Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Tomás. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Tomás. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de maio de 2015

ENCONTRO CON XOSÉ TOMÁS. ITINERARIO BANDA DESEÑADA.

O martes 28 de abril, no marco das actividades do “Mes das Letras no Sofía”, estivo connosco Xosé Tomás.

Primeiro reuniuse cos seus lectores, os membros do Club de Lectura, para comentar Nómades.



Con todo detalle explicou o proceso de elaboración e creación e puidemos ver os seus cadernos coas notas e imaxes que foron dando forma a Nómades. Por que unha historia de mulleres e de emigración? Dous anos estivo apuntando ideas en pouco espazo (tiña que adaptarse ao que logo sería o formato de banda deseñada) e deseñando pequenos bocetos que reflectisen os trazos principais -unha parte que define como “un sufrimento”- necesario para pasar logo á parte “divertida”, a ilustración. Puidemos ver as ilustracións orixinais de Nómades, fantásticas, cheas de forza, feitas a lapis e logo escaneadas e coloreadas no ordenador, un traballo –este último- que Xosé Tomás 
cualificou de “artesanal”.



Pasou logo a relatar anécdotas das mulleres ás que deu forma en Nómades: Fátima, unha historia real, Sasha, Ghalia… E con el puidemos reflexionar sobre o feito de ser ou sentirse “nómade”, sen hogar, diferente, sobre os valores –ou  a falta de valores- humanos… Pode que sexa verdade que unha imaxe vale máis que mil palabras: relede Nómades, volvede ao libro e mirade esas caras, pensade como se senten… E seguro que non moi lonxe hai alguén moi similar aos personaxes deste libro. Non esquezades a cita de J. Donne con que Hemingway comeza Por quen dobran as campás:
Ninguén é unha illa, completo en si mesmo; cada home é un pedazo de continente, unha parte da terra; se o mar leva unha porción de terra, toda Europa queda disminuída, coma se fose un promontorio, ou a casa dun dos teus amigos, ou a túa propia. A morte de calquera home redúceme porque estou ligado á humanidade; polo tanto nunca preguntes por quen dobran as campás: dobran por ti.


Despois do encontro co Club de Lectura, Xosé Tomás impartiu un obradoiro sobre banda deseñada a un grupo de alumnos de 3º ESO que estaban acompañados da súa profesora de EPV,  María Lanza.



A denominación… Cómic? Banda deseñada? Novela gráfica? Outras? Quedámonos con banda deseñada ou novela gráfica, tras descartar outras opcións. Presentounos a Yellow Kid, o primeiro personaxe “oficial” de banda deseñada (1895), para pasar á relación cine-banda deseñada (paralelos tamén no seu nacemento) e entrar xa no que é o deseño de personaxes, os planos, os diálogos, a localización… Fíxonos reparar na importancia dos silencios e no feito de que para ler banda deseñada, para apreciala, hai que coñecer (e recoñecer) os seus códigos. Veu logo a viñeta, a experimentación coa viñeta, as onomatopeias, as liñas cinéticas, o globo (bocadillo) e o delta… E niso estabamos cando recordamos aquelas miniaturas medievais de T.L.M. que “rescatamos” polo Día da Árbore e as das Cantigas de Santa María que rotulan a nosa biblioteca. 

Toda unha lección, a de Xosé Tomás, que despois os alumnos tiveron que poñer en práctica, e que parece que continuará na clase de Debuxo con María Lanza… De ser así, seguiremos informando.



Graciñas, Tomás, por estar connosco, pola túa xenerosidade, por facer o que fas e por ser como es.




Non remata aquí o noso “Itinerario banda deseñada”, hai máis. Xa vos contaremos. De momento, visitade a Biblioteca: 
  • Os fondos de banda deseñada saíron do seu curruncho para ocupar lugares máis visibles. 
  • Reparastes na contribución dos alumnos de 1º ESO A e B con material sobre Mafalda? Porque aí comezou todo: recordade que Mafalda cumpriu 50 anos neste curso académico, o 29 de setembro de 2014.  Celebrámolo, aínda o seguimos celebrando e máis que o imos celebrar. De feito, Mafalda comezou este “Itinerario banda deseñada”, que…







mércores, 25 de febreiro de 2015

E AGORA UN CÓMIC DE SABOR GALEGO!

Socas pide perdón. Socas está moi despistado. Socas fala xa en terceira persona de si mesmo. E que Socas centrouse demasiado na lectura de Conacho (que por certo, non soamente é recomendable para os adultos, Socas pensa que a moitos de vós pode interesar e moito coñecer como era esta cidade hai cincuenta anos, xustiño cando comenzaba a andar o noso insti)... e Socas perdeu a cabeciña.
Pero ben. Socas ten que anunciar que a vindeira sesión, o martes 10, falaremos dun cómic moi recente dun autor noso, un galego. Titúlase Nómades e el chámase Xosé Tomás. 


(Por certo, Socas tamén pide perdón polo retraso en subir presentacións de pasadas sesións pero problemas de comunicación incríbles neste século das novas tecnoloxías impiden que traballos tan fermosos como o de Daniela e Juan sobre Harry Potter e o de Candela e Alicia sobre Anna Frank, cheguen aos seus aquivos... Vai ser verdade que é un auténtico trasno e que a biblioteca está enfeitizada?) Dende aquí Socas manda un último SOS para que se arranxen ditos problemas e todos poidamos disfrutar dun esforzo tan meritorio.