mércores, 26 de outubro de 2022

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA. NOVELA GRÁFICA


Ola a todos.


De novo estou convosco. Lembrádesme? Son Socas, a mascota da biblioteca do IES Sofía Casanova, aquel trasno que se escondía entre os libros e xogaba convosco. Xa vin que este curso, coa biblioteca nova, todos estamos do trinque. Tardei en aparecer polo blogue porque tiven moito traballo axudando aos obreiros para recolocar os libros nos novos andeis. Agora estou moi emocionado polo meu novo fogar tan pintadiño de branco.
Acabamos de retomar as nosas actividades da biblio, aínda que o club de xadrez xa leva tempo con gran éxito!

Esta semana polo día 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, os rapaces realizaron unha actividade con algunhas profes de galego "O muro das recomendacións". Aínda estades a tempo de participar recomendándonos vosas lecturas favoritas.

Pero hoxe quero falarvos dunha nova iniciativa. O Club de Novela Gráfica que vai dirixir Patricia, a profe de Mates que sabe moito deste tema. Hoxe comezamos con cinco participantes (Sergio, Lucía, Asharaf, Teresa e Carla) e tres profes (Patricia, Dani e Pilar). Imos xuntar os primeiros recreos dos últimos mércores de cada mes. Primeiro presentámonos cada un. Varios de nós falamos do que entendemos por novela gráfica e cómic. E decidimos ler Persépole de Marjane Satrapi.



martes, 31 de maio de 2022

PILAR BERRIO falou do seu libro no club de Lectura de Adultos

 

O pasado martes, 31 de maio foi unha ocasión especial para nós porque tivemos a oportunidade de charlar coa nosa compañeira, a Catedrática de Lingua e Literatura Española, Pilar Berrio sobre o seu último libro que leva por título, Se llamará Magdalena. Moitos dos nosos membros non poideron asistir por viaxes e imprevistos pero pese ás ausencias foi unha  cálida charla coa autora na que tivemos a oportunidade de preguntarlle por moitos detalles da obra. 

Algúns membros comentaron que esta é unha biografía novelada e pese a que as novelas históricas non son do seu gusto, recoñeceron o enorme esforzo de docuementación e o labor de divulgación que fixo Pilar da figura histórica do enxeñeiro naval Jorge Juan e Santacilia, que tanta repercusión tivo no nacemento da nosa cidade. A maioría pensamos que este personaxe, eminente científico, mariño, enxeñeiro e matemático, que tivo unha vida tan interesante, plagada  de acontecementos históricos e políticos moi relevantes, e que cunha mala saúde de ferro emprendeu  proxectos e aventuras nas que puxo en risco a súa vida,  sempre ao servizo dos intereses do reino de España e da cultura cintífica deste país, era merecedor dos esforzos de Pilar Berrio ; e así  deixase de ser para os ferroláns unha solitaria estatua dos xardíns de Herrera. Ela tenta trasmitirnos a súa fonda admiración pola talla intelectual, científica e política deste mariño pero tamén quere achegarnos ó home de profundas convicións relixiosas, membro dos cabaleiros da Orden de Malta. Nun  coidado relato no que introducindo persoaxes históricos o outros ficticios tenta achegarnos ó seu carácter cun estilo narrativo co que  loita  por conservarse fiel ós datos históricos e ás características do pensamento da época. Estivo precisamente a falarnos da dificultade de non caer na tentación de levar a novela por derroteiros máis comerciais. Falounos tamén das orixes do libro,  cando paseando pola cidade descubriu a figura de Jorge Juan e como  este feito excitou a súa curiosidade polo seu  percorrido vital. Xa engaiolada polo personaxe, engade que a nosa compañeira, profesora de Lingua e Literatura Galega, Ana Seco, insistía en animala a escribir sobre a  nosa  cidade, asegurándolle que Ferrol tiña unha novela.  Afortunadamente para todos nós seguiu os seus consellos e a novela é hoxe unha realidade.

Desde o noso blog só nos resta darlle os parabéns por esta obra e agradecerlle enormemete que nos teña acompañado nesta chuviosa tarde de verán que foi finalmente encantadora. 

