xoves, 30 de maio de 2019

TEATRO

Ola rapaces!
Onte foi unha fermosa tarde xa que unimos nun só acto dúas das nosas actividades: o teatro e o voluntariado.
Tiñamos a estrea da obra de teatro titulada: "Unha praza, un banco e dous casoiros" dous sainetes que adaptou José Luis Paz. E na sesión da tarde, xunto coas familias, viñeron un grupiño de anciáns de Domus Vi a vernos.
Xa dende o ano pasado tivemos moita relación entre estas dúas actividades. Dende o momento que a metade do elenco de actores e actrices son tamén voluntarios (María, Laura, Sara, Andrea, Pablo e Diego). Ademáis o ano pasado, como non puideron vir, fomos nós a actuar ao xeriátrico.
Pero este ano foi moito mellor a experiencia porque viñeron eles aquí e viviron en vivo e en directo a experiencia teatral.
Temos que felicitar a todos: a Xosé Luis, o director, Alberto e Lucía, encargados da fotos e o vídeo, Vily, encargada do vestiario e maquillaxe, a ANPA que se encargou da escenografía, maquillaxe e vestiario, Melba que foi a correctora lingüística, a Antía, que fixo o cartel... E sobre todo a todos os rapaces. Os seis mencionados e os outros seis (Iván, Aldryn, Javi, Miguel, Arón e Marcelo).
Sodes todos uns verdadeiros artistas. E grazas tamén ao grupiño de voluntarios que estivo pendente de axudar a acomodar aos maiores e acompañounos co agarimo de sempre. Verdadeiramente temos xa uns fortes vínculos interxeracionais entre alumnos e avós.
Hoxe publicaremos algunhas fotos e pequenos vídeos pero en posteriores entradas prometemos poñer as fotos de Lucía e os vídeos de Alberto. Moitos voluntarios que tamén axudaron esa tarde non poideron quedar porque tiñan clase. Desde aquí queremos agradecer a todos a súa enorme dedicación e entusiasmo. 

sábado, 25 de maio de 2019

ACTIVIDADES DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ola rapaces!
Seguro que estades pensando que temos unha boa empanada. Pasou xa o Día das Letras Galegas (e aínda a súa correspondente Semana das Letras Galegas) e nós sen publicar nada.
Isto non significa que no Sofía non teñamos feito nada para celebrar este día grande. A explicación está en que se decidiu aprazalo ata o vindeiro día 28 coa estrea da obra de teatro do noso grupo teatral.
Pero na biblioteca desde hai  varias semanas fixemos unha
proposta de actividades para todo o centro que se difundiu entre as titorías por medio  do Departamento de Orientación e  o EDL, colaborando ademais  na difusión do material istitucional sobre Fraguas que tedes nos corredores. No espazo da biblioteca tamén podedes ver unha fermosa árbore cos traballos realizados polos alumnos sobre o autor homenaxeado neste 2019.
Aquí vos queremos deixar a páxina web que fixemos cos traballos dos rapaces e os diversos muros onde aparecen. 
Chama a atención o "Proxecto Museo Etnográfico Virtual" no que, aproveitando os obxectos que temos recollidos no Museo creado por antiguos profesores do Sofía como Meizoso ou Llorca, estes obxectos tradicionais falan e se presentan eles mesmos en senllos vídeos realizados por vós, rapaces. O poder das novas tecnoloxías na que sodes verdadeiros mestres. 
Este proxecto responde á preocupación constante de Antón Fraguas Fraguas (1905-1999) pola cultura tradicional de Galicia, eido no que salientou como investigador, historiador, etnógrafo, recuperador, escritor e difusor. Participando en numerosos  grupos e institucións preocupados por este mismo fin como: As Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o  Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, a  Real Academia Galega, donde ocupou a praza de Castelao. Unha traxectoria que culmina na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi membro fundador e director.
A través destes vídeos tamén vós facedes os vosos propios traballos de investigación. Desexamos que servisen de homenaxe non soamente a Antón Fraguas, senón á nosa cultura galega posuidora dun importantísimo patrimonio material e inmaterial popular do que este autor se ocupou ó longo da súa dilatada traxectoria.

