Amosando publicacións coa etiqueta Club de Narrativa Xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de Narrativa Xuvenil. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de abril de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL. "A PRAIA DOS AFOGADOS"

Ola, rapazada!

O pasado luns 23 de marzo tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de primeiro de Bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro A praia dos afogados (2009) de Domingo Villar.


Esta novela lévanos ata a costa de Vigo, onde aparece o corpo dun mariñeiro. Así, o inspector Leo Caldas xunto ao seu axudante, Rafael Estévez, é o encargado de investigar o caso. A través das súas pesquisas, saen á luz segredos agochados entre os vilegos. Amais, as relacións persoais, así como o pasado dos implicados complican o asunto. Deste xeito, o que nun primeiro momento semella un suicidio convértese devagar nunha complexa rede de silencios e mentiras, pois, cada personaxe oculta algo. 


O alumnado asistente destacou o xeito no que o autor constrúe a intriga, malia as abundantes descricións que diminúen o ritmo, mantendo a tensión ao longo de toda a obra. Así mesmo, incidiu na ambientación tan realista da Galicia mariñeira, en cuxas vilas todos saben todo, pero ninguén conta nada, ademais do elemento sobrenatural, sempre presente na nosa cultura popular. Con relación a isto, o estudantado sinalou, finalmente, o vínculo existente entre o título e os personaxes da obra, insinuando que os «afogados» son en realidade aqueles atormentados pola culpa, pola vinganza e pola dor. 

Sen dúbida, unha novela moi recomendable se che gustan as historias policiais con ritmo pausado, mais cheas de misterio, nas que cada detalle conta e nada é o que parece. Prepárate para mergullarte nunha investigación chea de sombras e segredos!

Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra Anagnórise (1988) de María Victoria Moreno.

martes, 10 de marzo de 2026

LENDO AS BRUXAS NO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola, rapazada! 

O pasado luns 9 de marzo tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de primeiro de ESO no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro As bruxas (1983) de Roald Dahl. 


Esta obra narra a historia dun neno que vive coa súa avoa e que aprende, grazas a ela, todo o que hai que saber sobre as bruxas de verdade. Segundo lle explica, estas non levan sombreiro picudo nin montan en vasoira como nos contos: parecen mulleres completamente normais, pero odian os nenos e fan todo o posible por desfacerse deles! Cando o protagonista e mais a súa avoa chegan a un hotel en Inglaterra para pasar uns días de vacacións, descobren, por casualidade, que alí se está a celebrar unha reunión secreta de bruxas de todo o país, dirixidas pola terrible Gran Bruxa Suprema. A partir deste momento, o rapaz terá que enfrontarse a un plan moi perigoso, que pretende eliminar a todos os nenos do mundo. 


O alumnado asistente destacou, sobre todo, o ton divertido e, ao mesmo tempo, desacougante da historia, así como a imaxinación do autor á hora de describir as bruxas e os seus plans. Tamén, chamou a atención a valentía do protagonista, quen non dubida en loitar contra o mal con intelixencia e sentido do humor, e o final, onde se destacou a idea da morte mais sen dramatismo excesivo.


Sen dúbida, unha novela máis que recomendable se che gustan as historias cheas de aventuras, algo de medo e moita fantasía. As bruxas é un libro que se le axiña e que demostra que, ás veces, mesmo as persoas máis pequenas poden enfrontarse aos perigos máis grandes. 

Vémonos na vindeira xuntanza do club de lectura!


xoves, 8 de xaneiro de 2026

ÚLTIMA XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL DO PASADO TRIMESTRE

Boas, rapazada!

O pasado luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro de bacharelato leu O crepúsculo e as formigas, escrito por Xosé Luis Méndez Ferrín, un dos autores máis prolíficos da Nova Narrativa Galega, e publicado pola editorial Galaxia en 1961. 


A obra componse de once relatos curtos orientados cara a un realismo cru, con personaxes baseados en prototipos reais e acontecementos que rematan cunha sorpresa final. Por tanto, a obra aproxímase ao naturalismo, ás veces, de maneira esaxerada, pois, o autor adoita recrearse na descrición do sórdido e no tratamento da morte, elemento constante por considerarse a fin lóxica e natural do proceso humano. Así, acontece, por exemplo, en "O Suso" ou en "A cabeza fendida", nos que os escenarios axudan a crear o clima de agresividade, así como un ambiente de constante escuridade. Amais, é frecuente a aparición dun narrador-protagonista, que vai adentrando á persoa lectora na historia e subindo o clímax ata finalizar o narrado.


O estudantado destacou a función catafórica da portada, na que as persoas camiñan como formigas en ringleira movidas por forzas cegas que as conducen a finais tráxicos. Alén disto, sinalou as características propias da variedade sintópica empregada na obra (bloque occidental), así como o nivel popular-vulgar e o rexistro coloquial usado polos personaxes dos relatos. Finalmente, fíxose fincapé na presenza da violencia nas relacións humanas, e da infancia perdida, características propias dos autores e das autoras da NNG, e presentes en obras, como Vento ferido (Casares, 1967). 


