Amosando publicacións coa etiqueta Dinamización Lingüística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dinamización Lingüística. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de xuño de 2015

PLANETA LINGUA Nº 16: SOFÍA CASANOVA, OS PRIMEIROS 50 ANOS

Xa hai uns días que está connosco o novo número da revista Planeta Lingua, revista promovida polo Equipo de Dinamización de Lingua Galega.  Andamos mal de tempo, queriamos contalo ben, pero xa é moita hora de dicilo. Así que vai como vai. Pero vai: 

Antía, superácheste. 

Antía Aneiros, María Rodríguez Brañas, Tomás Losada 
e Carlos Bértalo lendo Planeta Lingua 16. 

Sempre nos sorprendes, pero desta vez… Mirade os contidos: seguro que as vosas nais ou avoas foron alumnas do centro, seguro que lles encantará revivir de novo aqueles anos. Mirade, mirade:
  • “Tal como éramos”, o Ferrol que veu nacer o noso instituto:  Que fotos!.
  • “Os primeiros 50 anos”,  o Sofía de 1963-64 a 2013-14, con datas fundamentais: 1963 (bota a andar), 1967 (novo edificio), 1970 (cambios), 1976 (BUP), 1983-1985 (de Camilo a Sofía, de feminino a mixto), 1996-97 (a ESO)…
  • “Sofía Casanova. A traxedia de Europa feita palabra”, con fotos e anécdotas, moitas delas contadas a Antía polos alumnos Carlos Bértalo, Antía Aneiros, Tomás Losada e María Rodríguez Brañas.
  • “Eu estudei no Sofía Casanova” , unha reveladora charla con María José Rodríguez Bouza, ata hai nada profesora de EF no centro.
  • “As miñas lembranzas do instituto” por Ánxela Loureiro. Que memoria! Que recordos! Que ben o contas! “A prepa”, dona Socorrito, o movemento estudantil… Lédeo, por favor. Lédeo.
  • Os actos de celebración dos 50 anos. Por certo, aí vai o enlace ao documental realizado por alumnos e profesores, cos nosos amigos de Gaitafilms.
  • Sofía Casanova, “Ferrolán do ano”, co discurso de agradecemento de Laura, a directora.
  • E as achegas da ANPA e de Alberto Fuentes, antigo alumno do Sofía e actual xefe de estudos.

Antía, parabéns. É unha revista para todos, para os que estiveron, para os que estamos e para os que estarán. Porque os 50 anos do instituto non se podían esquecer. Porque é algo que non pasa todos os anos. Porque se traballou moito nesta conmemoración. E porque ti traballaches moito. E este é o resultado. Un fantástico resultado.

Continúa, por favor. Todos os anos recolles feitos que nos fan lembrar o que fomos e o que somos. Que este noso Planeta Lingua dure "mil primaveras máis", e que sexa da túa man. Fasnos moita falta, fasnos recordar, porque...





Jose Saramago (Azinhaga, 1922-Lanzarote, 2010)
Premio Nobel de Literatura, 1998
  

luns, 19 de maio de 2014

ÁFRICA: IMAXE E PALABRA

Ola rapaces, cedo a palabra a nosa compañeira Antía, para que nos glose os obxectivos da preciosísima exposición fotográfica que adornou o noso corredor:

O punto de partida da exposición de fotografía e poesía africana estivo en dúas escolmas poéticas: Poemas a la madre África, realizada por Xosé Lois García, e Coraçao en África de Francisco José Tenreiro. Estas dúas ofrecían unha presada de versos en lingua portuguesa e era interesante comprobarmos, unha vez máis, que o coñecemento do galego nos permite comprender de xeito doado a lingua da comunidade lusófona. Comunidade cun amplísimo número de falantes ao longo do mundo, neste caso no mundo africano. As imaxes quixeron ser un apoio que reforzase a palabra. Aparecían tanto paisaxes coma rostros, que falaban de sufrimento e dignidade. Esta exposición quixo ser unha ventá aberta para a reflexión desde as aulas sobre un continente que está petando ás nosas portas e ás nosas conciencias. A súa difusión veu coincidir coa lectura de Palabras de auga, obra tamén situada en África e cuxo autor estivo entre nós para falarnos tamén deste continente.


Rematamos cunha poesía:

Que ninguém o esqueça.

Todos os dias alguem dá a vida
para que seja possível o amor
para que no rosto das crianças
baile un sorriso.

Todos os dias alguém combate
armado apenas de coragem
e de decisao
para que os passaros voem
e as flores rebentem
sobre o solo querido da nossa terra.

Todos os dias alguém morre
en luta pela liberdade
todos os dias alguém morre
para que nós tenhamos vida.



xoves, 6 de febreiro de 2014

O ÚLTIMO NÚMERO DA NOSA REVISTA "PLANETA LINGUA"

Ola rapaces!


Hai uns días, Antía, a profesora de Galego que dirixe o Equipo de Dinamización Lingüística, tivo o detalle de darme un exemplar do último número da revista que dito Equipo promove, o que fai o número 15. Certo é que levo xa un par de cursos colaborando con ela, cousa que me encanta. E teño que dicir que me sorprendeu a calidade da revista, tanto no seu contido coma na súa presentación. Gustáronme especialmente os artigos adicados a asuntos literarios, por algo son un trasno de biblioteca, como o monográfico tan documentado sobre os vampiros, no que colaboraron dúas coñecidas miñas que levan moitos anos no noso Club de Lectura -do que se deduce que as personas que valen ten tempo para moitas actividades-. Refírome ás alumnas de 3º, Antía Casal e Míriam Hidalgo. Tamén me interesou o artigo adicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, ao que se lle dedica o próximo Día das Letras Galegas. A través deste artigo, podemos coñecer algunhas das súas poesías. 
Pero tamén vexo moi interesantes outros artigos de asuntos diversos: deportivos (a entrevista co o adestrador de rugby Alejandro Segura e cun alumnos que é xogador); económicos (o dossier que Iñaki e algúns dos seus alumnos fan sobre a empresa Zara); históricos (como o relato da viaxe a Atenas completado cun artigo sobre as mulleres na Antiga Grecia) e moitos outros.
Así que non me queda máis que reiterar os meus parabéns a Antía e ao seu equipo de colaboradores e animar a todos a ler e desfrutar desta revista.
Aburiño!

SOCAS