Amosando publicacións coa etiqueta día do libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta día do libro. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO 2021

 Ola rapaces!

Pois xa está aquí o Día do Libro, a festa na que tradicionalmente o Departamento de Lingua Castelá en colaboración coa biblioteca adica as súas actividades a un autor o a un tema. Outros anos (podedes consultar o noso blog que xa vai tendo bastante solera) os autores elixidos foron: Charles Dickens, Edgar Allan Poe, Nicanor Parra, Benito Pérez Galdós; os temas tratados foron as fábulas, os relatos, a poesía...


Este ano a elixida foi unha muller, ademais coruñesa: a escritora dona Emilia Pardo Bazán (1851-1921) da que se cumpren 100 anos do seu pasamento. Xa noutras entradas deste blog informamos das adquisicións que a biblioteca fixo relativas a esta autora: biografías, películas, versións xuvenís, antoloxías, edicións de clásicos...

Seguro que xa vistes os carteis que adornan os corredores, as escaleiras, as aulas, con imaxes e textos da escritora, especialmente aqueles cunha clara mensaxe feminista, xa que dona Emilia foi unha das primeiras e máis aguerridas defensoras da igualdade de xénero.

Ademais o Departamento convocou un concurso de relatos para todos os alumnos do centro, dividido en tres categorías:

  • 1º e 2º de ESO con 12 participantes.
  • 3º e 4º de ESO con 7 participantes. 
  • 1º e 2º de BAC con 41 participantes.

Por outra banda, este ano, por mor da pandemia, non puidemos facer as nosas tradicionais lecturas no salón de actos, pero esto non impediu que os alumnos da ESO traballaran textos desta escritora.

  • En 1º de ESO fixeron un eixe cronolóxico da vida e da obra de dona Emilia co que adornaron as súas aulas.
  • En 2º de ESO leron o relato "El indulto" e traballaron aspectos da condición da muller na época.
  • En 3º de ESO visionaron a película "A condesa rebelde" e fixeron actividades sobre a vida e o pensamento da autora.
  • En 4º da ESO leron o conto policíaco "A cana" e escolleron as súas citas favoritas para adornar as aulas.

Despois de todas estas actividades, pensamos que todos nós coñecemos un pouco mellor a figura de dona Emilia e valoramos as súa loita en prol do melloramento das condicións de vida das mulleres.

Parabéns a todos pola vosa participación!



martes, 23 de abril de 2019

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Ola rapaces!

Hoxe é un deses días de posta de largo, de verdadeira festa. Día do Libro polas mortes de dous xenios como Miguel de Cervantes e William Shakespeare. Día das Letras en todas as linguas.
Como vén sendo tradición, hoxe entregouse o Premio Cervantes, o galardón máis importante que recoñece a obra completa dun autor en lingua española. Este ano o premio recaeu sobre a poetisa uruguaia, de 92 anos, Ida Vitale que deu un auténtico recital de humildade no paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares.


Pola nosa parte, dun xeito máis modesto, sempre celebramos esta data liderados polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura. Este ano encheu os corredores (e tamén a parede exterior malia a choiva) de carteis. Na preparación do atrezzo temos que mencionar a excepcional colaboración dun grupo de voluntarios de 1º BAC que o pasado xoves 11 de abril quedaron ata as 7 da tarde pintando os carteis. Grazas, chicos.


A celebración dura toda a semana pero o prato forte terá lugar o vindeiro día 26 cos clásicos recitais. Este curso quixemos adicalo ao relato curto e máis concretamente á fábula.


