sábado, 30 de abril de 2016

3-5-2016: O XORNALISTA MIGUEL ÁNGEL AGUILAR NO SOFÍA



Miguel Ángel Aguilar recibirá o Premio José Couso de Liberdade de Prensa en Ferrol o día 3 de maio (Día Mundial da Liberdade de Prensa). Ese mesmo día estará no Sofía e conversará cos alumnos sobre a súa experiencia como comunicador.

Esta actividade está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (http://www.xornalistas.gal/e inscríbese dentro do proxecto ‘Xornalismo na Escola’, consistente en impartir talleres en centros de secundaria para alumnado de 3º ou 4º da ESO. Nestes talleres faise unha primeira aproximación ao que é o xornalismo, o papel do xornalista, os dereitos fundamentais de informar e ser informado e outras cuestións relacionadas coa comunicación. 

Os alumnos de 4º ESO que, coordinados por Juana Brañas, están a preparar un TELEANUARIO, de seguro tomarán boa nota desta experiencia e do encontro con Miguel Ángel Aguilar.

Miguel Ángel Aguilar (Madrid, 1943).
Prensa escrita.
Radio e Televisión.




mércores, 20 de abril de 2016

18 ABRIL A 18 DE MAIO: MES DAS LETRAS NO SOFÍA

23 de abril
DÍA DO LIBRO

17 de maio
DÍA LETRAS GALEGAS
DÍA DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN E DAS TELECOMUNICACIÓNS

Ilustración: Fernando Vicente

É imposible que non o virades: está por todas partes, nas paredes, no espírito, no ambiente, mañá e pasado no salón de actos... Referímonos ao excelente traballo realizado polos alumnos do Sofía e coordinado polo departamento de lingua castelá e literatura para conmemorar os 400 anos do pasamento de Cervantes e Shakespeare. 

Ilustración: Fernando Vicente


Si, tamén é casualidade: os dous grandes xenios da literatura universal morreron -iso din- o mesmo día do mesmo ano, un 23 de abril de 2016. Tiñan ben merecido facer xuntos esa última viaxe, coincidir dalgún xeito para, se cadra, falar das súas cousas (literarias, entendemos). E, de seguro, coincidiron. O feito de non facelo sería unha "inxustiza cósmica" (cito as palabras dun compañeiro). Así os ve o ilustrador Fernando Vicente, man a man para a posteridade:



Con esta intensa semana arranca o mes das letras no Sofía. Haberá máis Cervantes, Shakespeare, outras efemérides (os nosos cumpren anos: vid. pestana do menú), algo de misterio, o concurso de marcapáxinas, as letras galegas con Manuel María... E así ata o día 18, centenario das Irmandades da Fala.

Teredes as imaxes, pero hai tanto material que aínda hai que seleccionar. Por iso recorremos a estas ilustracións de Fernando Vicente para esta entrada. De momento.

martes, 12 de abril de 2016

12 DE ABRIL: CLUB DE LECTURA. OS CRIMES DA RÚA MORGUE.

Animado, moi animado, (excesivamente animado?) o club de lectura de hoxe. Estaremos posuídos polo espírito de Edgar Allan Poe?

Deixámosvos a presentación que introduciu a sesión.


Presentación de Ana Ortega e Diego Pereda 


Como sabedes, estamos a preparar -desde o club de lectura do Sofía- un itinerario de misterio que daremos a coñecer en breve. Xa vos iremos contando.

A OPTATIVA ITI-SOFÍA, NOS ENCONTROS PLAMBE 2015-2016

A materia optativa "Investigación e tratamento da información", impartida en 1º ESO B, C e D, estivo presente nunha mesa redonda dos Encontros PLAMBE 2015-2016:



Esta foi a contribución da Biblioteca IES Sofía Casanova: itisofia8416.


E estes son os nosos alumnos da 1ª promoción de ITI, 2015-2016:
Fotografía de outubro 2015





mércores, 6 de abril de 2016

KALI FERRÁNDEZ GAÑA O PREMIO GLORIA FUERTES DE POESÍA



Kali Ferrández, gañadora do XVII Premio Gloria Fuertes (Imaxe La Voz de Galicia)


O xurado -formado por Ana Rossetti, Javier Lostalé e Marta Porpetta- acordou por unanimidade premiar a súa obra Godot nunca lo dijo. 

Di Kali na entrevista publicada hoxe en La Voz de Galicia:
-En mi casa aprendí a amar la cultura. Y también aprendí la cultura del amor. Cosas que en el mundo no puede quitarte nadie...
-Una manera de existir...
-Sí. Un modo de vivir muy vinculado a todo lo poético y a lo espiritual. Eso lo adquirí de mi padre, y también de mi madre.
Si, efectivamente: Kali Ferrández é filla de Guillermo Ferrández, profesor de LLC no IES Sofía CasanovaParabéns a Kali, a Guillermo e ao resto da familia, non só polo premio, senón tamén polo que se intúe ao ler as palabras de Kali. 

