Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de xuño de 2020

CARTEIS SOBRE IGUALDADE: MULLERES CIENTÍFICAS

Ola rapaces!
Outra das cousas que quedaron colgadas (mais ben sen colgar) debido ao confinamento, foron uns preciosos carteis de científicas para a decoración do centro.
A idea partiu dunha partida especial da Consellería que debiamos adicar a materiais que non fosen libros sobre a temática de igualdade. Patricia, a profe de mates, falounos da páxina web de  cientificascasio e decidimos ter os carteis nun estupendo formato que nos prepararon nun negocio especializado de impresión. 
Aínda que non as temos enmarcadas, con esta entrada queremos lembrar a importancia de resaltar o labor das científicas ao longo da historia. 

Doce pioneiras como:

  • Hipatia. (360-415) astrónoma, filósofa e matemática. Maestra na biblioteca de Alexandría.
  • Sophie Germain (1776-1831) matemática. Primeira muller en gañar un Premio da Academia de París.
  • Ada Lovelace (1815-1852) matemática e escritora. Primeira programadora de ordenadores.
  • Marie Curie (1867-1934) física e química. Única persona en gañar dous Premios Nobel.
  • Cecilia Payne (1900-1979) astrónoma e astrofísica. Primeira persoa en calcular a temperatura dunha estrela.
  • Ángela Ruiz Robles (1895-1975) mestra, escritora e inventora. Inventou a primeira enciclopedia mecánica
  • Chien Shiung-Wu (1912-1997) física experimental. Realizou importantes descubrimentos sobre física nuclear.
  • Hedy Lamar (1924-2000) inventora e actriz de cine. Inventou o "salto de frecuencia".
  • Katherine Jonhson (1918-2020) física, matemática e científica espacial. Todo un referente na NASA.
  • Margarita Salas (1938) bioquímica. Pioneira en bioloxía molecular.
  • Donna Strickland (1959) física. Inventora dun sistema láser e Premio Nóbel.
  • Maryam Mirzakhani (1977-2017) matemática. Primeira muller en gañar o Premio Fields.
Que o seu exemplo vos axude, especialmente aos rapaces de segundo de bacharelato que estades a iniciar a vosa andaina universitaria!
Boa travesía!




luns, 30 de marzo de 2015

ÁRBORES NO SOFÍA

O día da árbore... Tanto como lle debemos ás árbores, que sería de nós sen elas? No IES Sofía Casanova podedes visitar estes días distintos tipos de árbores vistos desde diferentes disciplinas. Hoxe queremos achegarvos a contribución da Biblioteca a esta conmemoración.

Árbores e bibliotecas. Había tantas posibilidades... Que os libros son de papel, que o papel vén das árbores, que hai itinerarios lectores sobre árbores... E "ler ciencia", porque aí estamos. Foi doado, tanto como relacionar árbore-ciencia, "Árbore da ciencia". E entre as posibilidades escollemos a Árbore da ciencia de Ramón Llull (carteis exposición). Por que, diredes? Por moitos motivos. Algúns:

  • Ramón Llull viviu no século XIII e principios do XIV. Época medieval, a época dos códices. Recordades? Non? Pois mirade este enlace (elaboración dun códice medieval). E ten certo "parecido razoable" con Guillermo de Baskerville, personaxe de... Seguides sen recordar? Outro enlace... Na Biblioteca do Sofía "toleamos" polos códices. Serviron -hai xa dous anos- para rotular a biblioteca con imaxes tiradas dos códices das Cantigas de Santa María (idea dunhas alumnas que están hoxe en 3º ESO). Fixemos -e seguimos a facer- o proxecto "Evolución dos soportes lectores: dos códices á imprenta e da imprenta á era dixital", proxecto que deu pé a varias viaxes culturais: estivemos no arquivo da Catedral de Santiago vendo os códices de cerca (demasiado de cerca, se cadra); e en Oseira; e fomos ver a exposición do gravado no Gaiás... E seguimos traballando, porque a próxima viaxe ao mundo medieval irá polo camiño "De Lago a Santiago" (en elaboración).

