Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura 15-16. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta club de lectura 15-16. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de maio de 2016

MARTES, 10 DE MAIO: CLUB DE LECTURA, O MISTERIO VELÁZQUEZ

Elaboraron a presentación e introduciron a sesión.
https://padlet.com/anasecorosa/ip5fa6ejhygj/wish/110113116
 
Pulsa sobre a imaxe para ver a presentación de El misterio Velázquez (Eliacer Cansino), unha obra pola que transitan personaxes de "As Meninas" arredor dun misterio relacionado coa Cruz de Santiago. A lectura desta obra deu pé a recordar o proxecto "As Meninas no Sofía: ReciclArte e LiteraturizArte" (a obra está na guía de lectura, na sección "Xuvenil").


Na próxima sesión, 14 de xuño, banda deseñada: Adèle Blanc-Sec (nº 1) e "tartas literarias". Recordas as tartas do ano pasado? Entra por aquí.


martes, 12 de abril de 2016

12 DE ABRIL: CLUB DE LECTURA. OS CRIMES DA RÚA MORGUE.

Animado, moi animado, (excesivamente animado?) o club de lectura de hoxe. Estaremos posuídos polo espírito de Edgar Allan Poe?

Deixámosvos a presentación que introduciu a sesión.


Presentación de Ana Ortega e Diego Pereda 


Como sabedes, estamos a preparar -desde o club de lectura do Sofía- un itinerario de misterio que daremos a coñecer en breve. Xa vos iremos contando.

mércores, 16 de marzo de 2016

15 MARZO: CLUB DE LECTURA. O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIANOITE.

Un cadáver (o caniche Wellington), un rapaz con Asperger, a afección ás matemáticas, unha extraña viaxe, relacións familiares, referencias a Sherlock Holmes… Podedes velo na presentación de Laura e Sabela, que se ocuparon de introducir esta sesión do club.




Un libro que gustou a todos os membros deste club de lectura.
Cartel de Inés M. Quintanilla


E nas recomendacións, Diego con Don Quijote de la Mancha (el manga); Sabela, Hija de humo y hueso, Los gatos guerreros, Yaruki, La memoria del agua; Laura, El resplandor. E máis…

martes, 16 de febreiro de 2016

SESIÓN CLUB DE LECTURA, 16 F: O CAN DOS BASKERVILLE

Cynthia, Clara e Sabela ocupáronse de introducir a lectura. A súa presentación (vid. enlace) deu lugar a un interesante coloquio no que se trataron diferentes aspectos, uns deles relacionados co formato da presentación (boa elección, PowToon) e outros coa lectura en si mesma.


A ambientación, os páramos, as zonas pantanosas, cans "fantasmagóricos" (o punto gótico), o papel de Watson, o xénero (diferenza entre novela de enigma, novela negra...) e o método de Sherlock Holmes foron aspectos tratados nesta sesión. A lóxica, a análise de datos concretos, a dedución (como chega Sherlock á conclusión), foi o que máis interesou a varios membros do club. Mencionáronse outras obras que encontran explicación racional a fenómenos aparentemente paranormais (a relación de Sherlock co Auguste Dupin de Poe, O castelo dos Cárpatos, recomendado por Emilio), a proxección de Sherlock Holmes na cultura contemporánea (desde Scooby Doo ata a tecnoloxización extrema en produtos como CSI). Son estas opinións dos membros do club que aquí, unicamente, recollemos. E, unha vez máis, Sabela veu acompañada dunha das súas "Joyas literarias juveniles" (xa sabedes, adaptacións de clásicos a banda deseñada), neste caso, da obra que ocupou a sesión de hoxe.

Lectura totalmente recomendada. Gustounos a todos.

E pasamos xa á próxima lectura, unha novela do ano 2008: O curioso incidente do can á media noite de Mark Haddon. Elemental, querido Watson. Seguimos co misterio. Aínda máis: seguimos con Sherlock. Esta novela parece ser un homenaxe a "Lucero de Plata", o relato curto publicado no 1892 por Conan Doyle, relato que algúns de vós estades a ler para a materia de Lingua Castelá e Literatura.


martes, 19 de xaneiro de 2016

SESIÓN 19 XANEIRO: UN CADÁVER NA BIBLIOTECA

Seguimos na liña de misterio. Hoxe, 19 de marzo, Un cadáver na biblioteca de Agatha Christie, obra presentada por Diego Pereda. Non deixedes de ver a súa presentación:





Houbo opinións diversas no debate posterior;  a algúns pareceulles excesivo o elemento descritivo, a outros que o ritmo era lento, houbo quen considerou que o personaxe de Pamela Reeves (o outro cadáver) non estaba suficientemente perfilado… Pola contra, os devotos de miss Marple defendemos esta novela.  E xuntos recordamos a sesión de Dez negriños, deste mesmo club.  

