Amosando publicacións coa etiqueta 8 DE MARZO DÍA DA MULLER. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 8 DE MARZO DÍA DA MULLER. Amosar todas as publicacións

domingo, 17 de marzo de 2024

O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA E DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

Ola rapaces!

Para celebrar o 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e o 8M, Día da Muller Traballadora, desenvolvéronse diversas actividades de distintos departamentos no noso instituto.

Desde o Departamento de Orientación e desde a Biblioteca, ademais de colgar algúns cadros da nosa futura exposición permanente sobre Mulleres Científicas, pediramos a colaboración de todos os departamentos e en especial dos titores da ESO para a realización dunha serie de carteis para expoñer polos corredores do centro. O noso obxectivo era profundizar cos rapaces sobre mulleres esquecidas, pero que foron significativas na arte, no deporte, na ciencia, na literatura, etc

.


Moitos alumnos realizaron carteis que decoran o centro. Por exemplo, con María Lanza  os terceiros da ESO traballaron en pintoras como Sonia Delaunay, Maruja Mallo, Natalia Goncharova, etc. Outros cursos traballaron outras mulleres salientables: matemáticas como Maryam Mirzakhani, científicas como Rosalind Elsie Franklin, etc. 


En Literatura Universal escolleron escritoras que tiveron que loitar con moita enerxía para ser recoñecidas en épocas moi diferentes como Jane Austen, Mary Shelley, Karen Blixen, Toni Morrison, etc. Algunhas como Virginia Woolf reflexionaron sobre o rol da muller e os seus dereitos e convertéronse en pioneiras do feminismo. 



En primeiro de BAC, na clase de Lingua e Literatura Castelá con Pilar, seleccionaron escritoras españolas do Século de Ouro moi esquecidas, como Beatriz Bernal, autora dunha novela de caballerías, Ana Caro que estrenou obras en corrais de comedias, así como a propia filla do Fénix dos Inxenios, sor Marcela da Cruz. 

Profesoras do Departamento de Lingua Galega, como Rosa e Pili, decoraron a parte central da entrada do centro, adicándose especialmente a carteis sobre escritoras galegas, especialmente as poetas como Luisa Villalta, Lupe Gómez, Chus Pato ou Iolanda Castaño.



María José do Departamento de Filosofía no Proxecto Competencial con 4º B e C gravou un vídeo que se colgou na pantalla da entrada “8M: sen mascara" facendo fincapé en mulleres ferrolás como Ánxeles Alvariño, Ánxela Ruiz.



Pola súa banda, para a materia de Proxecto Competencial, Paula de Educación Física traballou sobre mulleres deportistas e Olga de TIC cos alumnos de 1º BAC D fixo un vídeo xenial. Tédelo aquí, con referencias aos logros de Ana Peleteiro, Alexia Putellas, Ona Carbonell, etc, Tedelo aquí. 





Por último, María do Departamento de Educación Plástica, está facendo unha acción artística colaborativa cos pequenos de 1º ESO ao estilo de Yayoi Kusama. Con esta performance tratan de visibilizar os nomes de mulleres artistas inxustamente esquecidas pola historia da arte, a pesares do gran valor da súa obra e do recoñecemento que algunhas tiveron na súa época. Colaboran tamén os alumnos de 3º de EPVA e calqueira que queira participar. Apúntasche? 





Grazas a todos pola vosa colaboración!


xoves, 12 de marzo de 2020

8 de MARZO DÍA DA MULLER

 Este ano con motivo do 8 de marzo, tiñamos previsto unha morea de actividades, das que únicamente chegamos a empezar algúnhas por causa do orde de suspensión das clases que comenza o luns. Deunos tempo a facer desde a biblioteca a nosa mesa de exposición na  entrada do instituto con propostas para a lectura e a reflexión que nos axudaron a compoñer varios alumnos do centro.
Tamén que remos deixar aquí a nosa particular guía de lectura deste Día da Muller.