PRESENTAICIÓN DO LIBRO DE PILAR BERRIO

luns, 2 de maio de 2022

GUILLERMO FERRÁNDEZ PRESENTOUNOS "LA CONFESIÓN DE SOTELO"

   


Na recente sesión do 26 de abril, o Club de Lectura de Adultos reuniuse a propósito do libro La confesión de Sotelo de Guillermo Ferrández, quen tivo a cortesía de asistir. O autor de Conacho, Las arrugas del tiempo o El ferrolano contestou amablemente ás nosas preguntas  sobre aspectos da creación literaria e, máis en concreto, acerca de detalles e curiosidades deste o seu último texto. No transcurso da suxestiva conversa xurdiron os temas fundamentais que vertebran a novela: o sentido da vida fronte á morte, as opcións individuais abertas ata o intre derradeiro, o vivir en verdade como pulsión e compromiso, a loita solidaria contra a inxustiza. Resultou una reunión interesante e mesmo  emotiva, do que hai que dar de novo as grazas a Gullermo. E deica a próxima, sempre. 

Deixamos o enlace a publicación que fixo fai un ano a nosa compañeira Pilar Berrio para presentar este libro. Para lela pica  na imaxe.

 

Non queremos despedirnos sen agradecerlle a Guillermo unha sesión moi agradable con unha conversa marabillosa da que vos deixamos imaxes.
Se queredes disfrutar desta lectura deixámosvos as primeiras páxianas.

sábado, 23 de abril de 2022

Día do Libro 2022

Nesta xornada de festa do Día do Libro, queremos desexarvos que as boas lecturas vos acompañen cada día. Sendo este un ano especial polos moitos e significativos aniversarios literarios que enchen o 2022, quixemos facer unha pequena invitación a coñecer algún destes autores e obras con esta presentación: Aniversario de Xigantes, que podedes ver no blog de Titorías. Con este mismo obxectivo fixemos a nosa tradicional exposición na entrada do centro.

Ferrol esta semana está inundada de ofertas culturais, das que imos destacar as protagonizadas polos profesores  ligados ó noso instituto.

O xoves, 21 de abril, tivo lugar a presentación oficial e firma do libro da nosa compañeira Pilar Berrio, Se llamará Magadalena, na Central Librera Real.
Na que estiveron presentes moitos membros do Club de Lectura de Adultos, que en breve lle van dedicar unha das súas reunións, e tamén outros compañeiros do centro, como podedes ver nas imaxes.


obra de Benito Mauleón de la Parte


O Venres 22, no kiosko do Cantón de Molíns tivo lugar o recitado de «poemas de combate» en homenaxe ao 50 aniversario do 10 de marzo e da revolución portuguesa do 25 de abril, dentro das actividades propostas polo colectivo impulsor da Semana da Poesía Salvaxe, denominada ahora  «A Palavra Encarnada» ,do que o exprofesor do noso instituto, Guillermo Ferrández forma parte importante.

Ese mismo día, na caseta de Pedreira, da Feira do Libro de Ferrol presentaba outro excompañeiro do noso claustro, Guillermo Llorca, Memoria Histórica do Ferrol de fóra de portas, editado por Embora, como podedes ler aquí.