Sen dúbida, o escrito é un referente imprescindible da literatura contemporánea e un dos títulos con que a nosa narrativa se incorporou á modernidade europea daquel momento. 

Boa volta ás aulas!

martes, 6 de xaneiro de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Boas, rapazada!

Esperamos que esteades a pasar un Nadal estupendo e comezásedes con ilusión o novo ano. Desexámosvos o mellor para 2026.

Desculpade polo atraso, pero publicamos agora a recensión dos últimos encontros antes das vacacións. O luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro e segundo curso da ESO leu O misterio de Portomarín, primeira novela de Antía Yáñez e publicada en 2016. 


Nesta obra, a autora achega a historia de catro irmáns que pensan que o verán vai ser igual de monótono e gris que todos os anos. Secasí, por unha serie de casualidades, convértense no equipo idóneo par investigar un misterio que a xente coidaba esquecido, a saber: os segredos que, durante séculos, gardou a vila que descansa debaixo das augas do encoro e que agora saen á luz. 


O estudantado compartiu opinións moi positivas a respecto do libro, destacando a súa simpatía pola figura do cadelo, os xiros dramáticos do relato, os cales lle causaron unha fonda sorpresa, e os misterios que agocha o noso país, terra marcada polo sobrenatural, polo lendario e pola maxia.


Sen dúbida, unha lectura máis que recomendable se es unha persoa afeccionada á intriga, á aventura ao más puro estilo de Los Cinco de Enyd Blyton e, ao pasado das nosas vilas. 


sábado, 15 de novembro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL: CARTAS DE INVERNO

Ola rapazada! 

O pasado luns 10 de novembro tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro Cartas de inverno (1995) de Agustín Fernández Paz. 

Esta obra narra a historia do escritor Xabier Louzao, quen, despois dunha longa estadía en Quebec, volve a Galicia e se atopa coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Porén, alí, na vella vivenda colonial, os dous amigos teñen que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

O alumnado asistente destacou como o autor se apoia nas ilustracións de Antonio Seijas á hora de contar os feitos, así como a temática de terror, referida ás casas antigas encantadas e aos seres estraños, ao máis puro estilo Edgar Allan Poe ou H.P. Lovecraft, quen é mencionado na propia obra, por certo. 

Sen dúbida, unha novela máis que recomendable, se che gusta o suspense, que as túas pulsacións suban e chorrear adrenalina. Goza da súa lectura e pasa un anaco arrepiante!

Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra O crepúsculo e as formigas (1961) de Xosé Luis Méndez Ferrín.


luns, 10 de novembro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL. FORMIGAS

Ola rapazada!

Hoxe tivemos dúas sesións do Club de Narrativa Xuvenil. No primeiro recreo xuntámonos as rapazas de 1º de ESO logo de ter adiada a sesión por causas alleas á nosa vontade. No segundo tivemos a sinalada reunión co alumnado de 4º e bacharelato. Nesta entrada falaremos da primeira xuntanza e noutra posterior da segunda. 


Na sesión comentamos a lectura dunha novela da saga Formigas de Pepe Tobaruela e que xa vai polo volume 8: Misión París, Misión Nova York, Misión Barcelona, Misión Tokyo, Misión Camiño de Santiago, Misión Rosalía, Misión Entroido e Misión Samaín


Concretamente limos Formigas: misión París. Nela a brigada especial da policía chamada Formigas integrada por FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 E FORM4IL resolve a desaparición de varios persoeiros arrincados de cadros do Museo do Louvre como a rapaza do cuadro de Delacroix A liberdade guiando ao pobo.


A novela resultoulles fácil de ler e gustou moito ás nosas sete rapazas lectoras (Alicia, Antía, Blanca, Inés, Laia, Sabela e Xiana), algunhas das cales xa coñecían París e o Museo do Louvre. 

Vémonos na seguinte xuntanza con O misterio de Portomarín de Antía Yáñez.

luns, 29 de setembro de 2025

PRIMEIRAS XUNTANZAS DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA E DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapazada!

O pasado mércores 24 tivemos xa na nosa biblio a primeira xuntanza do Club de Novela Gráfica. O anexo estaba repleto de xente e esquecémonos de tomar fotografías. Pero xa repartimos os exemplares das tres seccións:

  • ¿Y a ti qué te ha pasado? para os rapaces de 1º e 2º da ESO
  • Heartstopper para os rapaces de 3º e 4º da ESO
  • ¿A quién benefician las migraciones? para os rapaces de BAC

Hoxe tivemos a sesión inaugural da  xuntanza sobre Narrativa Xuvenil. Formáronse dous estupendos grupos que terán as seguintes lecturas: 

  • Formigas: misión París para 1º de ESO.
  • Cartas de inverno para 4º e BAC.



Aquí vos deixamos as posibles datas dos vindeiros encontros.



luns, 26 de maio de 2025

ÚLTIMA XUNTANZA COS RAPACES DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapazada!

