Amosando publicacións coa etiqueta Voluntariado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Voluntariado. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de xaneiro de 2021

OS MAIORES AGRADECEN O NOSO VIDEO

Ola rapaces!

Ante todo, quero pedirvos desculpas porque esquecín felicitarvos o ano novo. Hai que ver! Que imos perdendo os modais!

Quería enlazar aquí, o noso blog, co da Residencia Domus Vi na que faciamos o voluntariado. Os maiores están moi agradecidos ao vídeo de bicos que lles mandamos para o Nadal e dannos as grazas con moito agarimo. Velaquí a súa entrada neste enlace. 

E dinnos: 

"Sus mensajes están llenos de cariño, sus palabras de ánimo y aliento, y sus besos y abrazos virtuales han logrado emocionarnos y hacer que nos sintamos acompañados y queridos en estas fechas tan entrañables y difíciles al mismo tiempo"

"Desde aquí quisiéramos darles las GRACIAS de corazón a todos/as y cada uno de los/ alumnos/as y profes que han participado en esta gran sorpresa. Gracias por acordaros de nosotros, por hacernos llegar vuestros mejores deseos y vuestro cariño. Gracias por recordarnos lo afortunados que somos por teneros a nuestro lado, y sobre todo por hacernos sentir orgullosos/as de una generación con grandes VALORES y que viene pisando fuerte".



E dicímosvos que as grazas as temos que dar a vosoutros por servirnos de exemplo e estamos desexando que poidamos voltar a facer as nosas visitas doutros anos.

BICOS DE NOVO.



mércores, 8 de abril de 2020

UN VOLUNTARIADO MOI ESPECIAL

Ola rapaces! 
Como nos cambiou a vida nestes poucos días! Cousas que non valorabamos como a obriga de saír todos os días para clase, convivir cos outros rapaces, aturar as leccións, participar nas actividades e clubs... agora as botamos de menos...
Moito no que reflexionar nestas datas...
Pero en fin, eu veño en plan de subir o ánimo a todos, como facemos cada serán as 8 nas fiestras e balcóns! E veño a falar do vídeo que os voluntarios da nosa biblio fixeron para enviar aos maiores da Residencia DomusVi que soemos visitar. 
Xa antes da corentena, tivemos que suspender a visita que un grupiño de maiores tiña pensado facernos o mércores 11 de marzo para celebrar o Día da Muller, como outros anos. Daquela, Marta, a animosa coidadora da residencia, prefiriu aprazarlo, con sentidiño. E xa falamos entre nós de facer algo de voluntariado de xeito virtual.
Agora esta iniciativa se concreta neste vídeo no que desde a súas casas colaboraron un grupiño de nós. Non están todos, son soamente unha pequena mostra dos voluntarios. Grazas aos que puxestes as vosas fermosas voces, e aos que estades detrás deles, tamén. E por suposto, temos que agradecer a Vily a preparación dos textos e imaxes; e a Fran, a súa montaxe final e a música.
A mín emocióname! E a vos?


xoves, 6 de febreiro de 2020

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ COS MAIORES

Ola rapaces!
Hoxe fai xustiño unha semana que celebrabamos o Día da Paz. E fomos visitar aos maiores da residencia Domus-VI para poñer en valor a súa importancia.
Un grupiño de seis voluntarios (Paula, Alba, Nerea, Lucas, Andrea e Cynthia) leron textos acerca da paz e a concordia (de Cervantes, Machado, Lorca, Alberti, Sánchez Ferlosio, Nicolás Guillén, Celso Emilio, Antonio García Teijeiro, Manuel María, ...). 
Tamén traballamos coa mesma metáfora coa que o fixemos no centro: "pasos pola paz". Levamos unhas siluetas de pegadas que encheron os anciáns coas súas mensaxes e debuxos alusivos a efeméride.
Decoramos as paredes do xeriátrico cun vieiro no que en vez de destinos físicos escribimos os valores que queriamos resaltar: RESPETO, TOLERANCIA, AMIZADE, EMPATÍA...

