Amosando publicacións coa etiqueta Anna Frank. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anna Frank. Amosar todas as publicacións

domingo, 8 de marzo de 2015

NOTICIAS SOBRE O CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!
Por fin, o que moito se fai esperar moito se agradece. Por fin hoxe poiden subir as presentacións de Daniela e Juan sobre Harry Potter, e de Candela e máis Alicia sobre Anna Frank. Estamos ao día. Repito. Por fin.

Grazas, nenos. Non perdín a fe en vós. (Non completamente).
Outra cousa. Vémonos o vindeiro martes con Nómades. E temos unha estupenda nova que darvos. No mes de abril teremos connosco ao propio autor, Xosé Tomás. A que non o esperábades?
Temos tamén que ir pensando no libro que leremos nese mes e que logo comentaremos cos compañeiros do Club de Lectura do IES Concepción Arenal. Xa sabedes que esa xuntanza a faremos alí.


venres, 13 de febreiro de 2015

A NOSA SESIÓN SOBRE ANNA FRANK

Con tanto balbordo carnavaleiro, case esquezo facer unha entradiña sobre a magnífica sesión que tivemos o pasado martes a propósito da lectura deste mes: O diario de Anna Frank.
Realmente quedei abraiado dende o meu recuncho da vosa capacidade crítica e a vosa sensibilidade. Tanto a presentación de Candela e Alicia  (dura, moi dura, case excesivamente) como as vosas preguntas e comentarios demostráronme o alto nivel de madurez que temos no noso Club. 
Penso que deixamos un pouco de lado o propio texto de Anna, para centrarnos no horror do holocausto.
Pero o tema  é o que ten, que remove por dentro.
Como prometimos un itinerario sobre o holocausto que tratarermos de facer con máis calma, aquí vos deixo un adianto.

Textos que son testemuñas do vivido:

  • Diario de Hélène Berr (Anagrama).
  • Diario. Una vida conmocionada de Etty Hillesum (Anthropos).
  • La estepa infinita de Esther Hauzitg (Salamandra). O temos na biblioteca.

Nesta páxina hai referencia a outros diarios de nenos menos coñecidos:


Novela: Son moitas pero destaco soamente dous:


  • El niño del pijama de rayas de John Boyne.
  • La llave de Sarah de Tatiana de Rosnay


Películas: Tamén son moitas pero podemos citar estas:

  • Los juicios de Nuremberg de Stanley Kramer
  • Shoah de Claude Lanzmann
  • El pianista de Roman Polansky.
  • La lista de Shindller de Steven Spielberg.
  • La vida es bella de Roberto Begnigni.
  • El último tren de Auscwitz de Joseph Vilsmaier

venres, 30 de xaneiro de 2015

O DIARIO DE ANNA FRANK NO DÍA INTERNACIONAL DA PAZ

A lectura (ou relectura) desta obra non pode deixar indiferente a ninguén. Dende logo, non estamos ante un libro máis dos que lemos mensualmente no noso Club. Por iso, saltándome esta vez o costume de falar a través de Socas, quixera abrir o meu corazón. 
Estes días, preparando a vindeira sesión do 10 de febreiro, mergulleime no universo desta rapaza que morreu coa idade que ten a miña filla e moitos de vos. Lín de novo o Diario, devoreime unha nova versión en cómic que vos recomendo e que recorre os antecedentes da historia así como o triste final da mesma. 


E, por último, voltei ver a película dirixida por George Stevens en 1959. O pai de Anna, o único supervivente dos oito agochados, quixo que a protagonizara Audrey Hepburn polos paralelismos vitais entre a súa filla e a actriz, así como o seu parecido físico. Pero entón a actriz xa contaba con 30 anos... e, con gran pesar, declinou a invitación de meterse na pel dunha moza que sufriu o mesmo inferno, na mesma cidade que ela, e coa súa mesma idade. 


A miña filla viaxa dentro de pouco a Amsterdam e, por suposto, ten moitas ganas de visitar "a Casa de atrás", que é como chamaban os alí agochados ao piso onde permaneceron a salvo durante máis de dous anos. Non esquecemos que oito persoas poideron estar alí (en menos de 70 m2) grazas a axuda dos chamados "benfeitores", holandeses non xudeus que, con grande risco das súas vidas, alimentábanos e mantíñanos ao tanto dos avances da guerra. 


Cando pensas que foron delatados e, por conseguinte, apresados e levados a campos de concentración, onde sufriron todo tipo de pensalidades e acabaron morrendo (todos menos Otto) case a piques de ser liberados, podes pensar que todo o seu sacrificio e todas as súas vivencias na Casa de atrás foran inútiles. Como ás veces dicía Margot Frank, moi desanimada, case era mellor que os colleran e todo rematara. Pero logo me paro a pensar que se non, non habería Diario, e que pagou a pena permanecer agochados, tentar de sobrevivir, mirar ao futuro con esperanza. Así o encarou a propia Anna, así o quixo transmitir no seu libro, unha verdadeira testemuña de que no medio das peores situacións, o ser humano aférrase a vida. E sempre os xoves teñen algo que dicir. Ela queixábase de que os maiores da Casa xa tiveron a súa oportunidade de disfrutar da vida, do amor, da natureza, dos libros. E que tanto a súa irmá, como Peter, o seu descuberto amor, non a tiñan. Pero as súas palabras dirixidas a Kitty, o seu diario, nos animan a todos a vivir máis e mellor, Aproveitando os agasaios da vida e loitando para facer deste mundo un sitio onde xamais poidan repetirse holocaustos coma este. É unha feliz coincidencia que hoxe sexa o Día Internacional da Paz.



Sinto poñerme tan solemne. Pero espero con afán que o Diario vos remova por dentro tanto coma a mín. E que poidamos ter unha fantástica sesión, da que espero que logo saian máis lecturas, nun itinerario lector sobre a deportación e o holocausto do que xa iremos falando. 
Pilar

mércores, 14 de xaneiro de 2015

SESIÓN DO NOSO CLUB

Ola rapaces! 
Pois si, a sesión sobre Harry Potter que tanta expectativa creara cumpriu de sobras coas mesmas. Penso que os amantes do mago de Hogwarts saíron ben servidos. Pois tanto Juan Esteban (4º ESO) como Daniela (3º ESO) fixeron ben o seu traballo e non soamente acadaron que nós trasladaramos ao universo de J.K.Rowling, senón que tamén nos explicaron con gran paciencia moitos dos segredos da saga como os motivos da ancestral rivalidade entre o mago e lord Voldemort, os efectos dalgúns feitizos, o pasado de Dumbledore, así como o dos pais de Harry, etc.

Foi todo un luxo reler convosco esta monumental saga.

E agora, que nos espera? Pois un salto acrobático tanto de xénero como de temática:
O Diario de Anna Frank. Unha obra que rezuma realidade por todos os seus poros. As vivencias dunha rapaza adolescente agochada nun piso de Amsterdam durante a ocupación nazi.
Espero que vos guste tanto o máis co anterior. Vémonos.