Amosando publicacións coa etiqueta Club de debate. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de debate. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de marzo de 2026

O CLUB DE DEBATE NO PARLAMENTO XOVE

Boas, rapazada!

Despois dun arduo traballo, na derradeira fin de semana de febreiro e na primeira de marzo, os equipos de debate do Sofía Casanova acudimos á liga de debate Parlamento Xove e a experiencia non puido ser máis enriquecedora.

Chegamos o venres pola tarde á Residencia de Tempo Libre do Carballiño, onde, tras acomodarnos nos nosos cuartos, sortearon os horarios e os rivais aos que nos enfrontariamos o sábado.


Afrontar o tema deste ano, “A dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe?”, non foi unha tarefa sinxela. Tivemos que buscar e contrastar datos, filtrar a información e convertila en argumentacións de peso para defender as nosas teses.


O crecemento entre o primeiro debate e o último dos dous equipos foi espectacular e a nosa vitoria estivo en cada palabra dita e en cada medo superado. Os nosos oradores e oradoras demostraron nas súas intervencións que no centro temos unha nova xeración de pensadores críticos que non se renden ante as dificultades.


Queremos dar os parabéns, por unha banda, a Antón Corral, María Franch, Martín Arzúa e Myriam Varela (4.º de ESO) e, por outra, a Yunaisi Lissett, Hugo Gacio, Noa González e Isabel Alsina (1.º de Bacharelato), pola súa implicación e pola súa incrible solvencia ante os equipos rivais. Podedes ver os debates gravados en: https://xuventude.xunta.gal/es/programas-c/parlamento-joven-c

Elas e eles xa están pensando na estratexia para o ano que vén! 

E vós? Animádesvos a unirvos ao Club de Debate? 

Seica vai haber unha liga interna no centro… Estade atentas!


luns, 2 de febreiro de 2026

O CLUB DE DEBATE DEBUTA NO TORNEO DE DEBATE ACADÉMICO

Boas, rapazada!

Tras meses de traballo, busca de argumentos, evidencias e refutacións, a pasada semana os nosos equipos do Club de Debate debutaron con moita ilusión no Torneo de Debate Académico de Galicia (TDAG) da Fundación Barrié, na Coruña.

Nos días previos, as comidas no anexo da biblioteca mesturáronse cos ensaios dos discursos, as postas en escena, as preguntas sorpresa, os exordios e as improvisacións.


O xoves 29 collemos rumbo á Coruña para batermos en duelo dialéctico contra equipos de gran percorrido no mundo do debate, dos que aprendemos moito, tanto no fondo como na forma.


Por unha banda, Miguel e Lucas (2.º ESO), xunto con Lois, Inés, Eyden, Anxo e Mar (3.º ESO), tiveron que discutir se os deberes eran necesarios para unha mellor aprendizaxe. Por outra, Antón, Martín e María (4.º ESO), con Yunaisi, Noa, Isabel e Hugo (1.º Bac), debateron sobre se os seres humanos somos bos por natureza ou non.

Ambos os dous temas deron lugar a razoamentos moi ben fundamentados e a intercambios de ideas que nos removeron por dentro e nos deixaron con máis dúbidas das que levabamos.


E vós, que pensades? É mellor aprender con ou sen deberes? A bondade nace connosco ou é algo aprendido? Contádenos nos comentarios!

Para rematar, queremos darlles a noraboa a todas as integrantes do club polo seu entusiasmo, a súa implicación e o seu interese pola arte de falar en público. Moitas grazas e a seguir debatendo!

Próxima parada: Parlamento Xove!

luns, 13 de outubro de 2025

O CLUB DE DEBATE ARRINCA CON FORZA

Ola rapazada!

Durante as dúas últimas semanas, o club de Debate xuntouse para practicar as súas argumentacións por cursos. Debatiron sobre o feito de levar uniforme nos centros escolares. Un rapaz defendía unha postura a favor e o outro argumentaba en contra. Lucía está tomando nota das exposicións de cada un para darlle o seu rol nos debates futuros. 


Lucía xa programou as novas reunións dos martes deste trimestre e que están resumidas neste cartel, que tamén podedes consultar nos corredores e na biblio. 

 
Parabéns polo voso esforzo e moita sorte nos vindeiros debates!