luns, 25 de febreiro de 2019

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Ola compañeiros!
Como sabedes onte 24 de febreiro celebrouse o Día de Rosalía de Castro con moitísimas actividades en distintos lugares da contorna, nós queremos sumarnos e destacar de Rosalía un par de poemas.
Ela na súa poesía expresa con moita forza e sensibilidade a dor colectiva, a desolación dun pobo que se ve abocado á emigración como forma de supervivencia. Ela retrata como ninguén a indefensión, o abandono e a desesperación que leva na pel un ser humano que se ve desposuído non só da súa familia senón do seu medio cultural e social. Persoas que atopan ademais unha contorna hostil, no que son desprezadas e desprovistas do respecto e a consideración mínimos. Ela usa a lingua galega, que lle proporciona palabras e imaxes imprescindibles como a morriña, para retratar ese desgarro íntimo que produce nas nais, nos fillos e nos pais esta separación.
Airiños, airiños aires
Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, leváime a ela.

Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta;
que adonde queira que vaia,
cróbeme unha sombra espesa.
Esta sombra que cargan ás costas por igual homes e mulleres, que á dor da separación únese a da culpabilidade e a responsabilidade de deixar a súa terra pola incerteza de que este esforzo sirva para construír un futuro mellor.
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Escollemos estos dous poemas de Rosalía para seguir a afondar no problema dos migrantes que iniciamos coa campaña do Día da Paz.
Para os compañeiros que querades xogar con nós, proxectaremos un vídeo co poema Negra Sombra, interpretado por Luz Casal e Carlos Nuñez, ó que lle puxemos imáxes, para que participedes nun sinxelo concurso completando ocos nun dos poema, ou ordeando os versos do outro, nun tempo limitado. Os gañadores serán agasallados cun libro.

Por outra banda, poñeremos ese vídeo do poema de Rosalía, na entrada do instituto e engadiremos unhas pegadas negras no muro da entrada, para representar esa "Negra Sombra" que levan consigo os migrantes de todas as partes do mundo.


(Negra SombraArtista:Luz CasalÁlbum :Sencilla AlegriaCon licencia cedida a YouTube por WMG, SME (en nombre de PLG Spain); Warner Chappell, CMRRA, SODRAC, Wixen Music Publishing, UBEM, LatinAutor, LatinAutor - Warner Chappell y 9 sociedades de derechos musicales.)

Para rematar, deixamos as fotos dos nosos compañeiros facendo o concurso.

sábado, 23 de febreiro de 2019

ANTONIO MACHADO, 80 ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO

Ola compañeiros!



Hoxe queremos lembrar que hai 80 anos, o 22 de febreiro na localidade francesa de Colliure, falecía Antonio Machado, autor de Campos de Castilla, que seguramente están lendo algún dos nosos compañeiros do instituto. Da súa obra, coincido co gusto de Juan Ramón Jiménez e outros autores, en destacar ós “Proverbios y cantares”, en concreto o número XXIX:


Caminante, son tus huellas
el camino, y nada más;
caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.
Al andar se hace camino,
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.
Caminante, no hay camino,
sino estelas en la mar.


Seguro que lembrades que desde xaneiro, estivemos a falar dos migrantes que se ven obrigados a deixar a súa terra por múltiples razóns, e que fixemos a nosa campaña: "Tirando muros, tendendo pontes", do Día da Paz, para chamar a atención de sobre este drama, lembrando que nós fomos un pobo de emigrantes que buscamos nos países veciños refuxio da guerra e da fame. Pois ben, Antonio Machado viviu tan intensamente esta experiencia que ata levou unha pequena caixiña de terra de España, cando cruzou a fronteira para marchar a Francia. Cando el morreu, o seu imán cumpriulle ese último desexo de descansar cuberto pola terra do seu país. El como ninguén séguenos a conmover cando lemos nos seus poemas esta dor que produce o desarraigo, ó que se enfrontan hoxe, coma hai 80 anos, moitas persoas do planeta. Estes versos convertidos nun himno por Joan Manuel Serrat, afondan neste sentimento pero tamén na esperanza de superar o pasado e camiñar hacia o futuro. Con este sentimento de fortalecernos facendo o camiño hacia un mañá onde poder superar os conflitos e deixando nas vosas xóves máns este delicado traballo, queremos deixarvos este canto para lembrar a este gran poeta.

venres, 22 de febreiro de 2019

21 DE FEBREIRO,DÍA INTERNACIONAL DAS LINGUAS MATERNAS


Ola rapaces!