Aquí vos deixamos unha presentación sobre esta fermosa experiencia.

venres, 20 de decembro de 2019

CELEBRANDO O NADAL COS MAIORES

Ola rapaces!
Un ano máis, un Nadal máis... visitamos aos nosos maiores da residencia DomusVi. Esta vez o grupo de voluntariado estivo acompañado co Coro do Sofía. 
Foi unha velada moi agradable, onde o coro amosou o mellor da súa arte, ben dirixidos por Dani Ardao e Almudena. Ás cancións de sempre xuntaráronse un popurrí de panxoliñas, e o Noite de Paz, instrumental.
Pola nosa parte, os voluntarios, logo de xantar en común e facer adornos navideños con material de reciclaxe para a nosa árbore, levamos aos anciáns as tarxetas para que eles tamén escribiran os seus bos propósitos, relativos ao medio ambiente, de cara ao vindeiro 2020. Xa moitos deles son amigos nosos, alégranse moito de voltar a vernos, esquecen as doenzas por un rato e gozan da boa compaña. 
Para todos eles van os nosos mellores desexos nestas festas!


venres, 29 de novembro de 2019

VISITA AO XERIÁTRICO DO NOSO VOLUNTARIADO

Ola rapaces!
O pasado mércores 27 tivemos unha nova xuntanza do noso voluntariado con motivo da efemérides do día 25, o Día contra a Violencia de Xénero.
A verdade que, por mor dos exames, estivemos moi pouquiños, pero puxemos moitas ganas.
Logo de comer xuntos, comezamos a preparar a actividade que consitiu en:
  • Unhas presentacións sobre dous poemas.
  • A lectura de catro textos:
    • Co tempo un aprende de Verónica Shoffstall.
    • ¿Por qué grita esa mujer? de Susana Thénon.
    • Recibí flores hoy de Mariano Osorio.
    • Antipatriarca de Ana Tijoux.

  • A realización dun mural no que díciamos que nos plantábamos contra a violencia de xénero no que os maiores escribiron as súas ideas, os seus nomes nus pétalos de flores.

Coma sempre, os anciáns estiveron moi agarimosos connosco.
Esperamos ter levado un pouco de ledicia as súas vidas.
Ata a vindeira xuntanza!


xoves, 30 de maio de 2019

TEATRO

Ola rapaces!
Onte foi unha fermosa tarde xa que unimos nun só acto dúas das nosas actividades: o teatro e o voluntariado.
Tiñamos a estrea da obra de teatro titulada: "Unha praza, un banco e dous casoiros" dous sainetes que adaptou José Luis Paz. E na sesión da tarde, xunto coas familias, viñeron un grupiño de anciáns de Domus Vi a vernos.
Xa dende o ano pasado tivemos moita relación entre estas dúas actividades. Dende o momento que a metade do elenco de actores e actrices son tamén voluntarios (María, Laura, Sara, Andrea, Pablo e Diego). Ademáis o ano pasado, como non puideron vir, fomos nós a actuar ao xeriátrico.
Pero este ano foi moito mellor a experiencia porque viñeron eles aquí e viviron en vivo e en directo a experiencia teatral.
Temos que felicitar a todos: a Xosé Luis, o director, Alberto e Lucía, encargados da fotos e o vídeo, Vily, encargada do vestiario e maquillaxe, a ANPA que se encargou da escenografía, maquillaxe e vestiario, Melba que foi a correctora lingüística, a Antía, que fixo o cartel... E sobre todo a todos os rapaces. Os seis mencionados e os outros seis (Iván, Aldryn, Javi, Miguel, Arón e Marcelo).
Sodes todos uns verdadeiros artistas. E grazas tamén ao grupiño de voluntarios que estivo pendente de axudar a acomodar aos maiores e acompañounos co agarimo de sempre. Verdadeiramente temos xa uns fortes vínculos interxeracionais entre alumnos e avós.
Hoxe publicaremos algunhas fotos e pequenos vídeos pero en posteriores entradas prometemos poñer as fotos de Lucía e os vídeos de Alberto. Moitos voluntarios que tamén axudaron esa tarde non poideron quedar porque tiñan clase. Desde aquí queremos agradecer a todos a súa enorme dedicación e entusiasmo. 