venres, 8 de abril de 2022

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde para lembrar o aniversario da fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1948. Despois de ter pasado estes anos por un longo período de pandemia e inmersos como estamos en varios conflitos bélicos no planeta , pode parecer que deberiamos falar de medicina, descubrimentos científicos e outros logros importantes da humanidade. Sendo moi importantes estes temas, hoxe queremos facer mención dunha cuestión que nos afecta a toda a comunidade educativa e que non se pode visibilizar con máscaras, nin facer prevención con vacinas, que é a saúde mental.
Na nosa contorna vemos compañeiros, traballando, estudando, facendo deporte, todos parecen saudables e felices. Pero o certo é que: se nos afecta un problema e nos desequilibra mentalmente, non levamos unha escaiola que faga visible a nosa dor; por iso faise difícil identificar estas doenzas nos outros, incluso podemos chegar á convicción de que somos os únicos que experimentan a angustia, o medo ou o sufrimento interior. Nesta sociedade da comunicación, curiosamente, só se publican contidos divertidos, compoñendo un calidoscopio de risas e poses falsas que nos dan a entender que todos viven unha realidade mellor que a nosa. Non se fala do sufrimento, dos medos e sentimentos que nos afogan. Se alguén ten algún problema, sentenciamos que o fale cos amigos, cos profesores, coa orientadora, ou cun especialista. En fin, que o comparta con calquera pero que non sexa connosco. Dicimos que non estamos preparados para axudar. Sen minimizar o problema e recomendando que se acuda ós profesionais da saúde, o certo é que todos podemos abrir os ollos e tomar conciencia da dor dos semellantes. Non se trata de facer grandes xestos pero saudar, acompañar, comentar en positivo, sorrir, felicitar, escoitar, poden ser para un compañeiro ou compañeira, unha luz de esperanza que nos alumee no túnel da desesperación. Son moitos os aspectos conectados coa saúde mental e unicamente deixamos unhas pinceladas no blog das titorías para iniciar o diálogo nas aulas, que podedes ler se picades na primeira  infografía.
Gustaríanos presentar tamén un proxecto pioneiro en Saúde Mental que se está a desenvolver no instituto. Debido á preocupación por estes aspectos que se viña recollendo desde diversos ámbitos da comunidade educativa, por parte do Departamento de Orientación e da dirección, pensouse en ofertar un obradoiro de Atención Emocional ao alumando que se ven celebrando desde o 17-3-2022. (Pica na imaxe para ler) .
A prensa local tamén se fixo eco desta actividade, sinalando Teresa Sebio, a directora, que esta inquietude lle fora comunicada tanto polo alumnado coma polos profesores, este foi o motivo que os impulsou  na creación da actividade de Benestar Emocional, que está dirixido ós grupos de 4º da ESO e Bacharelato. O profesional encargado das sesións é Carlos de Francisco Moure, terapeuta que forma parte da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar da Universidade da Coruña, e que ten acreditada unha longa experiencia neste ámbito, tal como se recolle nos artigos de www.ferrol360.es, do 15-3-22, e de La Voz de Galicia ,do 24 mar 2022 . Nos que se relata que esta actuación ten por obxectivos desenvolver habilidades para identificar e expresar as emocións para que o alumando sexa quen de recoñecer as súas cualidades persoais e os apoios externos, a fin de lograr unha vida sa. Nunha primeira fase falouse co alumnado voluntario e informouse ás familias da relevancia de acompañar aos fillos neste momento do seu ciclo vital.  A segunda consiste na formación e o traballo grupal que se realizará ó longo de seis sesións. 
Foto de La Voz de Galicia 

Este será un programa susceptible de ser ampliado o outros cursos, unha vez se teña avaliado a experiencia. Na Aula Virtual do centro no
Curso de Convivencia podemos atopar máis información.
Para rematar, so nos resta invitarvos a pasar pola biblioteca na que podemos atopar información de utilidade na sección, Biblioteca de Familia, así como lecturas na que os protagonistas están a sufrir na adolescencia diveresas formas de desequilibrio emocional.


venres, 1 de abril de 2022

DÍA DAS ARTES GALEGAS 2022

 

O 1 de abril celebramos o Día das Artes Galegas e a Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano ó pintor Laxeiro. Unha figura moi importante da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O seu impacto no mundo da creación artística segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Este prolífico autor pertence a un grupo de novos artistas que reaccionaron contra o costumismo rexionalista e conectaron coa arte internacional do momento, dirixindo a súa mirada cara ás culturas do norte de Europa, dende unha idea de Galicia entendida como o límite cara ao sur da Europa atlántica, conectada por séculos de intercambio a través do Camiño de Santiago. En palabras de Antón Castro “Un punto de encontro  maduro do tradicional co moderno”. A súa pintura mestura influencias das Pinturas negras de Goya e o cubismo para expresar a súas preocupacións polos temas telúricos, a medio camiño entre a Galicia máxica, o esperpento.

