Amosando publicacións coa etiqueta Khaled Hosseini. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Khaled Hosseini. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de abril de 2013

As fotos das cometas:

Ola poetas:


O libro de Cometas en el cielo de Khaled Hosseini deu para moito, verdade? Ademais o traballo que fixeron Elisa e Amanda foi moi maduro. Claro, os libros que tratan sentimentos, erros, culpas, arrepentimentos, cariño, abandono... son moi cercanos a nós. Moito máis cercanos se están ambientados, ademais, no mundo real.

Podémonos ver reflectidos en Amir, se somos conscientes de termos portado mal con alguén que queremos, ou, pola contra, sentirnos identicados con Hassan, se é que nos sentimos defraudados algunha vez por quen queriamos moito. 

A min paréceme que todos somos un pouco Amir e un pouco Hassan. Moitas veces ao longo da nosa vida nos sentimos molestos pola actitude de alguén en que tiñamos posto moito cariño e, sen embargo, o seguimos querendo. Ou pola contra, portámonos mal ou temos un mal xesto con alguén que nos quere ben. 

O principal problema nas relación é a incomunicación. A falta de comunicación entre Amir e Hassan rematou cunha bonita amizade. Do mesmo xeito, Amir só terá unha relación sincera co seu pai Baba cando se faga un mozo e comparta as dificultades dunha nova vida nos Estados Unidos de América. A vida está chea de decisións e ás veces ponse difícil. Este soberbio libro, escrito desde o fondo da alma, ensínanos a non nos encerrar en nós mesmos, senón a compartir as nosas dúbidas, os nosos medos, as inquedanzas, os soños; a contar a verdade (de verdade) sen medo. Porque podedes estar ben seguros de que todos (e penso que tamén todas) somos coma as cometas: só estamos unidos a ti por un delgadísimo fío que hai que saber manexar con moita pericia, soltando e dando ás, pero tamén atraendo e guiando na procura de brisas que nos dirixan. Así é a amizade, poetas. Cultivádea. Non deixedes que se escapen as cometas.

Ah, claro. Déixovos unha breve presentación das fotos da  sesión de onte do club de lectura: pizza, refrescos e boa literatura. Mmmmmmm... que rico!

Cometas en el cielo. on PhotoPeach

martes, 9 de abril de 2013

A NOSA NOVA XUNTANZA

Ola rapaces!
Soamente dúas palabras para recoller a miña primeira impresión da nosa xuntanza de hoxe do Club de Lectura. Cada día percibo que estades máis cómodos na miña casa, a biblio. Non sei si será polos sofás, o polas pizzas de hoxe...
Antes que nada, teño que felicitar ás nosas moderadoras da sesión de hoxe: Elisa (5ºB) e Amanda (3ºA). Con gran estilo nos achegaron a peripecia vital de Amir e Hassan, no convulso Kabul anterior a chegada do exército ruso. Repasaron con todos, tamén, a experiencia traumática que separou aos dous amigos, a fuxida de Amir e seu pai a California e a dura redención da súa culpa, vinte anos despois, noutro Afganistán, tan distinto ao paraíso da súa infancia.
Durante a charla escoitamos moitas intervencións que enriqueceron a visión do libro.
Pronto subiremos ao blog a presentación das nosas colaboradoras, así como as fotos. 
Seguide pendentes da vindeira sesión, na que o noso protagonista, será o mundo do cómic
.

domingo, 31 de marzo de 2013

DENDE O MEU RECUNCHO

Ola rapaces!

Hoxe levanteime cedo -por fin un día soleado logo destas pertinaces choivas- e púxenme a navegar un pouco pola rede. Deime conta de que está a piques de rematar o mes de marzo e non vos escribín ningunha mensaxe no noso blog en todo este mes. Teño disculpa. Estiven tan atarefado colocando mobles e libros na miña casa -a nosa biblio- que esquecín darvos noticias de mín. Aínda non rematei as reformas (sábese cando comezan, pero non cando rematan), como podedes comprobar, pero estou máis preto de facelo. Moitos de vós axudáchedesme cos cambios na biblio e teño que darvos as grazas. E coido que no vindeiro mes, no que celebramos o Día do Libro, teremos bastante adiantado. Mentres, tede paciencia conmigo.


Falando do vindeiro mes, aproveito para anunciarvos algunhas novas:

  • O día 9 teremos a sesión do Club de Lectura correspondente ao libro de Khaled Hosseini: Cometas en el cielo, que espero que estedes a disfrutar. Tocábanos unha novela realista, e penso que a historia de Amir e Hassan profundiza dun xeito conmovedor nos sentimentos, ás veces duros, do ser humano nun marco tan convulso como o Afganistan dende a dominación soviética ata o rexímen talibán. Emplázovos ata entón.

  • O día 23, co gallo do Día do Libro, teremos unha celebración sorpresa da que só podo adiantar que terá que ver co pasado aniversario do célebre escritor británico Charles Dickens (1812-1870) do que xa falamos noutra entrada do blog, nos seu momento. Penso que contarei coa vosa colaboración.
  • Dentro de pouco, presentarémosvos os nosos 13 cumpreanos do 2013. Alí mesturaremos escritores, pintores, músicos, presidentes, cidades, apóstolos... E non dou máis pistas, que todo o pillades.
E nada máis polo de agora. Sabedes que xa se pode consultar os  nosos fondos na rede porque estamos no programa Meiga. Seguro que alí atopades moitos tesouros que vos poden descubrir mundos que pagan a pena. 

Así pois, no formato que queirades, do xeito que prefirades, na lingua que desexedes, no momento por vos escollido..., non deixedes de LER!