NOVA DATA DA REUNIÓN DO CLUB

Ola rapaces!
Supoño que xa vistes os carteis nos que se informaba dun novo aprazamento da sesión correspondente ao mes de marzo. Dado que todos estamos atarefadísimos cos exames, preferimos volver a posponer a data ata o vindeiro 25. Algúns faltarán porque están en Roma pero non podemos esperar máis. 
Así que vémonos o próximo martes cos bocadillos porque se vai un bo día, comeremos no xardín. Os que non teñades aínda o libro de Esto no es justo, preguntade polas tablets. 
Saúdos!

luns, 10 de marzo de 2014

A NOSA VINDEIRA LECTURA

Ola rapaces!


Soamente unhas palabras como aviso de navegantes. O libro que estamos a ler é Esto no es justo de Sally Nicholls, unha historia realista e emotiva sobre a enfermidade dun rapaz. A nosa sesión terá lugar o martes día 18 no horario habitual. Estade pendentes de conseguir os libros na biblioteca.
Vémonos pronto.



SOCAS

PD. É por certo, que me decides da nosa nova imaxe da biblioteca. Bonita, non si?

martes, 18 de febreiro de 2014

ANTÍA NA NOSA BIBLIOTECA

Aquí de novo convosco.
Onte Marcos, hoxe Antía.
Falo agora desta última, que tivo a amabilidade de compartir cos rapaces e profes do Club de Lectura a súas emocionantes experiencias viaxeiras -e ten moitas- por Irán, a patria reflectida no cómic que lemos na sesión de febreiro, Persépole.

Logo doa boa presentación de Diego Pereda -parabéns polo teu esforzo en falar galego-, Antía tomou a palabra e guiounos nunha interesantísima viaxe pola xeografía, historia, cultura, relixión, costumes, forma de vestir e de relacionarse deste país asiático.
Foron moitas as cousas que nos relatou, moitas as súas impresións, moitas as excelentes fotografías que compartiu con nós.
Grazas, Antía. Agora entendemos un pouco máis a historia de Marjane Satrapi na súa impactante novela gráfica. 


Ao final tivemos a visita de dous profes do IES Ferrolterra, interesados en aprender da nosa experiencia como Club de Lectura.
Marcamos estilo, rapaces!
Con agarimo,
SOCAS

MARCOS CALVEIRO NA NOSA BIBLIOTECA

Ay que se me acumula o traballo! Onte Marcos, hoxe Antía. Dúas excelentes conferencias tan seguidiñas que deixáronme abraiado. Vou pouco a pouco.
Lucía recibindo o seu premio

Onte Marcos. Foi moi intenso e moi interesante o seu obradoiro de escrita que leva por título o mesmo dunha das súas novelas: Rinocerontes e Quimeras. Fíxonos traballar arreo primeiro debuxando unha quimera e poñéndolle nome, logo inventando palabras e a súa orixinal definición dun novo diccionario, despois comenzando un relato, rematándoo, facendo un microrelato, e, por último, creando un nome e un eslogan publicitario para un produto. O que máis me gustou foi que soubo transmitir a idea de que as palabras e a forma de contar as historias non son só cousa dos escritores ou dos profes de lingua. Todos temos a obriga e a necesidade de saber empregar ben as verbas.
Firnando libros para os do Club

Tamén tivo Marcos un oco para falar cos rapaces de 1ºA que leron a súa novela Palabras de auga. E tamén para algúns do Club de Lectura que se achegaron para que lles firmase o seu exemplar do Pintor do Sombreiro de Malvas. Por certo, quedou encantado co libro que fixeron Ana Seco e os seus tutorandos. Todo un prodixio de bo gusto.
Traballando arreo


Está ben rapaces, que teño que pasar a Antía. Vémonos na seguinte entrada.
SOCAS

venres, 14 de febreiro de 2014

MARCOS CALVEIRO NO NOSO CENTRO

Pois si, rapaces, esa é a boa nova. 


A semana que vén está chea de acontecementos. Temos o martes a nosa sesión de cómic sobre Persépole, na que falará a nosa profesora Antía, gran viaxeira por Irán. 
Pero o día anterior, a gran sorpresa, a visita do escritor de Vigo, Marcos Calveiro, do que lemos no trimestre anterior, O pintor do sombreiro de malvas
Imos agasaiar ao noso convidado cun libro moi especial. Pinchade neste enderezo. Coido que vai quedar abraiado, non si?

Disfrutade!

sábado, 8 de febreiro de 2014

SOCAS INFORMA: APLÁZASE A NOSA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!


Unha nota rapidiña para decirvos que a nosa vindeira xuntanza do Club de Lectura, correspondente ao cómic Persépolis, se aplaza para a semana seguinte. Así que temos unha cita o martes 18 pero esta vez as 15, 30. Non nos quedamos a xantar porque algúns profes teñen compromisos xusto ao mediodía. Pero esta circunstancia non será impedimento, espero, para que todos nos vexamos as cariñas logo de comer en casa un día máis.
Así que, ata pronto.
Socas

xoves, 6 de febreiro de 2014

O ÚLTIMO NÚMERO DA NOSA REVISTA "PLANETA LINGUA"

Ola rapaces!


Hai uns días, Antía, a profesora de Galego que dirixe o Equipo de Dinamización Lingüística, tivo o detalle de darme un exemplar do último número da revista que dito Equipo promove, o que fai o número 15. Certo é que levo xa un par de cursos colaborando con ela, cousa que me encanta. E teño que dicir que me sorprendeu a calidade da revista, tanto no seu contido coma na súa presentación. Gustáronme especialmente os artigos adicados a asuntos literarios, por algo son un trasno de biblioteca, como o monográfico tan documentado sobre os vampiros, no que colaboraron dúas coñecidas miñas que levan moitos anos no noso Club de Lectura -do que se deduce que as personas que valen ten tempo para moitas actividades-. Refírome ás alumnas de 3º, Antía Casal e Míriam Hidalgo. Tamén me interesou o artigo adicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, ao que se lle dedica o próximo Día das Letras Galegas. A través deste artigo, podemos coñecer algunhas das súas poesías. 
Pero tamén vexo moi interesantes outros artigos de asuntos diversos: deportivos (a entrevista co o adestrador de rugby Alejandro Segura e cun alumnos que é xogador); económicos (o dossier que Iñaki e algúns dos seus alumnos fan sobre a empresa Zara); históricos (como o relato da viaxe a Atenas completado cun artigo sobre as mulleres na Antiga Grecia) e moitos outros.
Así que non me queda máis que reiterar os meus parabéns a Antía e ao seu equipo de colaboradores e animar a todos a ler e desfrutar desta revista.
Aburiño!

SOCAS

xoves, 23 de xaneiro de 2014

SOCAS INFORMA SOBRE A ÚLTIMA XUNTANZA DO NOSO CLUB

Ola rapaces!

Estiven un pouco atarefado ultimamente preparando a festa sorpresa da miña benquerida tía Socaiñas, unha trasniña do máis agarimosa e lectora, polo que non puiden facer a consabida crónica da nosa última sesión. Primeiro teño que tirarvos das orellas a algúns porque vos fostes da biblio sen recoller os restos da nosa comilona. Iso non está ben.
Pasando a nosa xuntanza, contamos coa agradable visita de Teresa, a secretaria do centro, que falounos das redes sociais e a súa aplicación no noso club. Por certo, que teño que dicir que en menos dunha semana xa teño case 100 seguidores en twitter e 50 en instagram.  Como o vedes?
Logo, Miriam en solitario porque a súa compañeira Antía se encontrou mal en non puido vir (esperamos que esteas xa recuperada totalmente), nos falou da lectura deste mes, Las chicas de alambre de Jordi Sierra i Fabra. Foi unha mágoa que non dera tempo de falar en profundidade do libro, que en xeral gustou bastante e, sobre todo, do grave trastorno que é a anorexia nerviosa. Cris tratou un pouco o asunto e puxo unhas fotografías que poñían o vello de punta. Menos mal que a nos, coa cantidade de pizza que comemos nas nosas reunións, non creo que nos dea por non comer. Pero como nunca se sabe, atendede e comer san, variado e abundante para medrar guapiños e fortes.
Espero poder ampliar o asunto da anorexia coa axuda de Cris en vindeiras entradas. Estade atentos, rapaces.

Saúdos:
Socas

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Las chicas de alambre: martes 21 de xaneiro.


Portada

Ola poetas:

Non esquezades que este martes temos a sesión do club de lectura na biblioteca do Sofía. Penso que vai estar interesante, xa que o libro de Jordi Sierra i Fabra da para moita reflexión. Aquí deixo algunhas preguntas que me xorden despois da lectura de Las chicas de alambre.

  • Somos como a imaxe que reflectimos de nós?


  • Que parte de nós mesmos gardamos e que parte compartimos?


  • Que deixamos que os demais coñezan de nós?


  • Coñécennos da mesma forma a nosa famila e os nosos amigos?


  • Estamos preparados para nos mover neste mundo de espellismos?


  • Estamos contentos co noso corpo? E coa nosa mente? Temos equilibrados corpo e mente?


  • Andamos no bo camiño? Somos fortes para non caer nas tentacións do mal e do camiño fácil e rápido?


  • Coñeces a Platón? E a Aristóteles? E a Nabokov?


Ata o martes.