Hoxe tivemos a última xuntanza cos rapaces de 3º da ESO do Club de Narrativa Xuvenil. Comentamos a lectura de O torque de Burela de Antía Yáñez e fixemos o repaso final do curso que está a piques de rematar.


Repartimos tamén a novela gráfica O corpo de Cristo de Bea Lema, porque tamén van a participar no encontro coa premiada dibuxante e escritora que virá o vindeiro martes 3 de xuño.


Estades todos convidados ao noso xantar do final de curso que será ese mesmo día 3.

Esperámovos!

domingo, 30 de marzo de 2025

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapaces e rapazas!

O pasado venres tivemos a sesión aprazada do Club de Narrativa Xuvenil. Leramos O misterio de Portomarín cos rapaces de 1º a 3º da ESO. 


Estamos a preparar a visita da autora, a escritora Antía Yáñez que esperamos en breve. Ao finalizar esta novela comezamos a lectura da súa continuación O misterio do torque de Burela.



Da gusto oirvos falar de libros e de misterio!




luns, 17 de marzo de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapazada!

Hoxe tivemos unha nova xuntanza da sección de 1º de BAC do Club de Narrativa Xuvenil. Rematamos de ler Ollos de auga do desaparecido escritor Domingo Villar, do que algún de vós xa lerades A praia dos afogados, outra novela protagonizada pola parella do inspector Caldas e o seu axudante Estévez.


Moitos de vós comentastes as vosas opinións sobre a lectura e Lucía deunos algunhas chaves para entenderlla mellor e animonounos a ler tamén a súa última novela: O último barco.   


A vindeira reunión será co libro Senlleiras de Antía Yáñez, da que xa podemos adiantar a súa visita para falarnos desta novela e dalgúnhas outras.


Vémonos!

martes, 28 de xaneiro de 2025

OLLOS DE AUGA DE DOMINGO VILLAR. NOVA LECTURA CO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapaces!

Onte tivemos xuntanza cos rapaces de Bacharelato do Club de Narrativa Xuvenil. Comezamos coa lectura de Ollos de auga, a primeira novela da saga de Leo Caldas, o inspector de policía de Vigo que inmortalizou Domingo Villar en A praia dos afogados e O último barco.


As lectoras e lectores comentaron que lles está gustando moito a novela. Falamos da personalidade do "patrulleiro das ondas", do contraste entre o seu xeito de traballar e o do seu axudante, o aragonés Rafael Estévez. Comentamos a relación entre o personaxe a a cidade de Vigo e a súa contorna. 


O saxofonista Lois Reigosa aparece morto no seu dúplex da illa de Torregrosa cunha crueldade morbosa. A parella de policías comeza o escrutinio. Quen será o asasino? 

Enterarémonos na vindeira xuntanza no mes de marzo.


 


luns, 20 de xaneiro de 2025

XUNTANZA DE NARRATIVA XUVENIL SOBRE LÚA NOVA

Ola rapaces!

No Club de Narrativa Xuvenil analizamos a novela Lúa Nova de Irene Montero, a escritora ferrolán que visitounos o pasado curso.


As alumnas e alumnos de 1º, 2º e 3º comentaron que vían de maneira moi positiva como a protagonista, a pianista Lúa, desenvolvía a súa vida desde nena con autonomía e como o trato da súa familia favorecía esta independencia en lugar de marcarlle límites asociados á súa discapacidade visual.



Vémonos na vindeira sesión!


martes, 17 de decembro de 2024

CLUB DE NARRATIVA XUVENIL. RESISTENCIA DE ROSA ANEIROS

No Club de Narrativa Xuvenil do 16 de decembro falamos coa rapazada de 4º da ESO e 1º de bacharelato da novela Resistencia de Rosa Aneiros

En concreto, o alumnado reflexionou sobre como a intolerancia ás diferentes ideoloxías e formas de ver o mundo das persoas pode truncar vidas cheas de esperanza. A obra sitúase no século XX en Portugal e concluímos que é preciso coñecer a historia e practicar o diálogo para evitar caer nas inxustizas do pasado. 

A seguinte obra que imos ler é o éxito de Domingo Villar Ollos de auga. Imos así a unha novela chea de acción e suspense.



luns, 4 de novembro de 2024

O CLUB DE NARRATIVA XUVENIL COMEZA CON RESISTENCIA DE ROSA ANEIROS

Ola rapaces!

Unha nova sección do Club de Lectura comezou hoxe. Trátase do Club de Narrativa Xuvenil de 4º da ESO e 1º de BAC. Comezamos coa lectura de Resistencia de Rosa Aneiros. Acudiron un grupo de 10 rapaces que comentou animadamente as súas impresións sobre a novela, da que limos unhas 70 páxinas. En decembro a remataremos. 

Ambientada en Portugal, a historia, que supón o debut de Rosa Aneiros na narrativa, cóntanos a vida de varias xeracións entre os anos 20 e 90 so século XX. Compre destacar a historia de amor entre Dinís e Filipa, abocada ao fracaso polas súas diferencias sociais, pero que está chamada a resistir...