Amosando publicacións coa etiqueta Club de Novela Gráfica.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de Novela Gráfica.. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de novembro de 2023

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

 Ola rapaces!



Durante esta semana e a pasada tivemos as catro xuntanzas do noso Club de Novela Gráfica. 



  • Os grupos A e D leron Harley Quinn. Cristales rotos, a historia dunha rapaza de quince anos moi descarada que na soidade dunha cidade difícil como Gotham, atopa forza nun grupo de drag queen onde aprende a loitar polo verdadeiramente importante. Xentrificación, amizade, solidariedade, son os temas que atopamos nesta obra de Banda Deseñada da autora gañadora dos premios Eisner e Caldecott Mariko Tamaki, e do artista nomeado ao Eisner Steve Pugh. 



  • O grupo B e C lemos El juego de las golondrinas de Zeina Abirached. Narra unha noite no Beyrouth dos anos 1980, na que os veciños dun edificio se atopan pechados polos bombardeos. Dous rapaces esperan a chegada dos seus pais no medio dun deles. Non obstante, a compañía dunha galería de veciños pintorescos fanlles tomarse dun xeito cotiá e cómico esa dificultade. 



En entradas vindeiras falaremos do arranque da nova sección do Club de Lectura, a de Narrativa Xuvenil en Lingua Galega. Xa tivemos dúas sesións e o vindeiro luns día 4 estreamos a sección de 3º, 4º e 1º de BAC.

Grazas a todos por participar!


xoves, 2 de novembro de 2023

HEARTSTOPPER

 Ola rapaces!

Case a mediados do trimestre, estamos moi ledos porque os  nosos Clubs de Lectura van adiante! Respecto ao Club de Narrativa Xuvenil, falaremos noutra ocasión. Esta vez queremos salientar a alta participación da rapazada nas sesións de outubro do Club de Novela Gráfica. Case rondamos a cincuentena de persoas interesadas nas nosas actividades, polo que tivemos que dividirnos en catro grupos. 



A novela de outubro foi elixida por Bea, alumna de 3º de ESO, que nola recomendou a fines do pasado curso. A biblioteca mercou varios exemplares do tomo primeiro así como uno dos tomos seguintes (ata o cuarto). 



Na novela The Heartstopper obra de Alice Oseman, se relata a relación entre dous adolescentes, Charlie e Nick, no marco dun instituto. Por debaixo da trama amorosa, os lectores poden atopar problemas que preocupan e moito, a verdadeira amizade e o mal que fan certas persoas tóxicas. 



Gustounos moito escoitar as vosas opinións nas xuntanzas, a favor e en contra da novela. Houbo quen quedou entusiasmado e houbo quen a tildou de romanticona e tópica. Outros aplicaron a súa vida algunhas das relacións que veñen reflectidas na novela. 



Grazas por vir!

mércores, 21 de xuño de 2023

CLUB DE NOVELA GRÁFICA. FESTA DE DESPEDIDA

Ola rapaces!

Onte celebramos a festa de despedida do noso Club de Novela Gráfica. Tras unha comida preparada con moito agarimo por Gloria, tivemos a última xuntanza na que botamos de menos a Lucía, e a Raquel e Sergio, que están na excursión de 4º.



Falamos da nosa lectura do mes, Maus, Relato dun supervivente de Art Spiegelman (1992), primeira novela gráfica en acadar un Premio Pulitzer. Os estudosos falan de que esta novela inicia una das dúas vías do xénero da novela gráfica contemporánea, a independente e autobiográfica, fronte a de superheroes, que se nutre da ficcionalidade. 



Patricia falou da importancia desta novela, para preparar o terreo.  Dani contounos canto lle axudou a súa lectura en momentos complicados da vida. Ruán relatou a dificultades que atopou con ela e a súa satisfacción en poder rematarla. Samrai, que non a rematara e que a leva para o verán, non quere deixar de coñecer o que lle pasou ao pai e ao fillo, protagonistas. Todos salientan como as ilustracións conmoven ao lector. 



Logo de rematar o comentario sobre Maus, fixemos un repaso a todas as lecturas do curso, suliñando as ideas fundamentais de cada unha, cales foron as favoritas, e as menos aprezadas. De todas aproveitamos unha fermosa lección: Persépolis, Los dioses mienten, V de Vendetta, Orgullo e prexuizo, ¿Me estás escuchando?

Bea, de segundo ESO B, aportou a recomendación da saga Heartstopper de Alice Oseman, que trouxo para que a viramos. Moitos non a coñecíamos, pero quedamos en pedirlla para o vindeiro curso. Ruán insistiu na defensa de The Walking Death. E Emilio animounos a mercar todo o lote completo das sete novelas.



Falamos de novos proxectos para o vindeiro curso, de como animar a máis xente a vir ás xuntanzas, de posibilidades de ampliar o horario...

E como fin de festa, Patricia agasallou aos rapaces cuns marcapáxinas moi xeitosos.

Realmente, pasamos unha experiencia moi grata. E agradecemos a todos a vosa presencia e as diferentes aportacións.

Que descansedes moito no verán, sen esquecer a lectura!



domingo, 18 de xuño de 2023

SESIÓN EXTRAORDINARIA DO CLUB DE LECTURA DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

O pasado venres tivemos unha curiosa xuntanza no club de novela gráfica. En vez de falar os profes, escoitando os alumnos, dous rapaces expuxeron a súa sabiduría a seis profesores. E de que nos falaron? Pois dunha longa saga de novela gráfica que lles apaixona. The Walking Dead. 



Sergio e Ruán, alumnos de 4º de ESO e membros activos do noso Club de Novela Gráfica, quixeron despedir esta tempada do Club cunha moi completa exposición acerca deste cómic apocalíptico que ten tantísimos seguidores, tanto na banda deseñada, como no xogo e na serie televisiva.



