Amosando publicacións coa etiqueta Aprendizaxe-Servizo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aprendizaxe-Servizo. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de xuño de 2018

TEATRO EN GERIATROS

Ola rapaces!
Hoxe, como colofón ao noso primeiro curso dentro do programa de voluntariado, asistimos á representación que os compañeiros do Grupo de Teatro fixeron en Geriatros. 
Foron acompañados por moitos dos voluntarios que axudaron en todo canto fixo falta: presentación, maquillaxe, transporte, fotografías, aplausos...
Dada a premura de tempo, José Luis, o seu director, decidiu facer soamente o terceiro acto da obra Polo interés quérote, Marqués. Os avós acolléronos con moito agarimo e riron co descaro e simpatía dos actores. A todos (aos que son do grupo de voluntariado, a aos que non), queremos dende aquí dar a máis expresivas grazas pola doazón do seu tempo e da súa arte. 

Velaiquí o elenco:

  • Diego como Marqués.
  • María como a súa nai.
  • María como a criada.
  • Pablo como Barón.
  • Daniela como Gracia.
  • Andrea como a súa filla.
  • Iván como electricista.
  • Sara como aprendiz de electricista.
  • Arón como vendedor de enciclopedias.
  • Laura como a porteira.
  • Javi como o seu neto.
  • Bastián como presentador.
  • Aldryn como técnico de son.
    • Dirixidos por José Luis Paz.

Esperamos que o vindeiro curso voltemos todos con máis ganas tanto ao Grupo de Teatro coma ao voluntariado.
Feliz verán!



sábado, 10 de marzo de 2018

OS NOSOS MAIORES FALAN DE IGUALDADE

Ola rapaces!
O de onte foi unha preciosa experiencia (e van tres) que compartimos con nosos maiores, xa amigos, da Residencia Geriatros.
Antes de que viñeran, o grupo de voluntariado (que cada vez medra máis) comeu na biblioteca, co agasaio habitual de Fran, un rico biscoito de chocolate.
Logo adicámonos a rematar os carteis que xa iniciara Vily cos seus alumnos de 4º. Decoramos a biblioteca con eles e con globos e guirnaldas de cor morada, que simboliza a loita pola igualdade de xénero.


Ás catro, apareceron eles, elas mellor dito. Algunhas xa vellas coñecidas: Macamen, Maruxa, Chelo, capitaneadas polo entusiasmo de Marta. Viñeron a coñecer o noso centro e a falarnos de igualdade. A súa experiencia é moi válida. Maruxa contounos como aos 19 anos casou co seu noivo (e fixose cargo dunha casa de cinco homes). Outra falounos como na súa xuventude era impensable ver a un home no mercado, cociñando ou limpando. 
Moito mellorou a sociedade pero moito máis ten que mellorar. Elas abriron camiño pero a nós toca revertir os prexuízos que aínda quedan. 



Marta axudounos a reflexionar sobre a imaxe que aínda domina na sociedade: os homes fortes que non deben chorar e que protexen ás mulleres; e elas sumisas, débiles e necesitadas de protección.

Logo da charla, fomos ver un ensaio do grupo de teatro e quedaron encantadas. Xosé Luis invitounas á estrea no vindeiro 29 de maio e elas prometeron vir.

Esperamos que a experiencia saia en prensa porque tivemos a visita de dous fotógrafos.

Queda pendente o prometido picnic.



venres, 2 de febreiro de 2018

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!

O pasado martes, 30 de xaneiro, Día Internacional da Paz, fixemos a nosa segunda visita á residencia Geriatros dentro do programa de voluntariado da Xunta de Bibliotecas Escolares Solidarias. 
O noso grupo inicial de voluntarios vai medrando pouco a pouco. Aos once da primeira experiencia de Nadal sumáronse doce rapaces máis de 4º, animados polo boca a boca e polas palabras dos seus compañeiros. Teño noticia de que algúns pequenos de 1º tamén queren vir na vindeira oportunidade. Estades todos convidados!
Pero cóntovos que fixemos. Logo de comer xuntos, dividimos o grupo entre os recitadores de poemas sobre a paz (de Celso Emilio Ferreiro, Antonio Machado, Rafael Alberti, Blas de Otero, etc) e os deseñadores do cartel. Mentres os primeiros ensaiaban o recitado, estes últimos practicaban o cartel da paz cunha réplica do que iamos levar xunto aos anciáns. 
Ás 4, cando os maiores levantan da siesta, chegamos a Geriatros. A sorpresa foi que como o día acompañaba, Marta a animadora, os colocou nos soportais para aproveitar o soliño. Esperábannos moi animados, cos seus gorros de papel. Pronto todo foi un balbordo de mans novas que axudaban a outras mans máis curtidas a plasmar os seus folgos de paz. Uns botaban pintura, outros limpaban, estes facían pombas da paz, aqueles asinaban e deixaban a súas pegadas. A emoción desbordouse cos recitados de poemas e algunhas señoras decididas quixeron recitar elas tamén. E rematamos cunha mensaxe de ledicia cantando "No dudaría" de Antonio Flores e "La muralla" de Ana Belén, mentres os curiosos peatóns da avenida de Esteiro nos miraban algo sorprendidos.
Foi precioso ver como interactuaban os nosos rapaces cos anciáns e xurdían as conversas e o intercambio de experiencias. Logo axudamos aos maiores a subir á Residencia. De xeito natural cada un de nós encargouse dun ancián. Mais a operación resultou moi lenta.
Unha vez na sala grande de arriba, fixemos as fotos de familia e quedamos en que a vindeira sesión tocaba no noso instituto, onde os maiores queren vir dar eles unha charla. E con esta intención, despedímonos moi impresionados pero moi satisfeitos de ter dedicado algo do noso tempo a xente tan agarimosa e tan chea de sentido.




xoves, 21 de decembro de 2017

VISITA A RESIDENCIA DE MAIORES


Onte tivemos unha preciosa experiencia visitando aos nosos maiores dentro do programa de "Bibliotecas Escolares Solidarias" no que o noso voluntariado da biblioteca participa nunha experiencia de Aprendizaxe-Servizo. Comezamos unha colaboración coa Residencia de Maiores Geriatros de Ferrol.
Estarédesvos preguntando que é isto  de Aprendizaxe-Servizo. É unha modalidade de aprendizaxe no que o alumnado identifica na súa contorna unha necesidade ou situación en cuxa mellora se compromete, desenvolvendo un proxecto solidario no que pon en xogo coñecementos, habilidades, actitudes e valores.


Un grupo de rapaces (Laura López, Sara Pena, Diego Picos, Daniela Redondo, Daniela Katrib, Carolina Gallardo, Efrén Vázquez, Javi Vilas, Sabela Deibe, Sara Ladra, Paula Martínez) adicaron o seu tempo para acompañar aos anciáns durante unha hora. Recitaron textos de poetas tan recoñecidos como Machado, Miguel Hernández, Alberti, Becquer, Benedetti, Manuel María, Espronceda...

Atopamos un público moi entusiasta e agradecido ata o punto de que planificamos novas citas con diferentes actividades para este curso. Eles queren visitarnos e vir a ver a nosa biblioteca e a nosa obra de teatro.


Esperamos ver pronto por aquí aos nosos avós.