  • Ramón Llull concretou na Árbore da ciencia unha clasificación das ciencias en 16 árbores que resulta, a día de hoxe, máis que interesante. Cada unha das 16 árbores de Llull representa unha ciencia (Física, Botánica, Bioloxía, Artes, Antropoloxía, Ética, Política, Astroloxía, Lóxica… ata 16). Vid. imaxe que segue (base: ilustración de 1505; a Árbore da ciencia orixinal é anterior, data de fins XIII-principios XIV).


     

  • E escribía en catalán (tamén en árabe e latín); un sabio mallorquín ligado á corte de Aragón e Mallorca (formado na corte de Xaime I de Aragón, o Conquistador, e protexido do seu fillo Xaime II de Mallorca), contemporáneo de Afonso X o Sabio de Castela (Afonso X estaba casado con Violante de Aragón, filla de Xaime I e irmá de Xaime II), que serve para dar unha imaxe clara do que era o panorama lingüístico na Península Ibérica durante a Idade Media

        Enlace aos carteis da exposición.

Por certo. parece que todo coincide, desde a árbore de Llull saíron distintos itinerarios que conflúen no Camiño de Santiago. E ademais, "cumpren anos"...
  • VII centenario da morte de Llull (morreu no 1315). Peregrinación de Llull a Santiago: na imaxe, Llull ante o apóstolo tal como o ve o seu discípulo Thomas Le Myésier en Breviculum, 1321, Badische Landesbibliothek, IBIS. Vid. nota ao pé. Por certo, Llull, era franciscano e...
  • VIII centenario da peregrinación de Francisco de Asís a Santiago: Exposición San Francisco no Camiño de Santiago: Occidente, o Islam e Terra Santa no tempo de Francisco de Asís, presenza das ordes mendicantes no Camiño de Santiago, cadros do Greco e Zurbarán, esculturas de Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona, pezas medievais de época de Francisco de Asís procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia. Dous peregrinos medievais ilustres entre tantos que percorreron o camiño, pero... Como empezou todo?
  • Exposición: "Camiño. A orixe", na Cidade da Cultura. Desde o punto de partida (ano 820, o eremita Paio acha a tumba e interveñen o bispo Teodomiro e o rei Alfonso II o Casto) ata chegar ao que logo sería Compostela e o fenómeno da peregrinación. Exposición con obras de Durero e Murillo, entre outros.

Pois ben. Nós xa tiñamos previsto facer o camiño desde o Sofía cos trobadores medievais (mirade o site en elaboración "De Lago a Santiago") e percorrer as rúas e espazos da cidade ligados a estes poetas (vid mapa no site). Pero agora, con máis motivo: ademais do roteiro dos trobadores, que nos transportará aos séculos XII, XIII e principios do XIV, temos esas dúas exposicións (a orixe do Camiño (séc. IX) e o Camiño en tempo de Francisco de Asís (séc. XII-XIII) que hai que ver necesariamente. 



Imaxe
Nota.- Ramón Llull foi tamén poeta cortesán, prosista, filósofo, divulgador científico, alquimista, teólogo, eremita, frade franciscano, misioneiro, místico, cruzado, profesor na Universidade de París, viaxeiro incansable... Seguides sen ver -cando menos nalgúns aspectos- "parecidos razoables"? 


domingo, 30 de novembro de 2014

SILVAR NO NOSO CENTRO

O venres 28 de novembro estivo con nós na Biblioteca Xoán R. Silvar no marco das actividades realizadas neste “Novembro, mes da ciencia en galego”. Despois de máis de trinta anos no Sofía dando clase a varias xeracións, Silvar volveu para falar aos alumnos de 2º ESO de “Lingua(s) e ciencia”. A ciencia, os tipos de ciencia, a linguaxe científica, as linguas da ciencia, a investigación da musicóloga suíza Dorothé Schubarth en colaboración con Antón Santamarina e as razóns de por que el, un rapaz de Ferrol, comezou a usar o galego na súa vida particular e profesional, foron varias das cuestións tratadas na súa exposición. Uns poucos privilexiados de 2º ESO B quedaron máis tempo e o bombardearon con preguntas sobre algunhas das facetas da súa vida: a música, a ornitoloxía, o medio ambiente, a súa tarefa como profesor, etc. Moi interesados parecían… Haberá entre eles algún futuro científico?







Continuará… Porque novembro acabaría, pero nós continuamos lendo ciencia na biblioteca e fóra dela.
CientificaMente, no Sofía.