martes, 14 de maio de 2019

FACENDO UN MAIO COS MAIORES

Ola rapaces!
Hoxe foi un fermoso día. Soamente penso nesa palabra: fermoso.
Os voluntarios de 1º de BAC: (Pablo, Marta, Eugenia, Laura, Paula, Alejandro, Francisco, Alba, Lucía, Chemi, Cynthia, Estela, Antía, coa incorporación de Brais ou Jimena) participaron na confección dun maio compartido cos maiores da residencia DomusVi. A idea xurdiu dos anciáns e, coa colaboración de D. Pedro, párroco do Pilar, xuntámonos no adro da igrexa. E como se facía antigamente nas aldeas, ao son da música tradicional, tecemos de flores e poemas a mañá.
Tamén lemos versos de Curros Enríquez e da propia Vily, versos que lembran a chegada da primavera e o gozo de vela vir un ano máis. 
Coido que todos voltamos para casa máis felices por ter estado uns minutos pensando no regalo da vida que en forma de flores e froitos nos agasaia cada primavera.
Grazas rapaces por colaborar nesta ledicia!
Deixamos o tríptico que repartimos e constancia fotográfica do acto.

Ata a vindeira xuntanza!


domingo, 24 de marzo de 2019

O VOLUNTARIADO CELEBRA O DÍA DA MULLER

Ola rapaces!
Esta volta todo vai con retraso. Síntoo. Celebramos a nosa xuntanza de voluntariado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o día 20 de marzo en vez do 8. E non facemos o resumo da mesma ata agora. Temos tantas cousiñas nestes días, que, como comezara, esta volta todo vai con retraso.
Pero vai, que é o importante.
Imos ao noso. O día 20 o grupo de voluntariado reuniuse para xantar xuntos. Non eramos moitos, por culpa dos exames. Pero en fin... Ensaiamos un poema precioso de Manuel María e fixemos un cartel co tema das estatuas de sal. Esta metáfora, de raíces bíblicas, ocorreuselle a Vily (a quen se non) e a verdade que fala moi ben da evolución do rol da muller dende 80 anos atrás ata o de agora. Nel representabamos tres estatuas de sal, tal como describimos no nosa programación da biblioteca para esta xornada do que vos deixamos unha pequena explicación.

Tentamos centrar a reflexión deste día no traballo feminino e en concreto nos labores asignados socialmente a este rol. Falamos de mulleres traballadoras e con ese termo tradicionalmente referiamonos ás mulleres que traballaban fóra da casa. De xeito que se nos educou na idea que a nosa liberación feminina pasaba por formarnos para exercer un posto de traballo e ter independencia económica. Porén, a realidade foi outra, acadamos os postos de traballo e a independencia económica e comprobamos como recaía en nós boa parte do traballo dentro dos fogares e no coidado dos fillos, enfermos, pais e dependentes en xeral.
En termos de traballo non se recoñece a aportación económica das mulleres do rural e do mar e noutros sectores que traballaron dentro e fóra da casa ao lado dos homes. Nin se remunera ou cuantifica economicamente o traballo dentro do fogar e o cuidado dos fillos... Ese traballo é invisible para os estados pero afórralle moita inversión en sistemas de sostemento social.
Queremos con esta imaxe destacar o tratamento social que ten esta aportación do traballo das mulleres en actividades non remuneradas que as converte en estatuas de sal, facendo invisible o seu traballo.



