Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas b>. Amosar todas as publicacións
mércores, 20 de maio de 2020
domingo, 17 de maio de 2020
LETRAS GALEGAS 2020: RCC.
Desde a Biblioteca do IES Sofía Casanova, queremos homenaxear o autor ao que se adican as Letras Galegas 2020: Ricardo Carvalho Calero.
Nestas circunstancias excepcionais, no que todo se pospón, necesariamente,
queremos comentar algo deste paisán (naceu en Ferrol). Non o sabiades? E sabedes
en que estado está a casa da rúa San Franscico onde viviu? Pois é algo que hai
que ver…
Aínda que só sexa por isto: História da Literatura
Galega Contemporánea. E por máis (moito
máis), merece a homenaxe que lle ían facer (e farán) nas Letras Galegas 2020.
Polo momento, aquí tedes a nosa contribución:
Blog do EDL, nesta ligazón.
Escape Room sobre Carballo Calero, con 1º Bacharelato C (en elaboración).
Traballo da Biblioteca IES Sofía Casanova.
Traballo da materia de “Investigación e tratamento da información”, 1º ESO: “Carvalho Calero e Ferrol”.
De momento, sabede que os alumnos traballaron máis, moito máis… Pero seguen investigando estas etapas:
- Nacemento e primeiros estudos (1910-1926).
- 1933: Volta a Ferrol ao obter a praza de auxiliar administrativo no Concello. Nestes anos Carballo Calero contribuíu con numerosas colaboracións nas máis destacadas revistas e comezou a publicar os seus textos poéticos, primeiro en castelán e despois en galego.
- Estudos (por libre) da carreira de Filosofía e Letras.
- Participación no movemento galeguista a nivel local e nacional.
- Tras pasar un tempo na cadea, en 1941 saíu en liberdade
provisional. Volve a Ferrol. Non pode dar clases no
ensino público e traballa no ensino privado en Lugo.
- Establece contactos cos galeguistas que estaban en Galicia. Nesta época, ademais do traballo, ingresou como membro numerario na Real Academia Galega o 17 de maio de 1958.
Seguimos investigando.
martes, 29 de maio de 2018
EXPOSICIÓN SOBRE MARÍA VICTORIA MORENO
Ola rapaces!
Esquecín de contarvos que o Equipo de Dinamización Lingüística preparou, como todos os anos, unha fermosa exposición no corredor con motivo das Letras Galegas.
Nela, co bo gusto que a caracteriza, Antía mesturou flores, follas secas, xoguetes con libros de María Victoria. Nos paneis pode verse unha exposición acerca da vida e a obra da escritora extremeña que se fixo galega por amor.
Non esquezades de adicar uns minutos a mirar con atención e agarimo cada cartel e cada obxecto.
luns, 25 de abril de 2016
mércores, 24 de xuño de 2015
CONCURSO MARCAPÁXINAS LG 2015
Un ano máis, o concurso dos marcapáxinas Letras Galegas. Tras o reconto, estes foron os máis votados polos alumnos.
1º: Névia Lamas. 2º: Xiana (4º C). 3º: Cristina (4º C).
mércores, 27 de maio de 2015
NEIRA VILAS RECUPÉRASE!
Así, ben grande. Porque nos alegramos. Moito. Porque tiñan razón os alumnos de 1º ESO C e Laura, a súa profesora: Neira Vilas recupérase na casa. Sabedes que estaba previsto que conectase con nós por Skype na semana das Letras Galegas, pero tivo que ingresar no hospital. E agora, aínda en recuperación, contesta ao correo que os alumnos de Laura enviaron. Por certo, Ana o único que fixo foi servir de intermediaria a través da Biblioteca (enviou o correo de Laura á Fundación Neira Vilas). Parabéns, a seguir así, recuperándose. E graciñas, Xosé, por acordarse de nós. Cuídese moito! Moito, moito!
mércores, 20 de maio de 2015
ITINERARIO LETRAS GALEGAS 2015: PONTEVEDRA-CAMBADOS.
- 2015, Letras Galegas Filgueira Valverde.
