Amosando publicacións coa etiqueta xavier alcalá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xavier alcalá. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de abril de 2024

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO. PRIMEIRA PARTE

Ola rapaces!

Estes días estamos a ter moitísimas actividades na biblio para celebrar o Día do Libro! Para que non se nos esquezan faremos un repaso.
O martes 23 fomos de excursión a facer un roteiro literario en Mondoñedo da man de Milca, paisana da cidade episcopal. Os alumnos de 4º de ESO visitamos a catedral, a casa de Cunqueiro, a imprenta. O día estivo precioso e alí nos trataron xenial.



Pola tarde do mesmo martes, tivemos a segunda sesión do noso café literario. Visitounos aos alumnos de bacharelato do Club de Novela Gráfica o escritor Xavier Alcalá, que nos falou da súa experiencia ao redactar A nosa cinza. Explicou o paso da novela a banda deseñada coa axuda do ilustrador Manel Craneo, que esta vez non puido vir connosco.



Asinounos diversos exemplais de Cinza e logo da charla, quedouse contándonos pequenas anécdotas.



O mércores 24 entregamos os premios do noso I Concurso de Poesía en diversas linguas. Pero deste emocionante evento... falaremos en vindeiras entradas.

martes, 8 de decembro de 2015

XAVIER ALCALÁ NA CANLE YOUTUBE DA BIBLIOTECA


Recordades a visita de Xavier Alcalá ao noso Centro? Tedes a información neste enlace. Agora queremos comunicar que xa están na canle YouTube da Biblioteca do Sofía a entrevista ("Irene Alcalá entrevista a Xavier Alcalá") e a conferencia ("Ler na era dixital"). 

En breve poderedes ler na Biblioteca unha serie de libros doados polo autor, libros que el considera imprescindibles na formación dun lector: constituirán a "Biblioteca Xavier Alcalá".

Por suposto, todo en xavieralcalanosofia.

venres, 15 de maio de 2015

ENCONTRO CON XAVIER ALCALÁ II: LER NA ERA DIXITAL / ENTREVISTA

Ben. Información procesada. 17 de maio: Día das Letras Galegas, Día da Sociedade da Información e das Telecomunicacións. Xavier Alcalá: escritor e enxeñeiro de telecomunicacións. Pensabamos achegar aquí o que comentou Xavier Alcalá o martes 12, pero non. Decididamente, non. É mellor que o escoitedes a el, coas súas propias palabras. En breve teremos editado o vídeo e poderedes velo nesta mesma entrada. Procede, iso si, que apuntemos algunhas das cuestións que tratou Xavier Alcalá en "Ler na era dixital". Algunha vez vos preguntastes...
  • Como chegou un escritor vocacional a Enxeñería de Telecomunicacións?
  • É correcto, na sociedade da información globalizada, separar ciencias e letras?
  • Estamos na era dixital. Que cambiou con respecto á anterior? Como cambiou?
  • Falamos ou fabulamos? Desaparecerá a literatura?  Está en crise o sistema literario? Realmente? Ata que punto? E que hai da autopublicación?   
  • Hai traballo no campo da Telemática? Pode ser divertido o traballo de captación, procesado e difusión da información?
  • É importante ler? Por que? Para que? Que ler?
  • É importante redactar correctamente? Por que? Para que?
  • Que soportes lectores se utilizan actualmente?
  • Para escribir na era dixital, hai que escribir doutra maneira?
Se algunha vez vos fixestes algunha destas preguntas, tede por seguro que Xavier Alcalá as contesta en "Ler na era dixital".

E recordade:

“Nunca chegaredes a nada se non ledes moito”.
Xavier Alcalá dixit, aquí, no Sofía, o 12-5-2015.


E chegou o momento da entrevista: "Irene Alcalá entrevista a Xavier Alcalá". Pois o mesmo de antes: mellor coas súas palabras (poderedes ver aquí o vídeo). Pero adiantamos as preguntas de Irene (á persoa e ao escritor; faltou tempo de preguntar ao enxeñeiro de telecomunicacións):
  • Que recordas do ano 1963 (ano en que nace o “Feminino” (actual Sofía Casanova) separándose do “Masculino” (o instituto de A nosa cinza)?
  • Que hai de autobiográfico en A nosa cinza?
  • Escribir en galego na época franquista, facer letras de cancións… Por que? Tiveches problemas?
  • Que significaron para ti estes lugares? O areal de Cabanas; Ferrol; América, Arxentina, A Patagonia.
  • E estas persoas? Ramón Piñeiro e Andrés do Barro.

O lector / escritor

  • Cóntanos.  Coñeciches moitos escritores? 
  • Como escribes? Por que? Que é o "laboratorio"?
  • Que significan para ti estes nomes? As chisterías de Ferrol, O Capitán Trueno, Xulio Verne, Salgari. Os clásicos da literatura española, os libros das aventuras amazónicas brasileiras. Eça de Queiroz. George Orwell. A literatura arxentina. A literatura de viaxes. A literatura con toques científicos.
  • Que che queda por contar?
  • Qué opinas do uso do móbil nas aulas?
Ao enxeñeiro de telecomunicacións (que fai e le ciencia), quedounos por preguntar…
  • Por que un enxeñeiro de telecomunicacións decide ser profesor?
  • É posible facer ciencia en galego?
  • Cantas linguas utilizas?
  • Serviuche o galego para aprender outras linguas?
  • Como ves o futuro do galego?
  • E para rematar, que pregunta non che fixeron e che gustaría que che fixeran? 
Outro día preguntaremos...

martes, 12 de maio de 2015

ENCONTRO CON XAVIER ALCALÁ


O próximo domingo, 17 de maio, é o Día das Letras Galegas e o Día Mundial da Sociedade da Información e das Telecomunicacións. Hoxe, 12 de maio, estivo connosco Xavier Alcalá, escritor e enxeñeiro de telecomunicacións. Hoxe coñecemos un home sabio, bo e xeneroso. Sabémolo polas súas palabras. Nós non as temos, non as suficientes. Poderiamos contarvos o que lles dixo aos alumnos no salón de actos (encontro "Ler na era dixital"). Poderiamos escribir o que respondeu na entrevista que se lle fixo na Biblioteca ("Irene Alcalá entrevista a Xavier Alcalá"). Pero temos que procesar a información, moita información e de gran valor. Así que -de momento- só adiantamos o cartel co código QR do sitio xavieralcalanosofia (onde incluiremos as actividades de hoxe) e o "Roteiro polo Ferrol de A nosa cinza" no que están a traballar Laura Suárez Llano e os seus alumnos. De momento...


Xavier Alcalá, Irene e Roberto na Biblioteca do Sofía, 12-5-2015

Parabéns a Irene e a Roberto. Graciñas, Irene, polo traballo e pola entrevista. E graciñas, Xavier, pola túa xenerosidade e entrega, por compartir con nós moito do que sabes. Por contárnolo. Por ser. Por estar. Por todo.