Amosando publicacións coa etiqueta Día Internacional das Bibliotecas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día Internacional das Bibliotecas. Amosar todas as publicacións

sábado, 24 de outubro de 2020

24 DE OUTUBRO DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS

 Ola rapaces!

Velaiquí o día 24, o noso, o da casa común, o das bibliotecas. Normalmente ao chegar esta data, se ben recén comezado o curso, atopábamonos xa inmersos na voráxine de poñer en marcha todas as nosas actividades. Para entón xa teriamos feita a nosa primeira xuntanza común, as xornadas de acollida nos cursos de primeiro. Xurdirían xa os diferentes grupos. Os de manga, tan alborotados xa terían falado dos seus animes favoritos e terían colgado no seu blog as primeiras presentacións. O club de lectura tería posto no taboleiro as datas de xuntanza para cada segundo martes do mes cos seus títulos escollidos. Sonche tan organizadiños... Os de obradoiro, con aquilo de terse xuntado cada semana no despacho de Emilio, xa escribiran unha ducia de microrrelatos por cabeza. O club de adultos xa estaría a funcionar coa súa cadencia habitual dos últimos martes de mes. E normalmente aproveitabamos esta data do Día Internacional das Bibliotecas, para a nosa primeira visita á residencia de maiores. 

Porén, polas razóns que todos coñecedes, este ano apenas temos espazo propio, apenas temos presenza nos carteis do centro, apenas teñen difusión as nosas actividades. Actividades que, por certo, xa comezaron. Con outro ritmo, si, pero nós non nos rendimos. Os de obradoiro xa van pola segunda xuntanza, os segundos recreos dos vernes na biblioteca. Os de club de lectura, este ano de novo adicado á poesía, uniron forzas cos anteriores e vense un vernes ao mes ao mesmo tempo que eles. Os de manga están á espera de atopar un bo momento e sobre todo un espazo onde collan todos. Tivemos que adiar o comezo do club de adultos. E o voluntariado? Iso está máis dificil. Os maiores son moi delicados e está complicado ir alí. Pero temos idea de facerlles os nosos vídeos. Para que vexan que non os esquecemos. 

Cada ano adicabamos esta data do 24 de outubro a un autor concreto: Lorca co seu discurso na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fuentevaqueros, Borges co seu soño dun paraíso en forma de biblioteca. E hoxe queremos lembrar ao gran Quino, de cuxo pasamento falabamos non hai moito. Por iso  deixamos aquí o cartel que fixo Vily, co que, agora si, queremos forrar as paredes do centro, na medida que sexa posible. 

O importante é que aprendamos de Mafalda, Manolito, Libertad, Felipe, Susanita... o seu sentido crítico, a súa ironía e que entre todos fagamos un mundo con un pouco mái

s de sentidiño.


xoves, 24 de outubro de 2019

24 DE OUTUBRO DÍA DA BIBLIOTECA

Ola rapaces!
Hoxe 24 de outubro celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Biblioteca. E, como non podía ser doutra maneira, desde aquí querémolo lembrar.
Debo recoñecer que non sabía o motivo desta data, por que o 24 de outubro e non calqueira outro día? Dende cando se viña celebrando?
Internet veu no meu auxilio, documenteime e así volo conto. En 1992 resulta que foi queimada a Biblioteca Nacional de Sarajevo, no marco do terrible conflito dos Balcáns. Neste incendio perdiuse non soamente uns milleiros de follas, constituiu un auténtico memoricidio. A imaxe do músico Vedran Smailovi tocando o violonchelo entre os escombros do fermoso edificio quedou como símbolo desta sinrazón. Por iso, dende o ano 1997, cada 24 de outubro celebramos en todo o mundo o Día Internacional da Biblioteca.
Nosoutros quixemolo celebrar cos maiores da residencia DomusVi, pero desto falaremos outro día. 

O ano pasado unimos esta celebración á figura do escritor Federico García Lorca e tomamos as súas palabras do discurso de inauguración da Biblioteca do seu pobo Fuentevaqueros.
Este ano, aproveitando o 120 aniversario do seu nacemento, collimos prestadas as palabras de Jorge Luis Borges nun artigo de EL PAÍS (9-X1985). Aquí deixamos unha imaxe do cartel que vai adornar os corredores do instituto:
"Hay quienes no pueden imaginar un mundo sin pájaros; hay quienes no pueden imaginar un mundo sin agua; en  lo que a mí se refiere, soy incapaz de imaginar un mundo sin libros".


mércores, 24 de outubro de 2018

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS. VOLUNTARIADO

Hoxe, 24 de outubro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Bibliotecas. Teredes visto, rapaces, por todo o instituto os carteis que fixemos para conmemorar esta data. Son fragmentos do discurso de Federico García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fuentevaqueros (Granada). Tedes que lelo con calma, son moi fermosas as súas palabras.

Ademais, o grupo de voluntariado da biblioteca tivo a idea de celebrar esta data coa primeira visita desta tempada ao xeriátrico. Así que hoxe quedamos a xantar xuntos despois das clases, preparamos un cartel conmemorativo, ensaiamos os textos e recortamos corazóns para logo facer a actividade cos anciáns. Agradecemos a Victoria que nos botara unha man e damos a benvida a todos os novos participantes no noso voluntariado.

Os maiores recibíronos con moita ledicia, coma sempre. Logo de explicar un pouco en que consistía a celebración, lemos fragmentos do discurso de Lorca e puxémoslles a cada un unun coraz co seu nome. Vily agasallounos cun fermoso libro-floreiro, feito con esas mans que Deus lle deu. Rematamos cunha lectura de frases literarias célebres.

Esperamos que o disfrutárades, confiamos en que os que non puideron vir por mor das súas moitas ocupacións poidan facelo máis adiante. Agradecemos a todos a vosa colaboración. José Luis ten paciencia cos teus actores, intentaremos non poñer máis visitas coincidendo cos ensaios.

E para todos, FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!