O 22 de marzo é a data escollida polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial da Auga. Esta xornada ten como obxectivo chamara a atención sobre a importancia da auga doce no planeta, coincidindo co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6 que ten como finalidade garantir o acceso á auga limpa e a un saneamento adecuado a toda a poboación mundial antes de 2030.
O tema sobre o que quere poñer o foco este ano é a importancia das augas subterráneas. É posible que non calibremos acertadamente a súa relevancia, pero ser conscientes dalgúns datos pode inclinarnos a ser responsables na súa conservación.
No planeta hai un 97% de auga que é salgada e un 3% aproximadamente é auga doce. A maioría da auga doce está conxelada nos xeos dos polos. Unha pequena parte dela é a que vemos nos mananciais, ríos, lagos e humidais, pero unha cantidade moi significativa permanece oculta baixo os noso pés. A ONU afirma que a maioría da auga doce líquida está acumulada nos acuíferos. Estes son nutridos de auga pola choiva e a neve que se infiltran non chan e poden extraerse á superficie por medio de bombas e pozos. Sendo esta a base da nosa agricultura e de moitos procesos industrias así como do abastecemento de auga para o consumo nas vivendas.
Vivindo nunha rexión onde a choiva é frecuente pode parecer que a auga é un elemento abundante e accesible e que non temos que preocuparnos por el, pero isto non é así. Da auga dependen moitos procesos que nos rodean, a estabilidade de moitos ecosistemas cos que nos relacionamos e tamén a comodidade, a hixiene e a saúde da nosa vida.
Coidar este tesouro, facendo visible o invisible é o lema da campaña deste ano. Con este motivo, para chamar a atención a toda a comunidade educativa sobre o uso que facemos dese tesouro líquido, o alumnado do Club de Ciencias do centro, coa súa profesora Cecilia García, fixeron uns posters para concienciarnos sobre o consumo descontrolado da auga na nosa vida diaria. En cada un dous xestos cotiáns coma lavar os dentes, ducharnos, tirar da cisterna, etc. Empregamos unha enorme cantidade de auga por persoa, polo que está nas nosas mans contribuír no coidado das augas dos acuíferos, simplemente facendo un uso responsable da auga que temos dispoñible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario