Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA 17-18. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA 17-18. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de xuño de 2018

O NOSO CENTRO NAS XI XORNADAS DO CLUBS DE LECTURA

Ola rapaces!
Onte a nosa coordinadora Pilar Berrio, no nome do todos nós, falou das actividades do Club de Lectura nunha mesa redonda: "Estratexias para a selección de lecturas" no marco das XI Xornadas que levan por título Encontro de Clubs de Lectura en Santiago de Compostela.

Estamos satisfeitos de que, deste xeito, se dea visibilidade ao noso itinerario lector de novela histórica que levounos dende a prehistoria, a Roma Clásica, a Idade Media, ao descubrimento de América, a Galicia do XVI, a expedición da variola de 1803 e a Guerra Civil.

Aprendimos moito e queremos seguir viaxando pola historia o curso que vén.

Moitos compañeiros doutros centros felicitáronos e iso incrementa as nosas ganas de seguir a traballar pola lectura e o coñecemento.
Graziñas a todos!

mércores, 30 de maio de 2018

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA: TRISTES ARMAS


Ola rapaces!
Onte tivemos a derradeira sesión do noso Club de novela histórica, sen contar coa festa final de tortas. A verdade que foi unha pena que non puideramos vir ao completo porque tanto a novela (Tristes armas de Marina Mayoral) como a presentación feita por Sara Pena e Daniela Katrib pagaron a pena.

A novela conta a historia de dúas irmás, Harmonía e Rosa, que parten para a URSS como tantos nenos do Norte de España. Reflicte a dor da súa nai, Carmiña, e a loita por reunir a familia rota. Conta sen maniqueísmos o absurdo da guerra que enfrontou a amigos e familiares. Sobre todo salienta como os lazos da amizade perduran a pesares das divisións das ideas.

Eva explicounos o contexto histórico da Guerra Civil española, as axudas internacionais en cada bando e as viaxes dos nenos refuxiados á URSS que se estiman en 34000 de entre 5 e 15 anos. Púxonos un interesante documental sobre algúns sobrevivintes.

Logo entre todos falamos de recomendacións para as lecturas estivais que aparecerán no noso próximo boletín.

Vémonos na festa das tortas.

mércores, 9 de maio de 2018

NO IES FERROL VELLO

Ola rapaces!
Pois sí, este último trimestre está sendo o das visitas. Estivemos no IES Concepción Arenal, onte no IES Ferrol Vello e o vindeiro día 22 imos ao IES de Catabois.
Pero agora toca falar da visita de onte no Ferrol Vello na que os dous Clubs do noso centro: o Club de Ciencia e o Club de Lectura uniron intereses para facer unha actividade conxunta. O que, debo dicir, foi un auténtico éxito. Hai que repetilo!

A verdade que a caminata non foi pequena, pero logo recibíronos cunha exquisita hamburguesa coa que retomamos forzas. 

Os rapaces de Ferrol Vello eran moi agarimosos e estaban perfectamente organizados. Dividíronos en grupos pequenos comandados polos voluntarios. Foron rotando nas distintas estancias: laboratorio, aula de teconoloxía, biblioteca, aula de informática, etc. onde debíamos facer distintos experimentos.

Tiveron o detalle de agasaiarnos cunha medalla do seu instituto feita coa super impresora en 3D.

Logo de rematar as actividades, despedímonos con pena, pero coa ledizia de haber atopado novos amigos. 

Quedamos que o vindeiro curso, teñen que vir eles ao noso centro.

martes, 17 de abril de 2018

OS NENOS DA VARIOLA

Ola rapaces! Esta vez escribo xustiño ao remate da nosa sesión de hoxe sobre a novela de María Solar, Os nenos da variola.


Logo dalgúns problemas de última hora, Carlos fíxonos unha estupenda presentación. Falounos da vida e obra da escritora, presentadora da TVG. Contounos o argumento da novela, baseado en feitos reais, a Real Expedición Filantrópica da Variola, no ano de 1803. Describiunos os personaxes: os nenos (Ezequiel, Clemente, Inés, Benito, Tomás...); os doctores (Posse, Balmis, Salvany); as mulleres (Isabel de Zendal, Candela, a irmá Valentina...). 

Tamén vimos un reportaxe sobre a serie 22 anxos, sobre a historia épica desta expedición.


Como xa é habitual, Eva preparounos un xogo sobre a novela. Esta vez un Kahoot, moi dinámico e divertido.


Espero que vos gustara a sesión. Vémonos pronto.


domingo, 25 de febreiro de 2018

DESCUBRINDO AMÉRICA CON NOSO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!
O pasado martes 20 tivemos a nosa xuntanza do Club de novela histórica. O libro correspondente era El oro de los sueños do gran escritor leonés José María Merino. Cóntanos as aventuras de Miguel, un rapaz mestizo (fillo dun conquistador español e dunha india) que se embarca nunha trepidante aventura no interior da selva inexplorada. Amizade, amor, traición, ambición son algúns dos ingredientes desta historia tan ben escrita como fiel reproductora da fala, dos costumes dos homes e mulleres que cruzaron o Atlántico na procura dun soño.



