Amosando publicacións coa etiqueta 4.º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4.º ESO. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de xuño de 2020

O PROXECTO LÓVA

Ola rapaces!



Comezado xa o mes de xuño deste atípico curso, doume conta de que aínda non falaramos aquí dun proxecto da nosa biblioteca que nos tivo moi atarefados, o proxecto LÓVA (Lá ópera vehículo de aprendizaxe).
Desafortunadamente, debido ao confinamento, non poderemos ver a culminación de dito proxecto, a representación da ópera, para a que xa tiñamos data e lugar. Ía ser a véspera de san Xoan, o 23 de xuño, no teatro Jofre.
En condicións normais, estariamos moi nerviosos cos ensaios e os preparativos. Pero non poderá ser.
Non este curso, pero temos intención de retomar o noso proxecto o vindeiro ano e estrear antes do Nadal.
Algúns preguntaredes que é isto do Proxecto LÓVA. Explícovos. Dende a biblioteca impulsamos un proxecto que consiste na creación e montaxe dunha ópera dentro do currículum.

Este proxecto leva xa moitos anos realizándose en Estados Unidos e algúns países de Europa. Tamén en España, e tamén en Galicia. Está enfocado tanto para Educación Infantil, como Primaria e Secundaria. Na nosa comarca, o IES Punta Candieira de Cedeira foi pioneiro en levalo a cabo en Educación Secundaria. E dende alí, contaxiáronos o entusiasmo e decidimos un grupo de profes, tras facer un curso de formación este verán, animarnos a facelo no noso centro.
Alá por outubro comenzamos o proxecto en 4º A organizando o horario e axustándoo ao currículo de materias como Xeografía e Historia, Filosofía, Relixión, Lingua Castelá.
A resposta dos alumnos foi moi receptiva e axiña comezou o traballo, reflectido todo no blog operacariatides. Alí pode seguirse a formación da compañía de ópera Cariátides, o seu logo (no que nos axudaron moito os compañeiros de 4º B de Educación Plástica). 
A elección do tema e a tese da ópera, o reparto de profesións, a redacción do libreto, a composición da música, o deseño de vestiario e perruquería, os traballos dos escenógrafos e iluminadores, o labor dos documentalistas e relacións públicas, as tarefas de dirección e rexeduría...



Tamén visitamos o teatro Jofre e recibimos axudas de profesionais do espectáculo como o tío de David, Pablo Fernández, que nos falou da súa experiencia como creativo en teatros londinenses.


E tamén estivemos no programa de Radiovoz falando deste proxecto e saímos na portada de La Voz de Galicia.

Bo traballo, rapaces! Aínda que o labor non rematara coa estrea, non foi tempo perdido. Tedes moito aprendido acerca de traballar en grupo, respectar as outras opinións, ilusionarse cun proxecto...
Vémonos o vindeiro curso no que esperamos poder levantar o pano!

sábado, 22 de novembro de 2014

EXCURSIÓN POLAS FRAGAS DO EUME

Pois si, o pasado xoves saín do meu recuncho nunha cestiña que levaba unha rapaza moi agarimosa de 4º C e deime unha camiñada esgotadora, malia que tonificante, polas Fragas do Eume.



Á baixada fun pingando de tanta chuvia que non cesaba de caer, Mi madriña! Case que afogo no cesto. E por pouco afúndome no fango. Mais foi chegar ao misterioso e vello mosteiro de Caaveiro, comezar a saír o sol, e atoparme cunha afastada póla da miña ampla familia: os Soqueiron de Pontedeume. Son descendentes directos do abade de san Xoan e levan alí moitos séculos coidando das sacras pedras. Invitáronme a visitar as dependencias do mosteiro e abraieime coas fabulosas vistas que disfrutan do río e do bosque. Gustoume de xeito especial o muíño e a ponte, onde botei unha man ás traballadoras rapazas a recoller follas, froitos, fieitos, cogumelos para unha gran exposición que terá lugar na entrada do instituto. Á volta, a forza do sol era xa moita e a subida foi toda unha demostración de pundonor por parte de todos: profes, rapaces e mais eu, mascota. Disque camiñanos máis de nove kilómetros e todos pasamos a proba con nota.


Agora compre rematar a nosa exposición e esperar aos vosos fermosos e fantasticos relatos de bosque. Gustaríame protagonizar algún, máis sempre me repiten que non debo ser tan vaidoso. Así que escribide do que queirades, pero non deixedes de facelo.


E, prégovos, levademe máis veces de excursión! Veño novo.

mércores, 28 de maio de 2014

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS NA ÁREA DE EDUCACIÓN PLÁSTICA E VISUAL

A profesora María Lanza, pasounos información sobre a preciosa iniciativa coa que celebraron os alumnnos de 4º ESO o recente Día das Letras Galegas.

"Desde a área de Educación plástica e visual traballamos en colaboración coa biblioteca os poemas de Xosé María Díaz Castro, coa intención de deseñar unha letra capitular que connotara as ideas e sentimentos do poema, é dicir, de darlle imaxe á palabra. Despois decidimos incluír unha estrofa ou poema no deseño dun marcapáxinas para conmemorar ese día.



Proceso de traballo:
1º.- Lectura do poema, análise do que nos transmite.
2º.- Braintorming ou “chuvia de ideas”.
3º.- Documentación: buscamos en Internet información sobre o escritor e os seus poemas, imaxes de deseños de letras capitulares, ilustración…
4º.- Bocetos, selección dunha idea e desenrolo da mesma.
5º.- Letra capitular branco e negro e color.
6º.- Deseño do marcapáxinas.



RELATO SURREALISTA


Paralelamente ao desenrolo do proxecto anterior, algúns alumnos en colaboración con Lingua Castelá (Daniel Iglesias) traballaron o texto surrealista escrito por eles coa mesma proposta do proxecto letras galegas."

Efectivamente, todos poidemos desfrutar dos estéticos marcapáxinas que adornaron a entrada do centro. O gañador foi o de Nevia Lamas, pero os finalistas tamén estiveron moi ben. Deixamos mostra do galardonado e de detalles do proceso de creación da letra capitular:


Parabéns a todos por esta fermosa iniciativa!