Deste xeito, o noso mural das "Estatuas de sal" representa:
  • A muller de 80 anos que deixa a escola aos 12 anos, traballa na casa e non gaña ningún salario (esta muller podería ser calqueira das señoras do xeriátrico). O seu rostro non pode verse porque o tapa a estatua da sal. A totalidade do seu traballo é invisible.
  • A muller de 60 anos, viúva, que estudou un pouco máis, traballou na casa sen recoñecemento nin remuneración. Sobrevive cunha pequena pensión do seu home xa falecido. Podemos ver o seu rostro saíndo dun corpo de sal, por pequenos elementos de independencia económica.
  • A muller de 40 anos, puido estudar unha carreira universitaria, traballa fóra da casa e ten traballo remunerado pero as tarefas da casa  seguen a ser sen remuneración, aínda que pode contratar a alguén para facelas. A súa silueta emerxe da estatua de sal porque  unha parte do seu traballo é  visible.
Cando fomos ao xeriátrico, Cynthia presentou as nosas actividades. Logo Alba explicou o cartel. Por último, Alex, Diego, Sara, Pablo, María e Laura leron con gran sentimento o fermoso poema sobre "A muller galega" de Manuel María.
Pero o mellor chegou ao final. E, como soe suceder, sen preparación. Comezamos falar coas señoras acerca da súa experiencia vital e Andrea saíu ao estrado para agradecerlles o seu labor e a súa loita. Coido que a máis de unha escapouselle algunha bágoa.

venres, 15 de febreiro de 2019

VISITA DOS MAIORES AO NOSO CENTRO

Ola rapaces!
Onte viñeron elas a vernos. Quero dicir, tocou que esta vez nos visitaran un grupiño de señoras do veciño xeriátrico Domus Vi.
Así, xunto coas animadoras Marta e Lucía, viñeron: Carmen, Obdulia, Puri, Azucena, María, Mela e Julia, as sete magníficas. Aguerridas loitadoras cun pasado abraiante e unha suma de idade que se aproxima ao número 700. 
Todas elas foron avoas por un día da clase de 1º A de ESO, cada unha adoptou a tres rapaces do seguinte xeito:
  • Azucena con Irene, Mario e Nacho.
  • Carmen con Iago, Hugo e Gonzalo.
  • Obdulia con Toni, Ainhoa e Amine.
  • Puri con Yan, Ibra e Carla.
  • Mela con Jeray, Lucas e Esmeralda.
  • María con Paula, Junier e Álex.
  • Julia con Brais, Laura e Alejandra.

E formados os grupos, comezou o obradoiro no que se trataba de indagar sobre os mitos do amor romántico, tema, por certo, que ademáis de vir a conto polo San Valentín, está tamén tratado nun interesante artigo "Eles gobernan, elas aman" da revista Sermos que temos aquí na biblioteca e que vos recomendamos.
Cadaquén contou a súa experiencia e a delas, as avoas, abofé que dá para moito. Pero os rapaces non quedaron atrás, moitos falaron das súas cousas, son pequenos pero teñen boa vista.
Así que non soamente viaxamos polo tempo, da man das avoas que narraron historias incribles, como a de Julia que casou por poderes para poder viaxar soa a atopar ao seu mozo en Montevideo, o a de Puri que casou con 19 anos porque na casa do seu noivo eran cinco varóns e precisaban unha muller para facer os labores da casa... Senón que tamén viaxamos no espazo porque quedou claro que temos moita diversidade no Sofía: alumnos que veñen de Marrocos, Santo Domingo, rapazas de etnia xitana, onde os roles masculino e femenino están moi diferenciados...
Fixemos un mural coas nosas aportacións que quedará na biblioteca como lembranza dunha clase inesquecible onde as xeracións se uniron reclamando respecto, igualdade e responsabilidade.
Grazas a todos!


mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ CANTANDO AOS MAIORES

Ola rapaces! 
O de onte foi un deses días inesquecibles que de vez en cando acontecen. Fomos ver aos maiores para celebrar o Día Internacional da Paz, que é precisamente hoxe. Recitamos dous poemas. A muralla de Nicolás Guillén e Irmáus de Celso Emilio Ferreiro que din:


Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra 1962

Tamén lles deixamos o noso simbólico muro, no que precisamente as palabras de Celso Emilio oradan un oco de esperanza.