Sobre todo isto iremos informando. 
Hoxe, como non podía ser doutra maneira, dende a biblioteca, felicitamos ao Departamento de Castelá e aportamos con esta entrada o noso grao de area.
Tamén informaremos das xuntanzas dos nosos Clubs de Manga e de Novela Romántica que hoxe tiveron lugar. 

sábado, 28 de abril de 2018

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!
Como esta semana foi tan completiña, aínda non fixemos a entrada da visita a Geriatros do mércores día 25. 
As palabras quédanseme curtas, pois se sempre estou orgulloso de vós, o desta volta foi incrible. Todos, absolutamente todos. Dende os Quixotes, Sanchos, ata os portadores dos muíños, pasando polo Ginés, o Garda, a Sobriña, a Ama, o Cura e o Barbeiro, e polas recitadoras de sonetos, e, como non, a nosa presentadora, todos, todiños estivestes de dez.
Parabéns! 
E grazas polo voso tempo, polo voso entusiasmo que non para de medrar. E xa somos vinte e dous!
O mellor será que botedes unha ollada aos vídeos que preparou, coma sempre, Vily.


martes, 24 de abril de 2018

ACTIVIDADES DO DÍA DO LIBRO: 23 DE ABRIL

Ola rapaces!
Parabéns a todos os que participastes na lectura de poemas de onte organizada polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura para celebrar o Día do Libro. 
Sodes uns magníficos recitadores de textos. 
Espero que pasarades un bo día e que teñades ganas de ler e de escribir poesía a partires de agora.
Déixovos un vídeo con algunhas imaxes do recital.




mércores, 20 de abril de 2016

18 ABRIL A 18 DE MAIO: MES DAS LETRAS NO SOFÍA

23 de abril
DÍA DO LIBRO

17 de maio
DÍA LETRAS GALEGAS
DÍA DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN E DAS TELECOMUNICACIÓNS

Ilustración: Fernando Vicente

É imposible que non o virades: está por todas partes, nas paredes, no espírito, no ambiente, mañá e pasado no salón de actos... Referímonos ao excelente traballo realizado polos alumnos do Sofía e coordinado polo departamento de lingua castelá e literatura para conmemorar os 400 anos do pasamento de Cervantes e Shakespeare. 

Ilustración: Fernando Vicente


Si, tamén é casualidade: os dous grandes xenios da literatura universal morreron -iso din- o mesmo día do mesmo ano, un 23 de abril de 2016. Tiñan ben merecido facer xuntos esa última viaxe, coincidir dalgún xeito para, se cadra, falar das súas cousas (literarias, entendemos). E, de seguro, coincidiron. O feito de non facelo sería unha "inxustiza cósmica" (cito as palabras dun compañeiro). Así os ve o ilustrador Fernando Vicente, man a man para a posteridade:



Con esta intensa semana arranca o mes das letras no Sofía. Haberá máis Cervantes, Shakespeare, outras efemérides (os nosos cumpren anos: vid. pestana do menú), algo de misterio, o concurso de marcapáxinas, as letras galegas con Manuel María... E así ata o día 18, centenario das Irmandades da Fala.

Teredes as imaxes, pero hai tanto material que aínda hai que seleccionar. Por iso recorremos a estas ilustracións de Fernando Vicente para esta entrada. De momento.

luns, 28 de abril de 2014

A celebración do día do libro no Sofía.

Ola poetas:

Este ano, adicamos as nosas sesións de lectura do día do libro na bibliotaca do instituto a dous dos máis grandes autores de literatura en castelán: Octavio Paz e Julio Cortázar. Aproveitamos que este ano celebrabamos o centenario do nacemento de ambos autores para preparar un par de páxinas e poder coñecer mellor a súa obra.


A páxina de Julio cortázar é esta. Nela poderedes consultar a súa biografía, ler interesantes e estimulantes textos e, asemade, escoitar a.súa propia voz ou velo nunha vella entrevista de TVE. A páxina de Octavio Paz é estoutra. E tamén poderedes escoitar a súa voz, velo nunha entrevista de TVE e leer a súa obra poética.


As lecturas da semana pasada foron divididas en dous niveis. Así, os alumnos da ESO leron textos de Historias de cronopios y de famas de Julio Cortázar e os de 1º de Bacharelato leron Piedra de sol de Octavio Paz.


Por outra parte, e como non podía ser doutro xeito, tamén aproveitamos a ocasión para lle facer unha pequena homenaxe a Gabriel García Márquez, co gallo do seu pasamento, e limos un relato, "El ahogado más hermoso del mundo",  para afundirnos no real e no marabilloso que tan ben retratou na súa extensa obra. Se o queredes ler, non tedes máis que pulsar aquí

Ata outra, poetas.