Amosando publicacións coa etiqueta Domingo Villar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Domingo Villar. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de abril de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL. "A PRAIA DOS AFOGADOS"

Ola, rapazada!

O pasado luns 23 de marzo tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de primeiro de Bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro A praia dos afogados (2009) de Domingo Villar.


Esta novela lévanos ata a costa de Vigo, onde aparece o corpo dun mariñeiro. Así, o inspector Leo Caldas xunto ao seu axudante, Rafael Estévez, é o encargado de investigar o caso. A través das súas pesquisas, saen á luz segredos agochados entre os vilegos. Amais, as relacións persoais, así como o pasado dos implicados complican o asunto. Deste xeito, o que nun primeiro momento semella un suicidio convértese devagar nunha complexa rede de silencios e mentiras, pois, cada personaxe oculta algo. 


O alumnado asistente destacou o xeito no que o autor constrúe a intriga, malia as abundantes descricións que diminúen o ritmo, mantendo a tensión ao longo de toda a obra. Así mesmo, incidiu na ambientación tan realista da Galicia mariñeira, en cuxas vilas todos saben todo, pero ninguén conta nada, ademais do elemento sobrenatural, sempre presente na nosa cultura popular. Con relación a isto, o estudantado sinalou, finalmente, o vínculo existente entre o título e os personaxes da obra, insinuando que os «afogados» son en realidade aqueles atormentados pola culpa, pola vinganza e pola dor. 

Sen dúbida, unha novela moi recomendable se che gustan as historias policiais con ritmo pausado, mais cheas de misterio, nas que cada detalle conta e nada é o que parece. Prepárate para mergullarte nunha investigación chea de sombras e segredos!

Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra Anagnórise (1988) de María Victoria Moreno.

luns, 17 de marzo de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapazada!

Hoxe tivemos unha nova xuntanza da sección de 1º de BAC do Club de Narrativa Xuvenil. Rematamos de ler Ollos de auga do desaparecido escritor Domingo Villar, do que algún de vós xa lerades A praia dos afogados, outra novela protagonizada pola parella do inspector Caldas e o seu axudante Estévez.


Moitos de vós comentastes as vosas opinións sobre a lectura e Lucía deunos algunhas chaves para entenderlla mellor e animonounos a ler tamén a súa última novela: O último barco.   


A vindeira reunión será co libro Senlleiras de Antía Yáñez, da que xa podemos adiantar a súa visita para falarnos desta novela e dalgúnhas outras.


Vémonos!

martes, 28 de xaneiro de 2025

OLLOS DE AUGA DE DOMINGO VILLAR. NOVA LECTURA CO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapaces!

Onte tivemos xuntanza cos rapaces de Bacharelato do Club de Narrativa Xuvenil. Comezamos coa lectura de Ollos de auga, a primeira novela da saga de Leo Caldas, o inspector de policía de Vigo que inmortalizou Domingo Villar en A praia dos afogados e O último barco.


As lectoras e lectores comentaron que lles está gustando moito a novela. Falamos da personalidade do "patrulleiro das ondas", do contraste entre o seu xeito de traballar e o do seu axudante, o aragonés Rafael Estévez. Comentamos a relación entre o personaxe a a cidade de Vigo e a súa contorna. 


O saxofonista Lois Reigosa aparece morto no seu dúplex da illa de Torregrosa cunha crueldade morbosa. A parella de policías comeza o escrutinio. Quen será o asasino? 

Enterarémonos na vindeira xuntanza no mes de marzo.


 


mércores, 26 de novembro de 2014

SE POSPÓN A NOSA XUNTANZA PARA O MARTES 16 DE DECEMBRO

Ola rapaces!
Como se veñen os exames enriba, decidimos pospoñer a xuntanza de decembro para o día 16 no que estaredes máis relaxados. 

Supoño que todos saberedes que tamén cambiamos a lectura e que a que nos toca é A praia dos afogados de Domingo Villar que moderará Diego Pereda de 4ºA. Aínda que é un bo tocho, penso que vos gustará moito porque é unha emocionante intriga chea de asasinatos, sospeitosos, víctimas. Todo elo nun coñecido e fermoso paisaxe das Rías Baixas. E formando parte dunha investigación ben levada por esa peculiar parella de detectives que forman o galego Leo Caldas e o seu axudante aragonés que non acaba de entender a idiosincracia do país.
Esta saga de misterio esta sendo moi ben acollida polo público e a crítica. E tamén máis aló das nosas fronteiras.

Estaría ben que me levárades de roteiro literario pola escea do crimen.



luns, 14 de febreiro de 2011

"A praia dos afogados" de Domingo Villar


Hai tempo lin unha novela que me enganchou, e que recomendo aos alumnos de bacharelato.
Algúns chámanlle o Stig Larsson galego, pero agás de compartir xénero, a mín non se me parece para nada.
Dúas personaxes moi ben definidas: O inspector Caldas, máis parecido ao inspector Wallander de Henning Mankell que ás personaxes de Millenium, investiga a morte dun mariñeiro que aparece nunha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos.
E Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos, non parece servir de moita axuda, e colle une tremendos rebotes coas respostas ambigüas desta xente que non entende.
Unha parella que daría moito xogo nunha película ou nunha serie televisiva (esta é a segunda novela do inspector Caldas, e pode haber máis entregas).
Hai unha novela anterior chamada "Ollos de auga" que non me gustou tanto porque o desenlace me pareceu previsible.