- 2015, 100 anos de Vento mareiro, poemario de Cabanillas.
A conexión:
- Filgueira Valverde: relación co Museo de Pontevedra.
- Vento mareiro, augada de Castelao que ilustrou o poemario Vento mareiro de Cabanillas, está no Museo de Pontevedra.
Entón...
Continuamos as actividades do "Mes das Letras no Sofía" con esta viaxe cultural que nos leva a Pontevedra para ver no Museo da cidade -tan ligado a Filgueira Valverde e Castelao-, a exposición sobre Filgueira Valverde e a sala Castelao, e saír logo ás rúas seguindo o roteiro "A Pontevedra de Castelao". Despois percorreremos "O Cambados de Cabanillas" para conmemorar os 100 anos de Vento mareiro (Cabanillas: 1915). E como fondo, como un "vento mareiro", eses poemas de Cabanillas (podes ver aquí unha selección) e esa augada de Castelao ubicada hoxe no Museo de Pontevedra: recordade que Vento mareiro, o cadro de Castelao, serviu no seu momento para ilustrar a portada da obra de Cabanillas do mesmo nome.
![]() |
| Castelao: Vento mareiro. Augada, 1921. Museo de Pontevedra. |

Pretendemos aproveitar esta actividade para que os alumnos fagan un uso responsable do móbil como ferramenta de consulta, busca, captación e transmisión de información. Para facilitar o labor, deseñouse o sitio informativo itinerarioletrasgalegas2015, que servirá como punto de partida da actividade; inclúe información básica, tríptico, planos e uns itinerarios ("A Pontevedra de Castelao" e "O Cambados de Cabanillas") que os alumnos terán que completar tras a visita.
![]() |
| O sitio tal como se vería no móbil |
venres, 15 de maio de 2015
ENCONTRO CON XAVIER ALCALÁ II: LER NA ERA DIXITAL / ENTREVISTA
Ben. Información procesada. 17 de maio: Día das Letras Galegas, Día da Sociedade da Información e das Telecomunicacións. Xavier Alcalá: escritor e enxeñeiro de telecomunicacións. Pensabamos achegar aquí o que comentou Xavier Alcalá o martes 12, pero non. Decididamente, non. É mellor que o escoitedes a el, coas súas propias palabras. En breve teremos editado o vídeo e poderedes velo nesta mesma entrada. Procede, iso si, que apuntemos algunhas das cuestións que tratou Xavier Alcalá en "Ler na era dixital". Algunha vez vos preguntastes...
- Como chegou un escritor vocacional a Enxeñería de Telecomunicacións?
- É correcto, na sociedade da información globalizada, separar ciencias e letras?
- Estamos na era dixital. Que cambiou con respecto á anterior? Como cambiou?
- Falamos ou fabulamos? Desaparecerá a literatura? Está en crise o sistema literario? Realmente? Ata que punto? E que hai da autopublicación?
- Hai traballo no campo da Telemática? Pode ser divertido o traballo de captación, procesado e difusión da información?
- É importante ler? Por que? Para que? Que ler?
- É importante redactar correctamente? Por que? Para que?
- Que soportes lectores se utilizan actualmente?
- Para escribir na era dixital, hai que escribir doutra maneira?
E recordade:
“Nunca chegaredes a nada se non ledes moito”.
Xavier Alcalá dixit, aquí, no Sofía, o 12-5-2015.
Xavier Alcalá dixit, aquí, no Sofía, o 12-5-2015.
E chegou o momento da entrevista: "Irene Alcalá entrevista a Xavier Alcalá". Pois o mesmo de antes: mellor coas súas palabras (poderedes ver aquí o vídeo). Pero adiantamos as preguntas de Irene (á persoa e ao escritor; faltou tempo de preguntar ao enxeñeiro de telecomunicacións):
- Que recordas do ano 1963 (ano en que nace o “Feminino” (actual Sofía Casanova) separándose do “Masculino” (o instituto de A nosa cinza)?
- Que hai de autobiográfico en A nosa cinza?