Podemos ler aquí a súa biografía, a cronoloxía e ver a súa obra.

martes, 22 de marzo de 2022

Día Mundial da Auga


O 22 de marzo é a data escollida polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial da Auga. Esta xornada ten como obxectivo chamara a atención sobre a importancia da auga doce no planeta, coincidindo co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6 que ten como finalidade garantir o acceso á auga limpa e a un saneamento adecuado a toda a poboación mundial antes de 2030.
O tema sobre o que quere poñer o foco  este ano é a importancia  das augas subterráneas. É posible que non calibremos acertadamente a súa relevancia, pero ser conscientes dalgúns datos pode inclinarnos a ser responsables na súa conservación.
No  planeta hai un 97% de auga que é salgada e un 3% aproximadamente é auga doce. A maioría da auga doce está conxelada nos xeos dos polos.  Unha pequena parte dela  é a que vemos nos mananciais, ríos, lagos e humidais, pero unha cantidade moi significativa permanece oculta baixo os noso pés. A ONU afirma que a maioría da auga doce líquida está acumulada nos acuíferos.  Estes son nutridos de auga pola choiva e a neve que se infiltran non chan e poden extraerse á superficie por medio de bombas e pozos. Sendo esta a base da nosa agricultura e de moitos procesos industrias así como do abastecemento de auga para o consumo nas vivendas.
Vivindo nunha rexión onde a choiva é frecuente pode parecer que a auga é un elemento abundante e accesible e que non temos  que preocuparnos por el, pero isto non é así. Da auga dependen moitos procesos que nos rodean, a estabilidade de moitos ecosistemas cos que nos relacionamos e tamén a comodidade, a hixiene e a saúde da nosa vida.
Coidar este tesouro, facendo visible o invisible é o lema da campaña deste ano. Con este motivo, para chamar a atención a toda a comunidade educativa sobre o uso que facemos dese tesouro líquido, o alumnado do Club de Ciencias do centro, coa súa profesora Cecilia García, fixeron uns posters para concienciarnos sobre o consumo descontrolado da auga na nosa vida diaria. En cada un dous xestos cotiáns coma lavar os dentes, ducharnos, tirar da cisterna, etc. Empregamos unha enorme cantidade de auga por persoa, polo que está nas nosas mans contribuír no coidado das augas dos acuíferos, simplemente facendo un uso responsable da auga que temos dispoñible.
               
 

                  


xoves, 10 de febreiro de 2022

Pilar Berrio Martín-Retortillo publica, Se llamará Magdalena.

A nosa querida compañeira Pilar Berrio Martín-Retortillo, catedrática  de Lingua e Literatura Española, do IES Sofía Casanova, a quen todos coñecemos entre outras cousas por dirixir xunto a Ana Seco o exitoso proxecto de transformación da biblioteca do noso centro. É protagonista hoxe na prensa local, aparecendo nun artigo de  La Voz de Galicia  por que vén de publicar a súa quinta novela titulada, Se llamará Magdalena.
Imaxe de
editorial-adarve.com/
Trátase dunha texto no que se misturan a ficción e a realidade histórica. Presentándonos a un personaxe importantísimo da cultura en España e transcendental para a nosa cidade, o humanista, científico e enxeñeiro naval, Jorge Juan y Santacilia (1713-1773). Pilar describe de xeito ameno pero apaixonado o perfil deste excepcional mariño ó tempo que nos vai debullando retazos da construción do Arsenal e da propia cidade, con unha ben documentada información, que entretece con anécdotas e diálogos áxiles para facilitar a lectura. Combinando eficazmente a literatura e a cultura popular cando nos debuxa a comarca e as súas lendas e tradicións nun acto de amor, entendemos, a esta que é a súa terra de adopción. Porque, como sabedes, ela é natural de Madrid maila que leva máis de dúas décadas establecida nesta vila.
Esta obra é froito dunha minuciosa o labor de investigación e pese a ser unha biografía non se trata dunha obra academicista senón dun ameno paseo por un marco temporal concreto, no que fai un gran exercicio de equilibrio narrativo entre personaxes reais e ficticios e a fidelidade histórica e na que ven de traballando dende hai anos, e da que xa nos deixou vislumbrar algo no programa de tv de Ferrol, Crisol da Cultura que vos deixamos aquí.
Non podo rematar sen felicitar á nosa compañeira e expresar a miña máis rendida admiración por esta muller entusiasta e creativa que con unha capacidade de traballo ilimitada e un corazón inmenso foi quen de envolvernos a todos nos proxectos máis orixinais e variados, ampliando os horizontes da nosa labor como docentes, do que dan cumprida testemuña as entradas deste blog.
So me resta invitarvos a todos a ler esta fantástica novela que podedes atopar na nosa biblioteca e a que indaguedes noutros títulos da autora de man da marabillosa bibliotecaria de Bath, Miss Berry.

sábado, 22 de xaneiro de 2022

Día da Ilustración e Día da Paz.