David Gutiérrez fixo a presentación tan ben como nos ten acostumados.


E Eva preparounos esta vez unha caza do tesouro con probas baseadas no contido da novela e na historia de América. Entre elas tiñamos que facer un calendario maia que nos quedou moi xeitoso. O premio era moi apropiado, por suposto, ouro, pero tamén o ben máis preciado que atopamos nas Américas: o chocolate.



De novo aprendimos e disfrutamos en partes iguais.
Ata a próxima.
Se queredes seguir a busca do tesouro que utilizamos para esta sesión do club de lectura, aquí tedes as actividades:

xoves, 21 de decembro de 2017

El CHICO DE LA FLECHA

Ola de novo!
Antes de que me esqueza e que remate o día, poño aquí as fotos desta xornada tan divertida na que recordamos o mundo de Roma e o mundo castrexo. 


Lembrade que podedes ampliar información sobre estas civilizacións na cantidade de libros que sobre o tema temos na biblioteca a vosa disposición.

Grazas as aventuras de Marco e Aselo, os protagonistas de El chico de la Flecha de Espido Freire, coñecimos a cidade romana de Emérita Augusta e a maneira de vivir dos hispanos durante o século I d.C. 


Para descubrir os lugares onde transcorre a vida destas personaxes podedes consultar a seguinte presentación.







martes, 19 de decembro de 2017

ACTIVIDADES DESTA SEMANA

Ola rapaces!

Xa sei que está semana estades moi cansos, desexando coller as vacacións de Nadal. Pero lembrade que aínda vos temos preparadas varias actividades para despedir o trimestre:


Hoxe temos a sesión do itinerario de novela histórica correspondente a Roma. Ilustrarase coa lectura de El chico de la flecha de Espido Freire. Decoramos a biblioteca con ambientación da época. Podedes vir disfrazados de personaxes tanto do mundo romano (lexionarios, gladiadores, senadores, damas...) como do mundo castrexo (guerreiros, damas...)


Mañá, dentro do programa de bibliotecas escolares solidarias, teremos a primeira visita a residencia de anciáns Geriatros, onde recitaremos poemas de autores da literatura castelá e galega por parte dun grupo de voluntarios que agasallan co seu tempo e co seu agarimo aos nosos maiores.




xoves, 16 de novembro de 2017

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

O pasado martes día 14 tivo lugar a nosa primeira xuntanza do Club de Lectura deste curso, no que imos mergullarnos nun novo itinerario lector, o da novela histórica. Da man de novelas axeitadas para un público adolescente percorreremos as principais etapas históricas e profundizaremos nos seus contextos culturais, políticos, artísticos.
De momento, o noso primeiro texto foi El clan de Atapuerca. 1. La maldición del hombre jaguar de Álvaro Bermejo (Editorial Anaya). Trátase da primeira entrega dunha serie na que coñecemos a tribu dos ata, na era dos homo sapiens. Unha rapaza de misteriosos ollos azuis e unha perna enferma debe enfrentarse ao rexeitamento do mago do clan que ve nela un perigo para todos. Un talismán no corno dun mamut coa forma dun home xaguar e o ataque do temible oso cavernario nos esperan.

David Gutiérrez e Sara Ladra fixeron a presentación, malia que houbo un malentendido e pensaron que o libro que tiñan que ler era El clan del oso cavernario de Jean Marie Auel, a primeira novela da célebre saga Los hijos de la tierra, ambientada no paleolítico. A verdade que a confusión permitiunos coñecer esta interesante saga, da que Álvaro Bermejo toma a súa inspiración. Os interesados poden ver a súa estupenda presentación na plataforma de Edmodo.
Tamén aprendimos moito coas ferramentas que trouxo Eva, coas historias de Vily e as aportacións de Emilio.
Alegrounos moito ter de novo a visita do noso universitario favorito, Diego.
Agora esperamos con ledicia o noso vindeiro libro, El chico de la flecha de Espido Freire, no que viaxaremos á época romana, a Emérita Augusta.


martes, 3 de outubro de 2017

COMEZA O NOSO CLUB

Ola, rapaces! 
De novo convosco logo dos meses de lecer. Invítovos a participar (especialmente aos que chegades por primeira vez) nas nosas actividades. Este ano  teremos algunhas sorpresas: 
  • Club de Lectura. 
  • Club de Escritura. 
  • Club de Manga. 
  • Voluntariado. 

Para falar dos novos plans, convócovos a unha xuntanza o vindeiro martes día 10 ás 16 horas na biblioteca.

Vémonos.