- Escribir en galego na época franquista, facer letras de cancións… Por que? Tiveches problemas?
- Que significaron para ti estes lugares? O areal de Cabanas; Ferrol; América, Arxentina, A Patagonia.
- E estas persoas? Ramón Piñeiro e Andrés do Barro.
O lector / escritor.
- Cóntanos. Coñeciches moitos escritores?
- Como escribes? Por que? Que é o "laboratorio"?
- Que significan para ti estes nomes? As chisterías de Ferrol, O Capitán Trueno, Xulio Verne, Salgari. Os clásicos da literatura española, os libros das aventuras amazónicas brasileiras. Eça de Queiroz. George Orwell. A literatura arxentina. A literatura de viaxes. A literatura con toques científicos.
- Que che queda por contar?
- Qué opinas do uso do móbil nas aulas?
Ao enxeñeiro de telecomunicacións (que fai e le ciencia), quedounos
por preguntar…
- Por que un enxeñeiro de telecomunicacións decide ser profesor?
- É posible facer ciencia en galego?
- Cantas linguas utilizas?
- Serviuche o galego para aprender outras linguas?
- Como ves o futuro do galego?
- E para rematar, que pregunta non che fixeron e che gustaría que che fixeran?
Outro día preguntaremos...
martes, 12 de maio de 2015
ENCONTRO CON XAVIER ALCALÁ

![]() |
| Xavier Alcalá, Irene e Roberto na Biblioteca do Sofía, 12-5-2015 |
Parabéns a Irene e a Roberto. Graciñas, Irene, polo traballo e pola entrevista. E graciñas, Xavier, pola túa xenerosidade e entrega, por compartir con nós moito do que sabes. Por contárnolo. Por ser. Por estar. Por todo.
![]() |
mércores, 29 de maio de 2013
A CRÓNICA DA HOMENAXE A ROBERTO VIDAL BOLAÑO
Ola rapaces! Si, xa ben sei que isto que vos conto agora xa hai uns días que foi. Pero o prometido é débeda. E recordo que vos prometín falar dos actos en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño impulsados dende a Vicedirección e a biblio. E así que, que mellor que sexa a propia Vice a que tome a palabra para facernos revivir esa celebración. Deixoume no meu saquiño de suxestións unha mensaxe con esta crónica:
"Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e dentro das actividades encamiñadas ao fomento da lectura, o 15 de maio, mércores, en dúas sesións pola mañá (de 09.00 a 10.00 e de 11.00 a 12.00), no salón de actos, Naya Vidal (4ºB), Álvaro Flores (1ºD) e Elena Ramil (1ºD) presentaron os actos preparados polo alumnado de 1º D e de 4º A e B para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano estivo adicado ao dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño.
En primeiro lugar vimos unha presentación, realizada por Roberto Losada García e Héctor Vilar Carpente, alumnos de 1º D, sobre a vida e a obra do escritor homenaxeado, e, a continuación, Andrea Rivera, Jorge Trillo, Laura Freire e Inés Falcón de 4ºA e Elina Bardanca e Alicia Bugallo de 4ºB fixeron unha lectura dramatizada de fragmentos seleccionados das seguintes obras do autor: Criaturas, A burla do galo, Animaliños e Ledaíñas pola norte do Meco.
- O texto de Criaturas fíxonos reflexionar sobre as desigualdades, as inxustizas sociais, as incomprensións e mesmo a xenofobia que, na sociedade actual, moitas veces teñen que soportar os máis desfavorecidos.
- N’A burla do galo de Vidal Bolaño, baseada na historia “O galo de Portugal” do libro Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro, don Esmeraldino devece por conquistar mulleres casadas e mozas virtuosas, ten por costume marcar el mesmo cunha aspa nunha táboa cada un dos seus triunfos e remata convertido en galo e comido asado con castañas por pecar contra o sexto mandamento, é dicir, por cometer adulterio.No salón de actos, e antes de producirse o fatal desenlace, puidemos escoitar ao galo de Portugal como concertaba un encontro amoroso coa súa nova conquista.