Non deixedes de ler a entrevista citada:




martes, 29 de marzo de 2016

ANDREA MACEIRAS NO SOFÍA

Hoxe estivo connosco a escritora Andrea Maceiras. Abriu a sesión cun spin off da súa novela Europa Express (premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, 2015) para logo dar paso ás preguntas dos alumnos de 1º bacharelato. Achegounos datos da obra en si (personaxes, voz narrativa, elaboración, estrutura, tempos, etc.) e da súa experiencia como escritora. 

Graciñas, Andrea, por visitarnos e por contarnos todo tan ben contado.



Andrea Maceiras con Natalia e Rubén, firmando exemplares do seu libro



mércores, 16 de marzo de 2016

15 MARZO: CLUB DE LECTURA. O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIANOITE.

Un cadáver (o caniche Wellington), un rapaz con Asperger, a afección ás matemáticas, unha extraña viaxe, relacións familiares, referencias a Sherlock Holmes… Podedes velo na presentación de Laura e Sabela, que se ocuparon de introducir esta sesión do club.




Un libro que gustou a todos os membros deste club de lectura.
Cartel de Inés M. Quintanilla


E nas recomendacións, Diego con Don Quijote de la Mancha (el manga); Sabela, Hija de humo y hueso, Los gatos guerreros, Yaruki, La memoria del agua; Laura, El resplandor. E máis…

luns, 14 de marzo de 2016

CHARLOTTE BRONTË

O martes, 8 de marzo, nunha clase de 1º ESO estivemos vendo esta imaxe (cumpren anos 2016):




Pulsa na imaxe para ampliala.

Entra no Pinterest "2016: Cumpren anos" desde o menú do blog ou por aquí.

- Só unha muller en 900 anos. Por que? -Dixo a profesora.
- Non lles deixaban -contestaron uns alumnos.

Efectivamente, así de triste: 
Non lles deixaban. Non lles deixaron.

Pois ben, rindamos homenaxe á única muller que figura nese cartel, Charlotte Brontë. Que ela represente a todas aquelas mulleres que quixeron ser filósofas, científicas, pintoras, escritoras, inventoras, compositoras e "non lles deixaron", por aquelas que quixeron ser e non foron. E por Charlotte que, a pesar das circunstancias adversas, loitou por ser o que quería ser.


Os alumnos de 1º ESO inician un traballo de investigación e tratamento da información no que teñen que xogar con estes parámetros:
  • Charlotte Brontë, como representante das mulleres escritoras ás que "non lles deixaban".
  • A prensa, como única fonte para buscar esa información.
  • A guía ALFIN5 Sofía, para organizar o proceso.




xoves, 3 de marzo de 2016

ÉRASE UNHA VEZ...

Érase unha vez un libro, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. 

Inés Martínez Quintanilla, 1º ESO A

Lucía Toval, 1º ESO A


Isto é un avance do que están a facer os alumnos do Sofía. Porque estamos convencidos de que hai que "recoñecer e aproveitar a transmedialidade" (vid. Pérez Tornero en V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia):

Diapositiva da presentación de Pérez Tornero

Queredes ver máis? 

·         Arthur Conan Doyle.

·         El retrato de Dorian Gray.

·         El valle de los lobos (I).

·         El valle de los lobos (II).

·         Leyendas, Bécquer.


Máis? Entrade nesta ligazón.


Ou nesta, para coñecer o PROCESO.





martes, 1 de marzo de 2016

ESTABAMOS ESPERANDO...

Estabamos esperando a ter todo o material, as fotos, o vídeo, a unidade didáctica sobre a poesía... Pero xa non podemos esperar máis. O tempo pasa, e é moita hora de contarvos -aínda que sexa brevemente- o que aconteceu o día 15 de febreiro no Concepción Arenal. Vid. entrada anterior: "Temos unha cita o día 15".

Fomos moi ben recibidos, a verdade. Todo estaba marabillosamente organizado (Ana Vizoso á fronte)  e decorado (carteis dos alumnos de Artes). E recitaron, claro que recitaron. Se xa o dicía o mestre: "A poesía é o gran milagre do mundo".

Pasémoslle a palabra aos do Masculino, que recolleron o evento no seu blog:



Se ata La Voz de Galicia deu conta da noticia…



Continuará...

sábado, 20 de febreiro de 2016

UMBERTO ECO

EL PAÍS, El Mundo, ABC, La Voz de Galicia.



5-1-1932 / 19-2-2016
"Fai frío no scriptorium, dóeme o polgar. Deixo este texto, non sei para quen, este texto, que xa non sei de que fala: stat rosa pristina nomine, nomina nuda tenemus". Adso de Melk, final de O nome da rosa (Umberto Eco).
"Ensinanza: hai ideas obsesivas, pero nunca son persoais, os libros falan entre si, e unha verdadeira pesquisa policíaca debe probar que os culpables somos nós". Umberto Eco, final das Apostilas a O nome da rosa.

martes, 16 de febreiro de 2016

SESIÓN CLUB DE LECTURA, 16 F: O CAN DOS BASKERVILLE

Cynthia, Clara e Sabela ocupáronse de introducir a lectura. A súa presentación (vid. enlace) deu lugar a un interesante coloquio no que se trataron diferentes aspectos, uns deles relacionados co formato da presentación (boa elección, PowToon) e outros coa lectura en si mesma.