Como xa informamos no blog de dinamización onte, 21 de febreiro, celebrouse o Día Internacional da Lingua Materna aprobado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999, para promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. Cada ano escóllese un tema ó que adicarlle o día. Este 2019, é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas. Os pobos indíxenas representan aproximadamente 370 millóns de persoas e falan a maioría das 7000 linguas vivas. En palabras de Audrey Azoulay (Directora xeral da Unesco) enténdese que as linguas maternas "son esenciais para contruír a paz". 
Nós queremos deixar aquí unha preciosa iniciativa de Adriana Bado e Hugo Esquivel, dous deseñadores de México, creadores dunhas ilustracións con declaracións de amor en 10 linguas. Seguramente seguimos influídos pola experiencia con os maiores da residencia Domus Vi que nos visitaron o pasado 14 de febreiro para falarnos sobre os mitos do amor romántico.

venres, 15 de febreiro de 2019

VISITA DOS MAIORES AO NOSO CENTRO

Ola rapaces!
Onte viñeron elas a vernos. Quero dicir, tocou que esta vez nos visitaran un grupiño de señoras do veciño xeriátrico Domus Vi.
Así, xunto coas animadoras Marta e Lucía, viñeron: Carmen, Obdulia, Puri, Azucena, María, Mela e Julia, as sete magníficas. Aguerridas loitadoras cun pasado abraiante e unha suma de idade que se aproxima ao número 700. 
Todas elas foron avoas por un día da clase de 1º A de ESO, cada unha adoptou a tres rapaces do seguinte xeito:
  • Azucena con Irene, Mario e Nacho.
  • Carmen con Iago, Hugo e Gonzalo.
  • Obdulia con Toni, Ainhoa e Amine.
  • Puri con Yan, Ibra e Carla.
  • Mela con Jeray, Lucas e Esmeralda.
  • María con Paula, Junier e Álex.
  • Julia con Brais, Laura e Alejandra.

E formados os grupos, comezou o obradoiro no que se trataba de indagar sobre os mitos do amor romántico, tema, por certo, que ademáis de vir a conto polo San Valentín, está tamén tratado nun interesante artigo "Eles gobernan, elas aman" da revista Sermos que temos aquí na biblioteca e que vos recomendamos.
Cadaquén contou a súa experiencia e a delas, as avoas, abofé que dá para moito. Pero os rapaces non quedaron atrás, moitos falaron das súas cousas, son pequenos pero teñen boa vista.
Así que non soamente viaxamos polo tempo, da man das avoas que narraron historias incribles, como a de Julia que casou por poderes para poder viaxar soa a atopar ao seu mozo en Montevideo, o a de Puri que casou con 19 anos porque na casa do seu noivo eran cinco varóns e precisaban unha muller para facer os labores da casa... Senón que tamén viaxamos no espazo porque quedou claro que temos moita diversidade no Sofía: alumnos que veñen de Marrocos, Santo Domingo, rapazas de etnia xitana, onde os roles masculino e femenino están moi diferenciados...
Fixemos un mural coas nosas aportacións que quedará na biblioteca como lembranza dunha clase inesquecible onde as xeracións se uniron reclamando respecto, igualdade e responsabilidade.
Grazas a todos!


mércores, 13 de febreiro de 2019

NOVA XUNTANZA DOS CLUBS DE MANGA E ROMÁNTICA

Ola rapaces!
Onte, como todos os segundos martes de mes, tivo lugar a nosa xuntaza dos clubs. Quedamos a xantar todos xuntos e logo separámonos en dous grupos.