domingo, 24 de marzo de 2019

O VOLUNTARIADO CELEBRA O DÍA DA MULLER

Ola rapaces!
Esta volta todo vai con retraso. Síntoo. Celebramos a nosa xuntanza de voluntariado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o día 20 de marzo en vez do 8. E non facemos o resumo da mesma ata agora. Temos tantas cousiñas nestes días, que, como comezara, esta volta todo vai con retraso.
Pero vai, que é o importante.
Imos ao noso. O día 20 o grupo de voluntariado reuniuse para xantar xuntos. Non eramos moitos, por culpa dos exames. Pero en fin... Ensaiamos un poema precioso de Manuel María e fixemos un cartel co tema das estatuas de sal. Esta metáfora, de raíces bíblicas, ocorreuselle a Vily (a quen se non) e a verdade que fala moi ben da evolución do rol da muller dende 80 anos atrás ata o de agora. Nel representabamos tres estatuas de sal, tal como describimos no nosa programación da biblioteca para esta xornada do que vos deixamos unha pequena explicación.

Tentamos centrar a reflexión deste día no traballo feminino e en concreto nos labores asignados socialmente a este rol. Falamos de mulleres traballadoras e con ese termo tradicionalmente referiamonos ás mulleres que traballaban fóra da casa. De xeito que se nos educou na idea que a nosa liberación feminina pasaba por formarnos para exercer un posto de traballo e ter independencia económica. Porén, a realidade foi outra, acadamos os postos de traballo e a independencia económica e comprobamos como recaía en nós boa parte do traballo dentro dos fogares e no coidado dos fillos, enfermos, pais e dependentes en xeral.
En termos de traballo non se recoñece a aportación económica das mulleres do rural e do mar e noutros sectores que traballaron dentro e fóra da casa ao lado dos homes. Nin se remunera ou cuantifica economicamente o traballo dentro do fogar e o cuidado dos fillos... Ese traballo é invisible para os estados pero afórralle moita inversión en sistemas de sostemento social.
Queremos con esta imaxe destacar o tratamento social que ten esta aportación do traballo das mulleres en actividades non remuneradas que as converte en estatuas de sal, facendo invisible o seu traballo.



Deste xeito, o noso mural das "Estatuas de sal" representa:
  • A muller de 80 anos que deixa a escola aos 12 anos, traballa na casa e non gaña ningún salario (esta muller podería ser calqueira das señoras do xeriátrico). O seu rostro non pode verse porque o tapa a estatua da sal. A totalidade do seu traballo é invisible.
  • A muller de 60 anos, viúva, que estudou un pouco máis, traballou na casa sen recoñecemento nin remuneración. Sobrevive cunha pequena pensión do seu home xa falecido. Podemos ver o seu rostro saíndo dun corpo de sal, por pequenos elementos de independencia económica.
  • A muller de 40 anos, puido estudar unha carreira universitaria, traballa fóra da casa e ten traballo remunerado pero as tarefas da casa  seguen a ser sen remuneración, aínda que pode contratar a alguén para facelas. A súa silueta emerxe da estatua de sal porque  unha parte do seu traballo é  visible.
Cando fomos ao xeriátrico, Cynthia presentou as nosas actividades. Logo Alba explicou o cartel. Por último, Alex, Diego, Sara, Pablo, María e Laura leron con gran sentimento o fermoso poema sobre "A muller galega" de Manuel María.
Pero o mellor chegou ao final. E, como soe suceder, sen preparación. Comezamos falar coas señoras acerca da súa experiencia vital e Andrea saíu ao estrado para agradecerlles o seu labor e a súa loita. Coido que a máis de unha escapouselle algunha bágoa.

