Amosando publicacións coa etiqueta Actividades de Samaín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades de Samaín. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de novembro de 2025

SAMAÍN: LECTURAS COMPARTIDAS

Ola, rapazada!

O pasado xoves 30 de outubro realizamos unhas lecturas compartidas por mor do Samaín. 

Como sabedes, esta festividade de orixe celta é unha celebración liminar, é dicir, nela a fronteira que separa o noso mundo do dos espíritos dilúese. Ou iso crían os nosos antepasados. Debido a isto, estes ofrecían comida e bebida para que a xente e o seu gando sobrevivisen ao frío inverno. 


Porén, nós preferimos conmemoralo mediante a lectura de dous relatos de terror: Sobre a morte de Bieito [en Dos arquivos do trasno (Dieste, 1926)] e Antón de Cidrán [ Á lus do candil (Fole, 1953). No primeiro, nárrase a historia dun home que transporta un cadaleito e sente que o morto se move dentro del. Ante esta situación, a súa decisión é permanecer en silencio, malia dubidar se foi unha ilusión ou se realmente ía vivo. No segundo, Antón e o seu compadre van ás festas do San Froilán, en Lugo, e, ao volver á casa por un atallo, Antón ve ao lonxe un enterro. Ao día seguinte, morre dun accidente, polo que se cumpre a crenza de que quen presencia o seu propio enterro en vida, ten próxima a morte. 


Para darlle voz a estas dúas narracións, contamos co alumnado de cuarto da ESO (Lucía, María, Myriam, Antón, Laura, Andrea, Nis, Lara, Carmen e Sara), que leu en dúas quendas ambos os dous relatos ao estudantado de primeiro. Alén disto, as sesións pecháronse cun pequeno fragmento de Xabier P. Docampo, titulado "Eu teño medo" e recollido na súa obra Cando petan na porta pola noite (1994). 

Agardamos que fose do agrado de todas e todos, e que vos animedes a participar o vindeiro ano co gallo de seguir conservando este tradicional festexo.



xoves, 7 de novembro de 2024

ACTIVIDADES DE SAMAÍN

Ola rapazada!

Durante o mes de outubro tivemos no noso centro dúas actividades relacionadas co Samaín: o concurso de microrrelatos e a lectura de contos de medo dos compañeiros e compañeiras de Literatura Galega do Século XX e a Actualidade para o alumnado de 1º da ESO.

Respecto ao concurso de Microrrelatos, desde a Biblioteca e Dinamización Lingüística estamos moi contentos coa altísima participación neste concurso. Foi moi difícil determinar os microrrelatos gañadores. Había tantos terroríficos...



Estes son os gañadores recollendo o seu premio nas súas aulas:

  • 1 e 2 ESO
    • Primer premio: "As sete meigas" de Iria Zaragoza López de 2º D.

    • Accésit: "Os homes lobo non son fantasía" de Noa Seoane Rubiños de 2º D.


  • 3 e 4 de ESO
    • Primer premio ex aequo: Antón Corral Rodríguez de 3º D.

    • Primer premio ex aequo: Sofía Bores Caruncho de 3º A.

    • Accésit: "Terror no dentista" de Alejandro Romero Soto de 3º C.

Parabéns para elas e eles!!!

Os seus microrrelatos colocaranse nun posto especial na biblioteca e pronto os publicaremos no blog.

Se falamos das lecturas de contos de medo temos que citar a Laura, Lola, Antón, Thién, Carlos, Sofía e Helena son  os alumnos de 1º de Bacharelato que cursan a materia de Literatura Galega.

  

Nesta materia escolleron e adaptaron distintos textos da historia da nosa literatura relacionados co misterio, co medo e con personaxes propios da nosa tradición para lerllelos aos compañeiros máis novos do centro, os de 1º da ESO. Ademais acompañaron os textos de imaxes e sons para facelos aínda máis misteriosos!