Pero o prato forte chegou despois: o noso coro. Ben dirixido por Almudena (a quen agradecemos que viñera con toda a familia) e Daniel, axudados por Alberto, o coro do IES Sofía Casanova, que cada vez medra máis en cantidade e calidade, interpretou catro temas. Entre outros Matriarcas de Guadi Galego, Mad World, unha versión de Believer realizada por Lucía Toval e Lucía Hermida. O piano, o violonchelo, a guitarra eléctrica trasladáronse a Domus Vi sen ningún problema. Particularmente, a min encantoume a última canción que non oíra noutras das súas actuacións. Unha de orixe africana que acompañaron con bailes.
Todo gustou moito aos maiores, e houbo quen se emocionou e ata botou algunha bágoa.

Dende a biblioteca queremos darvos as grazas a todos poque coma sempre, SODES XENIAIS.

Por certo, tamén saímos na prensa.

Vémonos.

xoves, 20 de decembro de 2018

CELEBRANDO O NADAL COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!
Hoxe tivemos unha nova sesión de voluntariado na que procuramos levar algo de ledicia aos nosos amigos do veciño xeriátrico.
Logo de preparar os textos e as manualidades, fomos visitar aos maiores. Coma sempre, Cinthia exerceu de estupenda presentadora. E logo un grupo de lectoras (María, Sara, Sabela, Irene, Esperanza e Carla) puxeron as súas voces no conto de A Vendora de Fósforos de Hans Christian Andersen, conto triste pero típicamente navideño. 
A continuación, o noso Papa Noel particular (Diego) repartiu agasaios e agarimos. 
Para rematar, o resto do equipo (éramos tantos que non poido citar a todos) entregamos as estrelas feitas por nós en forma de veliñas que querían representar o conto da cerilleira.
Aínda que foi un ratiño moi pequeno o que puidemos estar cos maiores, pagou a pena por ver os seus sorrisos. 
Agradecemos a todos que dedicárades o voso ocupado tempo neste labor. Sodes únicos!

Bo Nadal!  

Vémonos en xaneiro.

mércores, 24 de outubro de 2018

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS. VOLUNTARIADO

Hoxe, 24 de outubro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Bibliotecas. Teredes visto, rapaces, por todo o instituto os carteis que fixemos para conmemorar esta data. Son fragmentos do discurso de Federico García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fuentevaqueros (Granada). Tedes que lelo con calma, son moi fermosas as súas palabras.

Ademais, o grupo de voluntariado da biblioteca tivo a idea de celebrar esta data coa primeira visita desta tempada ao xeriátrico. Así que hoxe quedamos a xantar xuntos despois das clases, preparamos un cartel conmemorativo, ensaiamos os textos e recortamos corazóns para logo facer a actividade cos anciáns. Agradecemos a Victoria que nos botara unha man e damos a benvida a todos os novos participantes no noso voluntariado.

Os maiores recibíronos con moita ledicia, coma sempre. Logo de explicar un pouco en que consistía a celebración, lemos fragmentos do discurso de Lorca e puxémoslles a cada un unun coraz co seu nome. Vily agasallounos cun fermoso libro-floreiro, feito con esas mans que Deus lle deu. Rematamos cunha lectura de frases literarias célebres.

Esperamos que o disfrutárades, confiamos en que os que non puideron vir por mor das súas moitas ocupacións poidan facelo máis adiante. Agradecemos a todos a vosa colaboración. José Luis ten paciencia cos teus actores, intentaremos non poñer máis visitas coincidendo cos ensaios.

E para todos, FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!


mércores, 19 de setembro de 2018

BENVIDOS AO NOVO CURSO

Ola rapaces e rapazas!:

Socas, que son eu, a mascota da nosa biblioteca, douvos a benvida ó novo curso e, particularmente ás actividades da biblioteca.
De xeito especial quero animar aos novos, ós de primeiro de ESO e ós de primeiro de BAC, a coñecernos. 
Para iso quedades convocados a unha primeira xuntanza xeral de todos os Clubs:
  • Club de Manga.
  • Club de Lectura.
  • Club de Voluntariado.


A reunión terá lugar o vindeiro martes día 25 de setembro no primeiro recreo na biblioteca. 

