Amosando publicacións coa etiqueta Actividades do Día das Letras Galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades do Día das Letras Galegas. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de maio de 2024

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Ola rapaces!

Rematando xa a Semana das Letras Galegas, vos resumimos aquí moitas das actividades que estamos levando a cabo, agasallando a nosa autora Luisa Villalta da que podedes ver un cartel na entrada do centro. 



O luns tivemos a visita de Andrea Maceiras, autora da que leron en 1º de ESO Alma de elefante, unha historia de crecemento e de amor aos animais.

O martes participamos no Festival das Letras no salón de actos con bailes e actuacións sobre as que vos contaremos máis adiante polo miúdo. 


O martes tivemos un estupendo roteiro en Mondoñedo cos rapaces de Literatura Universal e Antropoloxía de 1º de Bac. Visitamos a catedral, o seminario, a casa museo de Álvaro Cunqueiro, o cemiterio, a imprenta e o Pazo de san Isidro. Atendeunos Valentín, o campaneiro, e a noticia saiu en La Voz de Galicia 



O mércores acudiú Eva Mejuto e falou en 4º da ESO da súa  novela 22 segundos.



sábado, 25 de maio de 2019

ACTIVIDADES DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ola rapaces!
Seguro que estades pensando que temos unha boa empanada. Pasou xa o Día das Letras Galegas (e aínda a súa correspondente Semana das Letras Galegas) e nós sen publicar nada.
Isto non significa que no Sofía non teñamos feito nada para celebrar este día grande. A explicación está en que se decidiu aprazalo ata o vindeiro día 28 coa estrea da obra de teatro do noso grupo teatral.
Pero na biblioteca desde hai  varias semanas fixemos unha
proposta de actividades para todo o centro que se difundiu entre as titorías por medio  do Departamento de Orientación e  o EDL, colaborando ademais  na difusión do material istitucional sobre Fraguas que tedes nos corredores. No espazo da biblioteca tamén podedes ver unha fermosa árbore cos traballos realizados polos alumnos sobre o autor homenaxeado neste 2019.
Aquí vos queremos deixar a páxina web que fixemos cos traballos dos rapaces e os diversos muros onde aparecen. 
Chama a atención o "Proxecto Museo Etnográfico Virtual" no que, aproveitando os obxectos que temos recollidos no Museo creado por antiguos profesores do Sofía como Meizoso ou Llorca, estes obxectos tradicionais falan e se presentan eles mesmos en senllos vídeos realizados por vós, rapaces. O poder das novas tecnoloxías na que sodes verdadeiros mestres. 
Este proxecto responde á preocupación constante de Antón Fraguas Fraguas (1905-1999) pola cultura tradicional de Galicia, eido no que salientou como investigador, historiador, etnógrafo, recuperador, escritor e difusor. Participando en numerosos  grupos e institucións preocupados por este mismo fin como: As Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o  Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a  Real Academia Galega, donde ocupou a praza de Castelao. Unha traxectoria que culmina na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi membro fundador e director.
A través destes vídeos tamén vós facedes os vosos propios traballos de investigación. Desexamos que servisen de homenaxe non soamente a Antón Fraguas, senón á nosa cultura galega posuidora dun importantísimo patrimonio material e inmaterial popular do que este autor se ocupou ó longo da súa dilatada traxectoria.