A ambientación, os páramos, as zonas pantanosas, cans "fantasmagóricos" (o punto gótico), o papel de Watson, o xénero (diferenza entre novela de enigma, novela negra...) e o método de Sherlock Holmes foron aspectos tratados nesta sesión. A lóxica, a análise de datos concretos, a dedución (como chega Sherlock á conclusión), foi o que máis interesou a varios membros do club. Mencionáronse outras obras que encontran explicación racional a fenómenos aparentemente paranormais (a relación de Sherlock co Auguste Dupin de Poe, O castelo dos Cárpatos, recomendado por Emilio), a proxección de Sherlock Holmes na cultura contemporánea (desde Scooby Doo ata a tecnoloxización extrema en produtos como CSI). Son estas opinións dos membros do club que aquí, unicamente, recollemos. E, unha vez máis, Sabela veu acompañada dunha das súas "Joyas literarias juveniles" (xa sabedes, adaptacións de clásicos a banda deseñada), neste caso, da obra que ocupou a sesión de hoxe.

Lectura totalmente recomendada. Gustounos a todos.

E pasamos xa á próxima lectura, unha novela do ano 2008: O curioso incidente do can á media noite de Mark Haddon. Elemental, querido Watson. Seguimos co misterio. Aínda máis: seguimos con Sherlock. Esta novela parece ser un homenaxe a "Lucero de Plata", o relato curto publicado no 1892 por Conan Doyle, relato que algúns de vós estades a ler para a materia de Lingua Castelá e Literatura.


xoves, 11 de febreiro de 2016

XUNTOS DE NOVO: TEMOS UNHA CITA O DÍA 15

Érase unha vez...

Érase unha vez un Instituto de Ferrol. Nos anos 50 do século pasado alí estudaban -xuntos- os rapaces e rapazas da comarca. Alguén, hai xa moitos anos, alá polo 1963, decidiu separalos: os rapaces a un lado, as rapazas a outro. Eles quedaron nese instituto, que pasou a coñecerse como o Masculino; elas foron apartadas, dando orixe ao Feminino, actual IES Sofía Casanova. 

Unha "tráxica separación" que, de seguro, conlevaría algún que outro "corazón roto". Pois ben, agora, máis de 50 anos despois, chegou o momento de volver. E que mellor forma de facelo que cantando ao amor?

https://www.youtube.com/watch?v=atMSLD9YIkU
Encontro dos clubs de lectura do Concepción Arenal e do Sofía Casanova
Pois niso estamos. Invitados polo Club de Lectura do Masculino, organizador desta actividade, o Sofía regresará á súa orixe o día 15. Estaremos xuntos de novo, como hai máis de 50 anos, para recitar poemas. Xa tivemos un encontro no Sofía; podedes velo neste pequeno álbum de fotos.

A poesía todo o pode conseguir. Xa o dicía Pimentel: 

"A  poesía é o gran milagre do mundo". 

Escolma de poemas. Escolma elaborada co Equipo de Dinamización Lingüística do Sofía. Con ela contribuiremos ao traballo que están facendo desde o Club de Lectura do Concepción Arenal
https://es.calameo.com/read/002420622948c9b1c4e5f

Recitaremos recordando a aqueles rapaces e rapazas que hoxe terán 70 anos. Dicía Cabanillas (ano 1927) no prólogo do seu poemario A rosa de cen follas, Breviario dun amor:

"É unha mociña en flor que nun balcón de peitoril abombado, feito camarín por unha roseira, na soidade da noite, bicada por un raio de lúa, está lendo un libriño de amor e dolor. Alguén deixou ao pé do debuxo, tremendo como dúas bágoas, estas dúas liñasMais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas... 

Por se aínda queda algún balcón florido...! 
Por se a mociña de entón ten unha neta...!"
Quedará aínda algún balcón florido? Haberá entre vós algunha neta (ou neto) daqueles rapaces e rapazas de 1963? Se "A poesía é o gran milagre do mundo" podemos volver atrás, para recordar; aínda que pasaran tantos anos, estamos a tempo de facer que se reencontren -no recordo- aqueles corazóns separados no 1963.

Graciñas aos membros do club de lectura do Masculino, por organizalo todo para que poidamos... Volver (Estrella Morente) / Volver (Carlos Gardel).

venres, 5 de febreiro de 2016

DOCENCIA DE CARLOS L. ARDAO

Onte, 4 de febreiro, estivo connosco Carlos López Ardao para contarnos as novidades no mundo do libro dixital. As ferramentas para a creación de contidos (a plataforma E-DIXGAL), as ferramentas xenéricas: Ardora, Exe, Edilim), as ferramentas na nube e os distintos formatos (ePub3, SCORM...)  e outros aspectos que foron saíndo no coloquio formaron parte da súa exposición. Como hai dous anos, foi un pracer e un luxo recibilo na Biblioteca do Sofía e aprender del. Quédanos agora unha longa aprendizaxe para poder trasladarvos estas novidades a vós, os alumnos do IES Sofía Casanova.