venres, 8 de marzo de 2019

8 DE MARZO. DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Ola rapaces!
Hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller Traballadora. Á marxe de consideracións políticas, é preciso lembrar que este día xurdiu para reivindicar a igualdade de xénero; para esixir o cese da violencia contra a muller; para recordar que todos os días son Días da Muller; para empoderarnos todas; e, no noso campo educativo, para tentar que cada día as discriminación entre nenas e nenos, rapaces e rapazas sexan cousa do pasado... 
Desde a biblioteca estamos a traballar nunha unidade didáctica sobre o tema, baixo a fermosa imaxe das estatuas de sal. Proximamente mostraremos aquí dita unidade, que vén reforzada por un feixe de vídeos, pósters, actividades... 
Polo momento soamente queriamos deixar constancia do noso compromiso coa coeducación, a igualdade de oportunidades, a desaparición dos desequilibrios educativos. Porque precisamente, no noso mundo educativo o mal chamado "sexo débil" non é precisamente o feminino. Informes de Pisa e outros documentados estudos falan dunha brecha entre os dous sexos no relativo ao fracaso escolar, pero como neste caso os débiles son eles, ninguen di ni fai nada. Que non teñamos aquí un novo teito que quebrar.
 Os nosos autores e autoras tamén lembraron ás mulleres que loitan a diario na vida.
...A muller galega non é dona
-tirádeo da cachola- nin a ama,
nin a raíña do fogar,
senón a compañeira fiel,
valente i amorosa
igual ó home na loita cotra a vida....
...As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polo poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:..
MANUEL MARÍA. Remol . Bos Aires : Nós, 1970




sábado, 10 de marzo de 2018

OS NOSOS MAIORES FALAN DE IGUALDADE

Ola rapaces!
O de onte foi unha preciosa experiencia (e van tres) que compartimos con nosos maiores, xa amigos, da Residencia Geriatros.
Antes de que viñeran, o grupo de voluntariado (que cada vez medra máis) comeu na biblioteca, co agasaio habitual de Fran, un rico biscoito de chocolate.
Logo adicámonos a rematar os carteis que xa iniciara Vily cos seus alumnos de 4º. Decoramos a biblioteca con eles e con globos e guirnaldas de cor morada, que simboliza a loita pola igualdade de xénero.


Ás catro, apareceron eles, elas mellor dito. Algunhas xa vellas coñecidas: Macamen, Maruxa, Chelo, capitaneadas polo entusiasmo de Marta. Viñeron a coñecer o noso centro e a falarnos de igualdade. A súa experiencia é moi válida. Maruxa contounos como aos 19 anos casou co seu noivo (e fixose cargo dunha casa de cinco homes). Outra falounos como na súa xuventude era impensable ver a un home no mercado, cociñando ou limpando. 
Moito mellorou a sociedade pero moito máis ten que mellorar. Elas abriron camiño pero a nós toca revertir os prexuízos que aínda quedan. 



Marta axudounos a reflexionar sobre a imaxe que aínda domina na sociedade: os homes fortes que non deben chorar e que protexen ás mulleres; e elas sumisas, débiles e necesitadas de protección.

Logo da charla, fomos ver un ensaio do grupo de teatro e quedaron encantadas. Xosé Luis invitounas á estrea no vindeiro 29 de maio e elas prometeron vir.

Esperamos que a experiencia saia en prensa porque tivemos a visita de dous fotógrafos.

Queda pendente o prometido picnic.



luns, 5 de marzo de 2018

8 DE MARZO DÍA DA MULLER




Nesta semana que celebramos no 8 de marzo, o Día da Muller Traballadora, queremos facer mención a Forges que nos deixou recentemente, recompilando algúns dos seus debuxos, onde a preocupación pola situación da muller é unha constante na súa obra.
Non comenta e reivindica unicamente este día da muller traballadora, senón que recolle moitos temas que son a preocupación de millóns de mulleres no mundo. Con ironía e con humor, unhas veces e con determinación e sarcasmo, outras, condena o machismo, as políticas europeas, as políticas migratorias mundiais e todo un armazón de cuestións que dificultan en todas partes que as mulleres alcancemos a posición de igualdade de dereitos cos homes, que nos corresponde.