O Día da Ilustración, instaurouse no 2014, o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Alfonso R. Castelao. Nesta data tradicionalmente celebramos o Día Escolar da Paz e a non Violencia. Con ese motivo, e dado que este ano a nosa bilioteca está a incidir na conservación do patrimonio oral, queremos unir estos tres obxectivos nunha actividade que consistirá na ilustración de poemas e cancións que falen da no violencia e a paz.


Temos convocado un concurso para o que vos deixamos as bases a continuación e que está nos carteis que vedes polos corredores do centro. Animádevos a participar ilustrando de xeito creativo un anaco de texto ou unha canción coñecida ou unha composición orixinal, con caligramas, haikus, collage, cómic, ou un debuxo.
Pica na imaxe

As composicións entréganse na biblioteca na que tamén podedes recoller material e consultar as bases. A data límite das achegas é o día 4 de febreiro, e o 25 farase entrega dos premios na entrada do centro.
Se picas en cada pomba atoparás poemas ou cancións para inspirarte.



  


martes, 11 de xaneiro de 2022

DÍA DO USUARI@ DA BIBLIOTECA

 O día 11 de xaneiro celébrase o Día da usuaria e do usuario das bibliotecas, por este motivo non queremos deixar de pasar esta oportunidade para agradecer a todos os ususarios e usuarias da nosa biblioteca o seu entusiasmo no seguimento das propostas que adoitamos facer e a súa colaboración en múltiples oportunidades. Para felicitalos adoitamos facer a nosa festa anual das tartas literarias, adiada nestes últimos anos pola situación sanitaria pero que esperamos poder retomar o antes posible. Tamén adoitamos entregar nesa festa os premios ós nosos ususarios en diversas categorías. 

Nesta ocasión queremos traer aquí dúas iniciativas que poden resultar de interés para os nosos usuarios.

A primeira denomínase “Lectura infinita”,  Baixo este lema o Ministerio de Cultura e Deporte coa súa Direción Xeral do Libro e Fomento da Lectura presenta un plan estratéxico a desenvolver desde 2021 ó 2024. O Plan propón aproveitar as novas canles de comunicación e as oportunidades de creación de comunidade que brinda a nova contorna dixital e cultural, por exemplo as redes sociais, para conseguir que a lectura rompa todas as brechas estruturais e convértase nun hábito social real. Este pla concrétade en 12 desafíos ós que se dá resposta por medio dunha serie de programas.

O resultado é unha folla de ruta dirixida a familias, escolas, universidades, bibliotecas, escritores, tradutores, correctores, ilustradores, editores e editoriais, imprentas, librarías, bibliotecas e arquivos, docentes e mediadores, administracións públicas, organizacións civís, público en xeral —lectores todos—, para facer realidade unha premisa de base: en España si se le, aínda que queremos máis lectores.

Para máis información pica na imaxe.


A segunda é unha asociación de Lectura Fácil. 

Que é a Lectura Fácil ( LF)? Son libros, documentos administrativos e legais, textos informativos, páxinas web... que seguen as directrices Internacionais da IFLA( International Federation of Library Associations and Institutions) e de Inclusion Europe en canto á linguaxe, o contido e a forma. A ALF revisa os materiais de Lectura Fácil e os valida co logo LF. A quen se dirixe? A Lectura Fácil diríxese a todas as persoas, en especial a aquelas que teñen dificultades lectoras transitorias (inmigración, incorporación tardía á lectura, escolarización deficiente...) ou permanentes (trastornos da aprendizaxe, diversidade funcional, senilidade...)

Na biblioteca do centro contamos con unha sección adicada a estas lecturas fáciles pensadas para todo tipo de lectores pero que son de especial interese para aqueles rapaces que veñen de outras comunidades ou do estranxeiro.