Antes de comezar, os de Club de Lectura repartimos os agasaios do amigo invisible, aínda que a algún despistado se lle esquecera. Todos estabamos moi contentos co noso novo libro.
E penso que o amigo invisible acertou de cheo cos gustos de cadaquén.
Queremos dar a benvida a dúas novas incorporacións ao noso algo mermado Club de Novela Romántica: Nacho de 1º ESO e Nicolle de 4º de ESO. Grazas por vir.
Comentabamos unha das novelas cumes do subxénero de novela romántica, Orgullo y Prejuicio de Jane Austen. A presentación fixérona, moi ben, Daniela (4º ESO) e Manuela (1º BAC). No entusiasmo co que falaban notábase canto lles gustou a novela.

Deixamos aquí a presentación e as fotos do evento.

xoves, 7 de febreiro de 2019

DÍA DA PAZ. TRABALLOS DO ALUMNADO

Con motivo da celebración do Día da Paz, dende a biblioteca coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Orientación e o Equipo de Actividades Extraescolares, realizamos una campaña que leva por título Construír a Paz; tirando muros, tendendo pontes. Sumámonos así a un proxecto xa existente, pero dándolle a nosa orientación. O traballo nas titorías e nas áreas que colaboraron fíxose en torno a dous núcleos: muros e pontes. Estes dos elementos arquitectónicos serven perfectamente para visibilizar a separación e a unión, a discriminación e a acollida. Os muros que esconden os medos e xeran conflito e as pontes que serven para mediar e buscar solucións. 
Deste xeito, en 1º e en 3º da ESO traballaron en torno á idea dos muros que nos dividen. O alumnado de 1º centrouse en reflexionar sobre aquelas actitudes que poñen pedras no muro da paz e da convivencia, aspectos negativos que expresaron nunha soa palabra, en distintos idiomas, e que representaron como pedras coas que fixeron un muro, na entrada do instituto. 



Pola súa banda, o alumnado de 3º fixo fincapé no trixésimo aniversario da caída do Muro de Berlín en 1989, comprobando con tristura como moitos outros muros se continúan erguendo no mundo dende entón para impedir o paso de emigrantes e refuxiados. Estes traballos recóllense mediante unha aula virtual que se creou en Google Classroom, e mediante murais nos corredores.



O alumnado de 2º e 4º centrouse no tema das pontes, buscando información sobre persoas, asociacións e particulares que loitan por construír pontes para reducir as desigualdades e inxustizas creadas pola violencia, a guerra, os desequilibrios económicos e sociais, etc.

Os grupos de 2º profundizaron nas fórmulas que favorecen o diálogo e a convivencia pacífica, tratando de sintetizar esas ideas en palabras que representaron como tramos dunha ponte colgante que se puxo no hall do instituto. 




  Nesta ponte colaboraron activamente tamén os de 4º. Estes, pola súa parte, fixeron aportacións de xeito variado, traballaron sobre personalidades que destacaron na loita pola paz, coma Gandhi; lembrando que a data do seu pasamento é a elixida para facer esta celebración do Día da Paz. Tamén informaron que o 27 de xaneiro é o Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, e recolleron datos sobre a liberación de Auschwitz-Birkenau.
Outros alumnos participaron facendo campañas pola paz en forma de infografías e de carteis que tamén se colocaron no muro da entrada. Cos traballos fíxose un vídeo para poder difundir estes contidos a toda a comunidade educativa mediante os diferentes blogs e na pantalla da entrada do instituto.


mércores, 6 de febreiro de 2019

GUÍA DE LECTURA DÍA DA PAZ

Ola rapaces! 
Nesta entrada deixamos unha pequena guía de lectura que completa algúns dos temas que  se  trataron estas semanas con motivo da celebración do Día da Paz.
 

martes, 5 de febreiro de 2019

BIBLIOTECA DE FAMILIAS

Ola rapaces!
Hoxe quero dirixirme máis que a vós aos vosos pais. Porque estreamos un novo recuncho para todas as familias que chamamos "Biblioteca de Familias".

Que é?

Ao carón do despacho da Orientadora situamos unha serie de libros sobre a educación dos rapaces (estudo, saúde, motivación, redes sociais, alimentación, adiccións...) 
Como moitos dos pais e nais pasan moito tempo sentados neste recanto, pensamos que era un bo lugar para aproveitar estes tempos mortos na súa formación.
A biblioteca do centro é de todos: alumnos, profes, personal non docente, tamén das familias. Pero como algúns sodes un pouco tímidos, e non vos atrevedes a entrar, será a biblioteca a que saia.

Normas de uso

1. Como as bibliotecarias soamente estamos na biblioteca nos recreos e en poucas horas máis, non podemos atender o préstamo.
2. Seredes vós quen autoxestionaredes o propio préstamo.
3. Podedes coller tres libros por familia.
4. Debedes apuntarvos na folla que atoparedes na estantería, cubrindo ben todos os vosos datos.
5. O préstamo dura 15 días, renovables outros 15 días.
6. Confiamos no voso bo uso.
7. Os materiais son de todos e non son precisamente baratos.

              GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN.


mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ CANTANDO AOS MAIORES

Ola rapaces! 
O de onte foi un deses días inesquecibles que de vez en cando acontecen. Fomos ver aos maiores para celebrar o Día Internacional da Paz, que é precisamente hoxe. Recitamos dous poemas. A muralla de Nicolás Guillén e Irmáus de Celso Emilio Ferreiro que din:


Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra 1962

Tamén lles deixamos o noso simbólico muro, no que precisamente as palabras de Celso Emilio oradan un oco de esperanza.

Pero o prato forte chegou despois: o noso coro. Ben dirixido por Almudena (a quen agradecemos que viñera con toda a familia) e Daniel, axudados por Alberto, o coro do IES Sofía Casanova, que cada vez medra máis en cantidade e calidade, interpretou catro temas. Entre outros Matriarcas de Guadi Galego, Mad World, unha versión de Believer realizada por Lucía Toval e Lucía Hermida. O piano, o violonchelo, a guitarra eléctrica trasladáronse a Domus Vi sen ningún problema. Particularmente, a min encantoume a última canción que non oíra noutras das súas actuacións. Unha de orixe africana que acompañaron con bailes.
Todo gustou moito aos maiores, e houbo quen se emocionou e ata botou algunha bágoa.

Dende a biblioteca queremos darvos as grazas a todos poque coma sempre, SODES XENIAIS.

Por certo, tamén saímos na prensa.

Vémonos.

xoves, 24 de xaneiro de 2019

VOLUNTARIADO DÍA DA PAZ

Ola rapaces!
Polo de agora soamente quero aproveitar está ventá para convocar a todos os nosos voluntarios a unha próxima visita ao xeriatro. Os datos concretos témolos no cartel de abaixo.

O motivo da mesma será a conmemoración do Día Internacional da Paz.
Esperámosvos a todos!

martes, 15 de xaneiro de 2019

NOVA XUNTANZA DOS NOSOS CLUBS

Ola rapaces!
Hoxe, como todos os segundos martes de mes, tivemos xuntanza dos Clubs. O club de Manga vai xenial pero o outro... ¡mi madriña! Hoxe eramos seis máis Emilio e Pilar. Rapaces que está a suceder? Non fomos nós os pioneiros de todo?
Para a vindeira sesión faremos o regaliño do amigo invisible que ten que ser un libro que teñamos pola casa. E comprometémonos a traer, cada un, un invitado ao club. A ver se mellora a cousa...



E iso que a novela de hoxe non podía ser más apaixoante, A princesa prometida do recentemente falecido William Goldman, toda unha marabilla cun fino sentido do humor e unha divertida parodia dos contos de fadas. 
E iso que, ademais, a presentación feita por Sabela Deibe, que pronto colgaremos aquí, foi moi completa e interesante. E fíxoo moi ben, con soltura e graza. Noraboa, Sabela!

E iso que os bocatas estaban ben ricos.
E iso que ata os de Manga amenizaron a velada coas súas cancións xaponesas.
E iso que nos visitou o gran Efrén.
...



Pois iso, que non nos faltedes, rapaces. Esperámosvos a todos o 12 de febreiro con todo un pedazo de clásico da novela romántica... Donas e cabaleiros, quiten o sombreiro, que chega (redobre de tambores)...
Orgullo e prexuízo de Jane Austen.
Dito queda.


venres, 21 de decembro de 2018

A NOSA FELICITACIÓN DE NADAL

Ola rapaces!

Xa cerca do Nadal, queremos celebrar con todos vós esta festa universal. E facémolo coa imaxe da nosa árbore de margaritas. 
Noutras entradas xa falamos do simbolismo destas flores, vencellado ao Día de loita contra a Violencia de Xénero. Quixemos aproveitar o esforzo de tantos de vós deseñando margaritas, escribindo as vosas mensaxes nelas, en catro idiomas. E desgraciadamente aínda hoxe temos que seguir lamentando máis mortes, máis perdas  insubstituíbles.
Por iso cobra máís valor o noso posicionamento e as nosas flores. En realidade, esta árbore é simbólica, non é só unha árbore para a reflexión e  a denuncia, senón tamén para a esperanza. Como di Ana Seco, a nosa vicedirectora. Por esa razón, seguimos plantándonos contra a violencia. Para que non teñamos que dicir, como premonitoriamente vislumbrou Federico García Lorca:






Cuando se hundieron las formas puras bajo el cri cri de las margaritas, comprendí que me habían asesinado.




BO NADAL!







xoves, 20 de decembro de 2018

CELEBRANDO O NADAL COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!
Hoxe tivemos unha nova sesión de voluntariado na que procuramos levar algo de ledicia aos nosos amigos do veciño xeriátrico.
Logo de preparar os textos e as manualidades, fomos visitar aos maiores. Coma sempre, Cinthia exerceu de estupenda presentadora. E logo un grupo de lectoras (María, Sara, Sabela, Irene, Esperanza e Carla) puxeron as súas voces no conto de A Vendora de Fósforos de Hans Christian Andersen, conto triste pero típicamente navideño. 
A continuación, o noso Papa Noel particular (Diego) repartiu agasaios e agarimos. 
Para rematar, o resto do equipo (éramos tantos que non poido citar a todos) entregamos as estrelas feitas por nós en forma de veliñas que querían representar o conto da cerilleira.
Aínda que foi un ratiño moi pequeno o que puidemos estar cos maiores, pagou a pena por ver os seus sorrisos. 
Agradecemos a todos que dedicárades o voso ocupado tempo neste labor. Sodes únicos!

Bo Nadal!  

Vémonos en xaneiro.

martes, 11 de decembro de 2018

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!
Hoxe tivemos a segunda xuntanza do noso Club de Romántica. Comemos, como vén sendo habitual, cos compañeiros do Club de Manga e ata tivemos a visita de Adrián, un rapaz do IES Concepción Arenal.



Como estamos en plenos exames, a asistencia non foi todo o completa que desexamos, pero o comprendemos. Aínda así, xuntámonos un bo grupiño e decidimos facer unha primeira presentación conxunta dos dous clubs. 



Pola súa parte, María del Pilar falounos da novela romántica de John Green, Buscando a Alaska e púxonos un interesante booktrailer sobre a mesma.



A continuación, Iago Grandal tratou do Manga: Your Name, recomendado outras veces neste blog. Parecéunos moi interesante o feito de que a película precedese ao cómic. Verdadeiramente, trátase dunha obra mestra do anime.
Logo, separámonos os dous grupos e os do Club Xuvenil aproveitamos para facer traballos de voluntariado interno e para dar un repasiño aos exames.
Sorte a todos!
E ánimo coa vindeira lectura, A princesa prometida.

martes, 27 de novembro de 2018

LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ola rapaces!
Seguindo coa  nosa entrada anterior, na semana de loita contra a violencia de xénero, agora dende o equipo de biblioteca queremos recomendarvos algunhas lecturas que axuden a reflexionar sobre as consecuencias devastadoras desta lacra.



Aquí a tedes, podédela atopar na mesa onde plantamos as nosas margaritas cos vosos nomes:


  • Machismos: de micro nada.
  • Covardes de María Xosé Porteiro.
  • Persépole de Marjane Satrapi.
  • El diario azul de Carlota de Gemma Lienas.
  • Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero.
  • O que sei do silencio de Andrea Maceiras.
  • As horas roubadas de María Solar.
  • Valerosas de Pénélope Bagieu.
  • A Silent Voice de Yoshitoki Oima.
  • Shino no es capaz de decir su propio nombre de Shuzo Oshimi.
  • Pioneiras. Galegas que abriron camiño de Anair Rodríguez.
  • Desgracia de J.M. Coetzee.
  • El color púrpura de Alice Walker.


Boas lecturas para todos!