Amosando publicacións coa etiqueta Eduardo Hermida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eduardo Hermida. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de xuño de 2015

AS MENINAS DE CANIDO CHEGAN A MONTMARTRE

Sábado, 13 de xuño 2015: La Voz de Galicia. Pois si. Un paso máis. O consello de administración da asociación Eau et Lumiere aprobou onte en París solicitar á Comisión Europea a inclusión das Meninas de Canido na rede de Itinerarios Culturais Europeos (en España, o Camiño de Santiago, a ruta do Quixote) da Ruta dos Impresionistas. Eduardo Hermida entrou onte no consello da asociación europea, e presentou a idea en Montmartre. Parece que (vid. Carlos Agulló, enviado especial a París de La Voz de Galicia) a recuperación deste espazo impactou aos expertos franceses. 
Amplía imaxe
Na Biblioteca do Sofía estamos felices. Desde que María Lanza e os seus alumnos de EPV nos deron a coñecer esta iniciativa -eles xa estiveran alí, participando-, entre todos vimos que era algo que merecía a pena: por iso ReciclArte e LiteraturizArte (vid. dentro do sitio a exposición ReciclArte, como se fixo, e a guía de lectura Meninas). Por iso estivo connosco Eduardo Hermida. E por iso desde o Sofía -e para o que teñades nunha aplicación do móbil- se está a traballar en:

O ROTEIRO DAS MENINAS DE CANIDO
Proximamente 

Seguiremos informando, pero aí vos vai un adianto.
Parabéns, Eduardo. Parabéns a todos os que participan neste movemento/revolución cultural en que se convertiu as Meninas de Canido. Ás veces, as árbores medran contra todo e a pesar de todo; ás veces nace arte no lugar máis insospeitado. Ás veces. Pero si, é posible. Coma vós, nós cremos que é posible. Que todo é posible. Con ganas, con traballo, con criterio... É posible. 

luns, 16 de marzo de 2015


Fotografía:  Diario de Ferrol
Hoxe, 16 de marzo, estivo de novo connosco o pintor Eduardo Hermida, promotor do itinerario “As Meninas de Canido”, movemento artístico reivindicativo que quere chamar a atención sobre o abandono dese barrio ferrolán:
https://es-es.facebook.com/meninasdecanido). 
Eduardo viñera o ano pasado entregar os premios ás gañadoras do concurso “As Venus do Sofía”, organizado polo Departamento de Debuxo; daquela invitou aos presentes a participar nas “Meninas  de Canido”. E no Sofía participamos, claro que participamos. Queredes saber como? Entrade en “As Meninas no Sofía: ReciclArte e LiteraturizArte”.

Hoxe volveu Eduardo. Con el vimos o vídeo que nos recordou como Canido pasou de ser “a horta de Ferrol” a ser un barrio en estado de abandono. Ante a tristeza e o deterioro que o rodeaba, no verán de 2008 Eduardo Hermida decidiu sacar a cor do seu estudo para encher de meninas as paredes das casas abandonadas... Se queres saber que pasou despois, no vídeo poden contarcho moito mellor.

Pero algo adiantamos: o que empezou coa idea de actualizar un cadro pertencente á cultura universal para reivindicar o estado dun barrio -como tantos outros que están caendo sen que ninguén faga nada por evitalo-, converteuse nun grito de cor a favor da arte na rúa, da arte do pobo, da arte que ten que estar en todo o que facemos, en todos os espazos… Un grito da arte pola arte ao que acoden autores das máis diversas nacionalidades. E aínda máis: seguindo a liña de “As meninas de Canido” comezaron movementos similares –con outras obras de arte- en Italia, Eslovenia e Francia. E continúa…


Despois de ver o vídeo, iniciouse un coloquio. Preguntas como  “Cal é a túa menina favorita?”, “Tes algún estilo preferido?”, “ Vives da pintura?”, “Que foi o mellor da experiencia?”, “ Como soubeches que querías adicarte á arte?” e outras foron contestadas por Eduardo Hermida. 

Desde o IES Sofía Casanova agradecemos a túa visita, Eduardo. Toda unha inspiración para nós.


E despois de ver-ler...

Os alumnos de 4º EPV, con María Lanza, verán...

Que lecturas acompañarán esta vez ao cadro? Queredes participar na elaboración do novo itinerario lector? Se é así, xa sabedes onde estamos...