Amosando publicacións coa etiqueta Excursión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Excursión. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de maio de 2015

ITINERARIO LETRAS GALEGAS 2015: PONTEVEDRA-CAMBADOS.

  • 2015, Letras Galegas Filgueira Valverde.
  • 2015, 100 anos de Vento mareiro, poemario de Cabanillas. 

A conexión:
  • Filgueira Valverde: relación co Museo de Pontevedra.
  • Vento mareiro, augada de Castelao que ilustrou o poemario Vento mareiro de Cabanillas, está no Museo de Pontevedra.




Entón...

Continuamos as actividades do "Mes das Letras no Sofía" con esta viaxe cultural que nos leva a Pontevedra para ver no Museo da cidade -tan ligado a Filgueira Valverde e Castelao-, a exposición sobre Filgueira Valverde e a sala Castelao, e saír logo ás rúas seguindo o roteiro "A Pontevedra de Castelao". Despois percorreremos "O Cambados de Cabanillas" para conmemorar os 100 anos de Vento mareiro (Cabanillas: 1915). E como fondo, como un "vento mareiro", eses poemas de Cabanillas (podes ver aquí unha selección) e esa augada de Castelao ubicada hoxe no Museo de Pontevedra: recordade que Vento mareiro, o cadro de Castelao, serviu no seu momento para ilustrar a portada da obra de Cabanillas do mesmo nome.

Castelao: Vento mareiro. Augada, 1921. Museo de Pontevedra.



Pretendemos aproveitar esta actividade para que os alumnos fagan un uso responsable do móbil como ferramenta de consulta, busca, captación e transmisión de información. Para facilitar o labor, deseñouse o sitio informativo itinerarioletrasgalegas2015, que servirá como punto de partida da actividade; inclúe información básica, tríptico, planos e uns itinerarios ("A Pontevedra de Castelao" e "O Cambados de Cabanillas") que os alumnos terán que completar tras a visita.


O sitio tal como se vería no móbil

sábado, 22 de novembro de 2014

EXCURSIÓN POLAS FRAGAS DO EUME

Pois si, o pasado xoves saín do meu recuncho nunha cestiña que levaba unha rapaza moi agarimosa de 4º C e deime unha camiñada esgotadora, malia que tonificante, polas Fragas do Eume.



Á baixada fun pingando de tanta chuvia que non cesaba de caer, Mi madriña! Case que afogo no cesto. E por pouco afúndome no fango. Mais foi chegar ao misterioso e vello mosteiro de Caaveiro, comezar a saír o sol, e atoparme cunha afastada póla da miña ampla familia: os Soqueiron de Pontedeume. Son descendentes directos do abade de san Xoan e levan alí moitos séculos coidando das sacras pedras. Invitáronme a visitar as dependencias do mosteiro e abraieime coas fabulosas vistas que disfrutan do río e do bosque. Gustoume de xeito especial o muíño e a ponte, onde botei unha man ás traballadoras rapazas a recoller follas, froitos, fieitos, cogumelos para unha gran exposición que terá lugar na entrada do instituto. Á volta, a forza do sol era xa moita e a subida foi toda unha demostración de pundonor por parte de todos: profes, rapaces e mais eu, mascota. Disque camiñanos máis de nove kilómetros e todos pasamos a proba con nota.


Agora compre rematar a nosa exposición e esperar aos vosos fermosos e fantasticos relatos de bosque. Gustaríame protagonizar algún, máis sempre me repiten que non debo ser tan vaidoso. Así que escribide do que queirades, pero non deixedes de facelo.


E, prégovos, levademe máis veces de excursión! Veño novo.

xoves, 20 de xuño de 2013

VIDEO SOBRE A EXCURSIÓN A SOBRADO DOS MONXES E SANTIAGO

Raquel Nogueira quere compartir con todos nos este precioso vídeo sobre aquela viaxe da que falamos. Xa os botan de menos alí.

xoves, 30 de maio de 2013

BUSCANDO A ROSALÍA POLAS RÚAS COMPOSTELÁS

Ola rapaces!
Como xa vos dixen, algúns rapaces de 1º A de bacharelato, mentres os pequerrechos e máis eu estabamos a visitar ao curmán Soqueiras no arquivo da catedral, perdéronse por un soleado Santiago, cunha tarefa ben fermosa: fotografarse nos lugares relacionados coa vida e obra de Rosalía. E aquí temos parte do resultado. Pasáronme estas fotos de Borja, Raquel e Jessica polas rúas compostelás, na procura das pegadas da nosa amada Rosalía.
Contádenos, rapaces, a vosa experiencia nalgún comentario. Estamos desexando saber se atopastes o recendo da súa persoa no voso percorrido.
Co agarimo, 
Socas

sábado, 25 de maio de 2013

EN SOBRADO E SANTIAGO

Esta semana estivo ben chea de acontecementos. Xa vos contei que o mércores tocoume función teatral. Agora cómpre que vos poña ao día do acontecido nos dous días seguintes. O xoves, ben agochadiño no peto dun de vós, saín de excursión. Acompañei a corenta e tres entusiastas rapaces -algúns de 1º de ESO, moi afeitos ao universo das biblioteca grazas ao seu Proxecto Interdisciplinar; outros de 1º de BAC dispostos a atopar as pegadas rosalianas en Compostela. 

 

Pero, antes, a nosa parada inicial foi no mosteiro cisterciense de Sobrado dos Monxes. Alí, o noso Manolo tiña un compañeiro de estudos ao que non vía dende hai trinta anos. Puidemos gozar da sabedoría milenaria desas húmidas pedras e percorrer o claustro dos Peregrinos e o dos Medallóns, a cociña, a sala capitular, a igrexa, ... Que doado imaxinar como era a vida no medievo!
Pero non soamente Manolo ten bos contactos. Resulta que o meu curmán Soqueiras habita no arquivo da catedral compostelana. Si, é o clásico trasno erudito que gosta de acariñar códices medievais. Conseguiume unha visita guiada na que un experto arquiveiro nos fixo un percorrido dende os códices, coa contemplación dun facsímil do Calixtino agora escrupulosamente custodiado, pasando por tumbos reais co seu carimbo de chumbo, os libros de coro tan fermosamente miniados, ata os incunables,... En fin, un verdadeiro privilexio para un simple trasno de secundaria coma min, por moito que me guste presumir da miña benquerida biblioteca.

 

Logo dunha soleada e animada comida nas escalinatas de Praterías, aínda tivemos -algúns- a sorte de acceder a San Martiño Pinario, onde vimos unha antiga imprenta.
Retornei satisfeito para miña casa. Sempre medramos coas experiencias. Saír na procura doutros camiños. Tornar máis sabios. Saber dos demáis para coñecermos mellor nosoutros. 


Cando partimos de novo?