A continuación, seguindo coa liña de misterio, Diego recomendou (xa para lectores avanzados) o libro que acaba de rematar: O nome da rosa.  Comentouse logo a proposta de celebrar San Valentín co Instituto Concepción Arenal lendo poemas de amor. E a sorpresa do día: Sabela López Quintanilla, membro do club, obtivo un accésit no II Certame Literario Carmela Loureiro, na categoría de microrrelatos. Parabéns a Sabela e á súa profesora, Inés, que animou ao grupo a presentarse ao certame.

Para rematar, un xurado de 5 persoas (profesores e alumnos) elixiu por unanimidade como gañador do concurso de carteis anunciadores da sesión de hoxe o cartel elaborado por Lucía Toval, de 1º ESO A. Mágoa que non se poida apreciar a textura deste cartel en dixital… O premio consistiu nun exemplar de Lourenço, xograr.

Pilar Berrio e Lucía Toval

E o próximo libro do club estará protagonizado por un personaxe inmortal que cumpre anos neste 2016. Concretamente, 125 anos. Unha idade máis que respectable...



Elemental, querido Watson. 


venres, 15 de xaneiro de 2016

UN CADÁVER NA BIBLIOTECA O MARTES, 19 X

O caso será investigado polo noso club de lectura.


Un Perigo inminente axexaba a Traxedia en tres actos que se ía representar esa mesma tarde, ás 19.00 h. Tras o Pano (Telón), naquel escenario decorado cunha mesa, un espello e Un triste ciprés, maquinábase algo entre os actores que ensaiaban a obra Dez negriños. Todos tiñan medo de ser asasinados pola banda dos Cinco porquiños. Aínda recordaban o que ocorreu Despois do funeral, aqueles berridos dunha nena á que ninguén viu. Non se soubo nada da banda dos cinco porquiños en moito tempo: o crime considerouse Un crime durmido. Aquela banda, formada por un grupo de cinco homes sen piedade, asasinos que non deixaban rastro, actuaba sempre no nadal provocando ano tras ano unhas Navidades tráxicas. Ninguén lles viu nunca a cara, sempre a levaban tapada por aquelas terroríficas máscaras de porquiño...

Os actores estaban aterrados. Oíran que a banda dos cinco porquiños deixara Un cadáver na biblioteca municipal cunha nota que dicía: ”Matar é fácil. Imos acabar con todos os actores que se aloxen No hotel Bertram ás 19.00”. E iso era grave: eran actores, vivían nese hotel e tiñan que actuar ás sete da tarde. Sen dúbida, ían ter unha Cita coa morte. Nisto, decatáronse de que había unhas Cartas sobre a mesa co seu nome; todos colleron a súa carta, abrírona e en todas poñía o mesmo, “Vas morrer baixo Un triste ciprés”.


No escenario, O espello rachou de lado a lado. Os reloxos deron a Hora cero. Os actores están pálidos:  Anúnciase un asasinato, o seu asasinato.


Texto de Joel Rodríguez Fernández (1º ESO A).





mércores, 16 de decembro de 2015

SESIÓN 15D, CLUB DE LECTURA: SETE CAVEIRAS

O libro da autora de Dragal, Elena Gallego, foi presentado onte por Lucía e María:
Entra na presentación a través da imaxe

Distintas opinións, especialmente no referente ao final do libro. 

Paula, a profesora de Bioloxía, recomendou un libro que está na Biblioteca, La puerta de los tres cerrojos, de Sonia Fernández Vidal, autora de Quantic love, especialmente para aqueles afeccionados á Física. E como pedimos máis, máis literatura con toques científicos, Paula recomendou Un mundo feliz, La Fundación e Yo, Robot. É unha materia que temos pendente: un "Itinerario lector literatura científica", despois do "Itinerario cómic" (2014-15) e o "Itinerario misterio" co que estamos neste 2015-16. 

Diego tróuxonos El nombre de la rosa e máis banda deseñada: Simon's cat. Por certo, parece que ten sucesora no mundo do cómic; Sabela veu á biblioteca con clásicos en BD: El mago de Oz (Marvel), as "Joyas de la literatura juvenil" (Conan Doyle, Moby Dick, Los viajes de Gulliver, Alicia...). E Gárgolas: o viaxeiro.

Ben. Procesaremos toda esta información. Que vos parece se abrimos un Pinterest con "Recomendacións do club de lectura xuvenil"? Porque é unha pena perder tantas lecturas que podemos compartir. Pero é cousa vosa, queridos alumnos...

Ata a próxima. Non o dubidedes, haberá Un cadáver na Biblioteca.