Falaron, sen facer espoiler, do argumento, do deseño de personaxes, das diferenzas coa serie televisiva. Responderon as preguntas feitas polo oíntes, que concluíron dicindo que teñen moito que seguir aprendendo!



Parabéns a Ruán e Sergio!



xoves, 27 de abril de 2023

ORGULLO E PREXUIZO E ¿ME ESTÁS ESCUCHANDO?

Ola rapaces!

O pasado 26 de abril tivemos a sesión correspondente a dous lecturas xa que a primeira tivemos que adiarla por exames. Comentamos a versión de novela gráfica da novela Orgullo e prexuizo, pedida sobre todo polas lectoras de Literatura Universal.



Patricia aproveitou para mercar moitas adaptacións de novelas decimonónicas que estamos a traballar na optativa de 1º de BAC. A pesares de que a experiencia foi moi positiva, Teresa, Carla, Raquel e Samrae è que lles gusta moito máis a lectura das novelas directamente. 

Tamén falamos de ¿Me estás escuchando? Trátase dunha novela gráfica dunha autora nova e orixinal que utiliza moitos elementos autobiográficos para contarnos as súas historias: Tillie Walden


A través de poucas palabras, os debuxos ensinan como dúas soidades poden chegar a comunicarse nesta viaxe tipo road movie

Moitos de nós, profes e alumnos, plantexamos cuestións que a lectura suxire: o medo a dicir a verdade, a necesidade da amizade...


 

Por si queredes escoitar a propia autora pinchamos aquí a entrevista que fixo para Mundo Sonoro.



xoves, 16 de marzo de 2023

NOVA SESIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Onte tivemos finalmente a nova xuntanza do Club de Novela Gráfica tras a paréntese dos exames. Tivemos a nova de que se incorporaron dous rapaces de cuarto da ESO, Ruán e Sergio.



Tiñamos que ler V de Vendetta. Trátase dun relato de Allan Moore deseñado por David Lloyd, no que imaxina un futuro distópico tras unha guerra nuclear. O mundo queda moi reducido e en Inglaterra, que quedou en pé, goberna un partido fascista. Un personaxe disfrazado coa máscara de Guy Fawkes, o héroe que conspirou en 1605 contra a Cámara dos Lores, busca devolver a liberdade ao pobo. 



Cando se publicou a novela entre 1982 e 1985, tivo tanta repercusión que moitos lectores pensaron que a situación reflectida nun futuro 1997 tiña chiscadelas coa actuación do partido conservador de Margaret Thatcher neses anos. De feito, aínda houbo manifestacións contra o thatcherismo nas que participaron persoas co disfraz do personaxe da novela gráfica.



En 2006 estreouse a película co mesmo título que adaptaba a novela gráfica. Dirixida por James Mc Teigue con Natalie Portman e Hugo Weaving, serviu para volver poñer de moda o cómic.


Algúns leron a novela, outros soamente viron a película. Sergio contounos que lle gustara moito. Falamos tamén de distopías. Citamos títulos da historia da literatura como a de 1984 de Georges Orwell. Observamos acerca do contraste entre as distopías e a vida cotiá. 

Despedímonos coa cita para a vindeira xuntanza que será cunha versión dun clásico romántico: Orgullo e prexuizo de Jane Austen.


mércores, 1 de febreiro de 2023

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Hoxe tivemos unha nova xuntanza do noso Club de Novela Gráfica no que limos Los dioses mienten, de Kaori Ozaki. Trátase dun manga que presenta a Natsuru e a Suzumura, un rapaz e una rapaza, que con once anos atopan na sua amizade o mellor dos antídotos contra a sua soidade. 



Aínda que a lectura parecía máis sinxela que a de Persépolis, xa que apenas tiña texto, a Teresa e Carla non lles convenciu demasiado a lectura ao revés. A Samrae si que lle interesou o relato, o tema da amizade entre os personaxes e como, grazas a ela, os rapaces superan os seus problemas. Patri e Dani tamén expuseron a súas opinións.  



Chegaron hoxe dous novos profes ao noso club (Raquel e Emilio), pero botamos de menos a Lucía e a Sergio. 

A próxima lectura xa non será de manga senón de un clásico V. de Vendetta.

mércores, 26 de outubro de 2022

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA. NOVELA GRÁFICA


Ola a todos.


De novo estou convosco. Lembrádesme? Son Socas, a mascota da biblioteca do IES Sofía Casanova, aquel trasno que se escondía entre os libros e xogaba convosco. Xa vin que este curso, coa biblioteca nova, todos estamos do trinque. Tardei en aparecer polo blogue porque tiven moito traballo axudando aos obreiros para recolocar os libros nos novos andeis. Agora estou moi emocionado polo meu novo fogar tan pintadiño de branco.
Acabamos de retomar as nosas actividades da biblio, aínda que o club de xadrez xa leva tempo con gran éxito!

Esta semana polo día 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, os rapaces realizaron unha actividade con algunhas profes de galego "O muro das recomendacións". Aínda estades a tempo de participar recomendándonos vosas lecturas favoritas.


Pero hoxe quero falarvos dunha nova iniciativa. O Club de Novela Gráfica que vai dirixir Patricia, a profe de Mates que sabe moito deste tema. Hoxe comezamos con cinco participantes (Sergio, Lucía, Asharaf, Teresa e Carla) e tres profes (Patricia, Dani e Pilar). Imos xuntar os primeiros recreos dos últimos mércores de cada mes. Primeiro presentámonos cada un. Varios de nós falamos do que entendemos por novela gráfica e cómic. E decidimos ler Persépole de Marjane Satrapi.