luns, 20 de maio de 2019

VISITA DO CLUB MANGA DE CATABOIS

E para facer a xornada máis completa se cabe, tamén o día 14 tivemos o II Encontro de Clubs Manga do IES de Catabois e o IES Sofía Casanova.
A nosa biblioteca transformouse por arte de Vily birloque na casa de Totoro pois o tiñamos en todas partes. E non faltaron tampouco os disfraces e pelucas en algúns dos máis entusiastas como Lia o Christian.
Viñeron a xantar conosco un nutrido grupo de rapaces e rapazas de Catabois coas súas profes: Pili e Mónica. Para algúns xa era o segundo encontro e non foi difícil interactuar. Ao final parecían amigos de toda a vida.
Logo dos agasaios (un bizcoito, unhas bolachas en forma de Totoro, uns marcapáxinas pola nosa parte ou unha libreta moi cuca pola súa), comezamos falar das nosas actividades. Daniel, Lia e Sabela presentaron algúns dos seus mangas ou animes favoritos.
Tamén fixemos unhas manualidades similares as do día no que viñeron os de Concepción Arenal. Coas nosas polaroid lembramos a nosa infancia en unhas instantáneas.
Pensamos seguir en contacto e no vindeiro curso programar máis encontros e actividades conxuntas.
Ata pronto!

martes, 14 de maio de 2019

FACENDO UN MAIO COS MAIORES

Ola rapaces!
Hoxe foi un fermoso día. Soamente penso nesa palabra: fermoso.
Os voluntarios de 1º de BAC: (Pablo, Marta, Eugenia, Laura, Paula, Alejandro, Francisco, Alba, Lucía, Chemi, Cynthia, Estela, Antía, coa incorporación de Brais ou Jimena) participaron na confección dun maio compartido cos maiores da residencia DomusVi. A idea xurdiu dos anciáns e, coa colaboración de D. Pedro, párroco do Pilar, xuntámonos no adro da igrexa. E como se facía antigamente nas aldeas, ao son da música tradicional, tecemos de flores e poemas a mañá.
Tamén lemos versos de Curros Enríquez e da propia Vily, versos que lembran a chegada da primavera e o gozo de vela vir un ano máis. 
Coido que todos voltamos para casa máis felices por ter estado uns minutos pensando no regalo da vida que en forma de flores e froitos nos agasaia cada primavera.
Grazas rapaces por colaborar nesta ledicia!
Deixamos o tríptico que repartimos e constancia fotográfica do acto.

Ata a vindeira xuntanza!


mércores, 1 de maio de 2019

VISITA DO IES CONCEPCIÓN ARENAL


Ola rapaces! 
Dentro das actividades do Día do Libro, tivemos, como cada ano dende hai catro, o noso encontro co Club de Lectura do IES Concepción Arenal. Aos integrantes dos Clubs de romántica e de manga, sumáronse tamén un grupiño dos nosos incondicionais  voluntarios.
Unha representación de rapaces do centro veciño, acompañados da sús profesora Ana Vizoso, pasou un estupendo rato connosco o pasado 30 de abril. Xantamos xuntos, agasaiamolos cuns ricos biscoitos e logo fixemos o recital de diversos relatos.
Tamén realizamos unha actividade manual, Como consideramos que a lectura é como unha viaxe, fabricamos as nosas propias máquinas fotográficas onde escribimos en distintos fotogramas diversas dedicatorias. Cada centro levou tamén unha fermosa postal, lembranza deste encontro e desta viaxe común.















Grazas a todos por participar. E boa viaxe nas vosas lecturas e nas vosas vidas!