Espérovos!

luns, 25 de xuño de 2018

O NOSO VOLUNTARIADO NA REVISTA EDUGA

Ola rapaces!
Hoxe estou aquí para falarvos dun artigo que Vily e Pilar publican na revista EDUGA (Revista Galega do Ensino), nº 75. Nel fan un resumo do noso proxecto de Voluntariado. Cóntannos como xurdiu a idea, como foi fraguándose o proxecto, como contribúe á consecución das competencias básicas da ESO.
Acompáñase cunha selección de fotos das nosas actividades e cun anexo sobre películas e libros que falan dos nosos maiores.
Aquí podedes ver o enlace.

Esquecíame expresar o noso agradecemento á profesora Chus Paz Picos pola súa colaboración na corrección lingüística do artigo. Graciñas, Chus!

venres, 15 de xuño de 2018

TEATRO EN GERIATROS

Ola rapaces!
Hoxe, como colofón ao noso primeiro curso dentro do programa de voluntariado, asistimos á representación que os compañeiros do Grupo de Teatro fixeron en Geriatros. 
Foron acompañados por moitos dos voluntarios que axudaron en todo canto fixo falta: presentación, maquillaxe, transporte, fotografías, aplausos...
Dada a premura de tempo, José Luis, o seu director, decidiu facer soamente o terceiro acto da obra Polo interés quérote, Marqués. Os avós acolléronos con moito agarimo e riron co descaro e simpatía dos actores. A todos (aos que son do grupo de voluntariado, a aos que non), queremos dende aquí dar a máis expresivas grazas pola doazón do seu tempo e da súa arte. 

Velaiquí o elenco:

  • Diego como Marqués.
  • María como a súa nai.
  • María como a criada.
  • Pablo como Barón.
  • Daniela como Gracia.
  • Andrea como a súa filla.
  • Iván como electricista.
  • Sara como aprendiz de electricista.
  • Arón como vendedor de enciclopedias.
  • Laura como a porteira.
  • Javi como o seu neto.
  • Bastián como presentador.
  • Aldryn como técnico de son.
    • Dirixidos por José Luis Paz.

Esperamos que o vindeiro curso voltemos todos con máis ganas tanto ao Grupo de Teatro coma ao voluntariado.
Feliz verán!



domingo, 27 de maio de 2018

VISITA DO CONSELLEIRO

O pasado venres tivemos a honra de recibir na nosa biblioteca a un antigo alumno moi especial, D. José Manuel Rey Varela, hoxe Conselleiro de Política Social. O motivo da súa presenza foi a entrega de diplomas aos 21 correspondentes que colaboran coa Vicedirección na difusión de todo tipo de bolsas, cursos e noticias interesantes para todos nós. 



Aproveitamos esta singular ocasión para ensinarlle a nosa biblioteca e falarlle das nosas actividades. Un grupo de representantes do noso voluntariado contoulle a el (e a Dona Cecilia Vázquez Suárez, Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que o acompañaba), o noso proxecto de colaboración coa residencia Geriatros. 

Ambos quedaron moi abraiados da iniciativa e nós contentos e con novos folgos para seguir nela. A noticia tivo repercusión na prensa. 



sábado, 28 de abril de 2018

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!
Como esta semana foi tan completiña, aínda non fixemos a entrada da visita a Geriatros do mércores día 25. 
As palabras quédanseme curtas, pois se sempre estou orgulloso de vós, o desta volta foi incrible. Todos, absolutamente todos. Dende os Quixotes, Sanchos, ata os portadores dos muíños, pasando polo Ginés, o Garda, a Sobriña, a Ama, o Cura e o Barbeiro, e polas recitadoras de sonetos, e, como non, a nosa presentadora, todos, todiños estivestes de dez.
Parabéns! 
E grazas polo voso tempo, polo voso entusiasmo que non para de medrar. E xa somos vinte e dous!
O mellor será que botedes unha ollada aos vídeos que preparou, coma sempre, Vily.


sábado, 10 de marzo de 2018

OS NOSOS MAIORES FALAN DE IGUALDADE

Ola rapaces!
O de onte foi unha preciosa experiencia (e van tres) que compartimos con nosos maiores, xa amigos, da Residencia Geriatros.
Antes de que viñeran, o grupo de voluntariado (que cada vez medra máis) comeu na biblioteca, co agasaio habitual de Fran, un rico biscoito de chocolate.
Logo adicámonos a rematar os carteis que xa iniciara Vily cos seus alumnos de 4º. Decoramos a biblioteca con eles e con globos e guirnaldas de cor morada, que simboliza a loita pola igualdade de xénero.