- O texto seleccionado de Animaliños propoñía un programa cultural alternativo ao consumo de alcohol. A obra está protagonizada por uns propietarios obsesionados por liberar os xardíns das súas casas adosadas dunha praga de caracois.
Laura Suárez"
- O Meco é un personaxe do Entroido que, ao final desta festa tradicional, é xulgado e condenado a morrer queimado por mor das súas malas accións. En Ledaíñas pola norte do Meco, como puidemos comprobar, esta figura tradicional representa as inxustizas que galegos e galegas teñen que aturar: a emigración, o conflito lingüístico e os abusos de quen ostenta o poder, como o alcalde, o alguacil, o crego, o burgués, a xustiza ou o concelleiro. O texto seleccionado referiuse a estas inxustizas e tamén a como a xente que as tiña que soportar estaba disposta a dar morte aos moitos mecos que asoballan ao pobo galego.
Pois si. Isto sucedeu no salón de actos e agora coa nosa nova pantalla e proxector estou modernizando a miña casa. Así que calquera día poñemos a presentación de Roberto e Héctor que estou desexando vela. Aproveito para invitar a todos a estrear estes dous aparellos que están á vosa disposición.
domingo, 19 de maio de 2013
AS NOSAS PEGATINAS DO DÍA DAS LETRAS
Ola rapaces!:
Algúns de vos xa tedes as pegatinas que repartimos co gallo do Día das Letras Galegas. Podedes ver aquí os dous modelos. Cal é voso preferido? Mirade que nun sae a miña imaxe...
Algúns de vos xa tedes as pegatinas que repartimos co gallo do Día das Letras Galegas. Podedes ver aquí os dous modelos. Cal é voso preferido? Mirade que nun sae a miña imaxe...
mércores, 15 de maio de 2013
A NOSA NOVA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA
Ola rapaces!
Na xornada de onte tiveron especial presenza os tráilers que sobre a película Engurras proxectamos e que nos deixaron con moitas ganas de mirala. Coido que poidamos mercala para a nosa biblioteca.
Estade pendentes da data. Disfrutade do Día das Letras Galegas da mellor forma posible: lendo en galego.
Moitas cousiñas na miña casa. Imos por partes.
Onte tivemos a sexta xuntanza do noso Club sobre o cómic Engurras do valencián Paco Roca. Botamos en falta a algúns dos nosos membros máis participativos como Mariana, Bea, Silvia, Dani, Laura, Christian..., pero outras obrigas impedíronlles acompañarnos. Esperámosvos a vindeira xornada.
Miriam e Antía de 2º B axudáronnos coa súa presentación a achegarnos a esta historia sobre o alhzéimer e outras enfermidades dexenerativas. A pesares da dureza do tema, o autor trátao con fino humor e sensibilidade. No posterior debate plasmouse a especial inquedanza que, tras a lectura deste libro de banda deseñada, temos fronte as dificultades da vida cotiá de tantos maiores que nos rodean.
Tamén tivo moita acollida o repaso de novidades sobre cómic que nos presentou o auténtico experto do tema, Emilio. E Diego Pereda de 2ºD recomendounos a nova saga de Rick Riordan (o responsable do éxito de Percy Jacson). Esta vez o profesor de mitoloxía indaga no mundo exipcio coas Crónicas de Kane.
Tamén se desvelou o título da nosa lectura final... O libro dos portais, unha recentísima novidade da nosa admirada Laura Gallego (Minotauro, 2013). E por suposto, iso terá lugar no marco da nosa III edición da Festa das tartas literarias que servirá de colofón dun ano de lecturas que esperamos que fora do voso agrado.
Soamente dúas palabras para felicitar a todos polas ricas, múltiples e suxestivas iniciativas que dende a Biblioteca, Dinamización Lingüística e Vicedirección, conmemoraron os 150 anos de Cantares Galegos de Rosalía e ao homenaxeado deste ano Roberto Vidal Bolaño. Esperamos informarvos aquí máis adiante das mesmas.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


























