Amosando publicacións coa etiqueta Novo curso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novo curso. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de setembro de 2025

COMEZA UN NOVO CURSO NA NOSA BIBLIO

Ola rapazada! 

Comeza un novo curso na nosa biblio. Queremos darvos a benvida a todos, especialmente aos novos alumnos, e contarvos que moi pronto dará inicio a nova tempada de actividades. 

A principal novidade deste curso vai ser un Club de Debate que quere axudarvos a pensar, argumentar e falar en público. Promete emocións e posibles premios e viaxes. A primeira xuntanza informativa terá lugar xa moi pronto: o vindeiro venres día 19 no primeiro recreo. A nova profe de Lingua Castelá, Lucía, contaranos a interesante proposta.

O xa veterano Club de Novela Gráfica continuará os mércores no segundo recreo. Os profes organizadores, Dani, Patricia, Pilar e Raquel C., convocan a primeira xuntanza para o mércores 24 de setembro, Día das Bibliotecas Escolares. Confiamos ter o mesmo éxito que os pasados cursos. 

A terceira proposta será o Club de Narrativa Xuvenil en lingua galega, que se reunía, xa dende dous cursos atrás, os luns nos segundos recreos. Seguiremos esta tempada co asesoramento de Belén, Montse e Raquel N. A xuntanza informativa terá lugar o luns 29 de setembro. 

Esperamos que enchedes o anexo da biblio nas citadas reunións, xa anunciadas na cartelería do centro.

Esperámosvos!

E sobre todo, desexamos que estas propostas vos interesen e poidades achegar as vosas suxestións. 


luns, 23 de setembro de 2019

BENVIDA A UN NOVO CURSO

Ola rapaces!
Un ano máis queremos saúdarvos nestes días iniciais e darvos a nosa máis cálida benvida a un novo curso escolar que sempre é unha páxina en branco.
Dende a biblioteca, eu Socas, quero animarvos a encher este libro de fermosos versos. E falando de versos, xa vos anuncio que a temática da tempada no noso Club de Lectura vai ser precisamente iso, versos, é dicir, lemos poesía. Ben, non?
O caso é que moi pronto convocaremos a nosa tradicional xuntanza informativa de tódolos clubs (aínda que sei de boa fonte que os de Escritura xa comezaron... Mi madriña, canto entusiasmo!)
Estade atentos, rapaces... imos despegar...
SOCAS


mércores, 19 de setembro de 2018

BENVIDOS AO NOVO CURSO

Ola rapaces e rapazas!:

Socas, que son eu, a mascota da nosa biblioteca, douvos a benvida ó novo curso e, particularmente ás actividades da biblioteca.
De xeito especial quero animar aos novos, ós de primeiro de ESO e ós de primeiro de BAC, a coñecernos. 
Para iso quedades convocados a unha primeira xuntanza xeral de todos os Clubs:
  • Club de Manga.
  • Club de Lectura.
  • Club de Voluntariado.


A reunión terá lugar o vindeiro martes día 25 de setembro no primeiro recreo na biblioteca. 

Espérovos!

martes, 2 de setembro de 2014

BENVIDOS DE NOVO A NOSA BIBLIOTECA!

Ola rapaces!
Logo do paréntese estival vémonos de novo polo instituto. Polo de agora imaxino que andades a facer os exames e estades un pouco nerviosos. Deséxovos moita sorte. E espero que cando rematedes veñades a facerme unha visita á biblioteca, que segue a ser a vosa casa.
Imaxino que tivestes un bo verano. Coido que algúns aproveitachedes para ler ademáis de tomar o sol e facer surf. Xa vos falarei das miñas lecturas e dos plans para o novo curso. De momento solo quería darvos a benvida e recordarvos que aquí seguen os vellos amigos que se agochan nos libros.
Ata pronto!
SOCAS 


domingo, 1 de setembro de 2013

A PIQUES DE COMEZAR

Ola de novo, rapaces!
Seguro que xa me botabades de menos. Eu a vós si, dende logo. A miña biblio andaba un pouco amortecida de máis. E non porque os meus colegas de ficción e máis eu non celebraramos as nosas canfurnadas estivais. Senón porque me faltabades vós, os lectores e lectoras. Pero o bo é que xa esta semana comezarei a vervos pouco a pouco por aquí. Cando rematedes os vosos exames, vide visitarme, non si? Tedes que comentarme que estivestes lendo estes meses. Eu xa vos seguirei recomendando boas historias.
Pero, sobre todo, temos que celebrar como se merece a nova deste verán: xa temos o famoso PLAMBE. Que que é iso? Pois en definitiva cartiños para gastar e facer a reforma da miña casa pero ao grande: mesas e cadeiras, máis equipamento, e sobre todo, máis libros, revistas e DVD. E unha programación atractiva e variada para fomentar o pracer de ler. Coas nosas actividades habituais: Club de Lectura, Día do Libro, Cumpren anos... E todas aquelas que se nos ocorran: Club de Lectura de Adultos, Hora de Ler, Boletíns ou Exposicións, por exemplo.
En fin, rapaces, que vos auguro un bo curso, cheo de experiencias lectoras emocionantes. Vémonos
Socas