Ás catro, apareceron eles, elas mellor dito. Algunhas xa vellas coñecidas: Macamen, Maruxa, Chelo, capitaneadas polo entusiasmo de Marta. Viñeron a coñecer o noso centro e a falarnos de igualdade. A súa experiencia é moi válida. Maruxa contounos como aos 19 anos casou co seu noivo (e fixose cargo dunha casa de cinco homes). Outra falounos como na súa xuventude era impensable ver a un home no mercado, cociñando ou limpando. 
Moito mellorou a sociedade pero moito máis ten que mellorar. Elas abriron camiño pero a nós toca revertir os prexuízos que aínda quedan. 



Marta axudounos a reflexionar sobre a imaxe que aínda domina na sociedade: os homes fortes que non deben chorar e que protexen ás mulleres; e elas sumisas, débiles e necesitadas de protección.

Logo da charla, fomos ver un ensaio do grupo de teatro e quedaron encantadas. Xosé Luis invitounas á estrea no vindeiro 29 de maio e elas prometeron vir.

Esperamos que a experiencia saia en prensa porque tivemos a visita de dous fotógrafos.

Queda pendente o prometido picnic.



venres, 2 de febreiro de 2018

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!

O pasado martes, 30 de xaneiro, Día Internacional da Paz, fixemos a nosa segunda visita á residencia Geriatros dentro do programa de voluntariado da Xunta de Bibliotecas Escolares Solidarias. 
O noso grupo inicial de voluntarios vai medrando pouco a pouco. Aos once da primeira experiencia de Nadal sumáronse doce rapaces máis de 4º, animados polo boca a boca e polas palabras dos seus compañeiros. Teño noticia de que algúns pequenos de 1º tamén queren vir na vindeira oportunidade. Estades todos convidados!
Pero cóntovos que fixemos. Logo de comer xuntos, dividimos o grupo entre os recitadores de poemas sobre a paz (de Celso Emilio Ferreiro, Antonio Machado, Rafael Alberti, Blas de Otero, etc) e os deseñadores do cartel. Mentres os primeiros ensaiaban o recitado, estes últimos practicaban o cartel da paz cunha réplica do que iamos levar xunto aos anciáns. 
Ás 4, cando os maiores levantan da siesta, chegamos a Geriatros. A sorpresa foi que como o día acompañaba, Marta a animadora, os colocou nos soportais para aproveitar o soliño. Esperábannos moi animados, cos seus gorros de papel. Pronto todo foi un balbordo de mans novas que axudaban a outras mans máis curtidas a plasmar os seus folgos de paz. Uns botaban pintura, outros limpaban, estes facían pombas da paz, aqueles asinaban e deixaban a súas pegadas. A emoción desbordouse cos recitados de poemas e algunhas señoras decididas quixeron recitar elas tamén. E rematamos cunha mensaxe de ledicia cantando "No dudaría" de Antonio Flores e "La muralla" de Ana Belén, mentres os curiosos peatóns da avenida de Esteiro nos miraban algo sorprendidos.
Foi precioso ver como interactuaban os nosos rapaces cos anciáns e xurdían as conversas e o intercambio de experiencias. Logo axudamos aos maiores a subir á Residencia. De xeito natural cada un de nós encargouse dun ancián. Mais a operación resultou moi lenta.
Unha vez na sala grande de arriba, fixemos as fotos de familia e quedamos en que a vindeira sesión tocaba no noso instituto, onde os maiores queren vir dar eles unha charla. E con esta intención, despedímonos moi impresionados pero moi satisfeitos de ter dedicado algo do noso tempo a xente tan agarimosa e tan chea de sentido.