xoves, 16 de outubro de 2014

DIVERGENTE

Como xa sabedes os que estivechedes na primeira xuntanza, a nosa vindeira lectura é Divergente, o primeiro volume da saga escrita por Veronica Roth. Coido que moitos xa a coñecedes, polo menos pola súa versión cinematográfica. Para outros será unha ocasión de achegarnos a esta exitosa narración que mestura elementos, polo que teño escoitado de vós, de distopía, ciencia-ficción, e historia de superación e amizade.


Tenme moi boa pinta, máxime coa nova de que van ser Lidia e Xiana, rapazas de 4ºC, as que nos fagan a presentación o vindeiro 11 de novembro.


Aproveito para animar aos fans das boas historias a apuntarse no noso Club. Penso que o agradeceredes.


mércores, 15 de outubro de 2014

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

Que ben o pasamos onte no noso reencontro do Club de Lectura! Foi estupendo vervos tan relaxadiños (coido que o novo sofá tivo algo que ver nisto), tan animados e con tantas ganas de ler. Dende o meu recuncho apuntei algunha das vosas suxestións que recoñezo que eu non coñecía. Encántame que sempre me tedes ao día das novas sagas de literatura xuvenil que van aparecendo. 
Estas son algunhas das que apuntei:

  • El corredor del laberinto.
  • La memoria del agua.
  • Ciudades de papel.
  • El designio del ángel.
  • Fablehaven.


Aproveito para dar a benvida a Sabela, María e Laura, rapazas de 1º de ESO que son novas incorporacións ao noso Club. Espero que pouco a pouco vaian animándose máis de 1º e tamén de 1º de BAC. Non vos arrepentiredes.
E, por suposto, quero dar as grazas aos incondicionais que levan cinco anos adicándonos tempo e ilusión para facer posible esta gran familia que se chama "Club de Lectura do Sofía."

luns, 13 de outubro de 2014

VÉMONOS MAÑÁ

Ola rapaces!
Non esquezades a nosa xuntanza de mañá! Vide todos -vellos amigos e novas  incorporacións- con moito ánimo para empezar a nova tempada, na que esperamos sorprendervos con boas recomendacións de lectura.
Ata moi pronto.
Socas

xoves, 9 de outubro de 2014

O francés Patrick Modiano gaña o Nobel de Literatura 2014

Ola poetas:


Comeza un novo curso e con el centos de novidades. Entre elas hoxe destacamos a concesión do premio Nobel de literatura ao escritor francés Patrick Modiano, un novelista de educación exquisita -entre os seus mestres está R. Quenau, aquel de Exercicios de estilo-. Modiano ten organizada a súa obra literaria en torno ao motivo recurrente da ocupación nazi de Francia durante a segunda guerra mundial. Os personaxes da súa obra son dunha enorme fondura humana, aínda que os seus comportamentos non son sempre moi racionais nin emocionais. Entre os recoñecementos á súa obra, conta co  prestixioso premio Goncourt e co premio da Academia Francesa e agora co Nobel. 

A continuación, déixovos un fragmento dunha das súas obras traducidas no noso país. A obra trata dun detective xubilado que emprende a tarefa de reconstruir a súa propia identidade, o cal o levará a facer unha profunda análisi da época da ocupación alemana.

Espero que vos abra o apetito. De ler. Máis. 


La calle de las tiendas oscuras (fragmento)
" Un expediente andaba rodando por encima de una mesa. A lo mejor era el del hombrecillo moreno de mirada espantada y rostro abotagado que nos había encargado que siguiéramos a su mujer, quien, por las tardes, iba a reunirse con otro hombrecillo moreno de rostro abotagado en una pensión de la calle de Vital, cerca de la avenida de Paul Doumer. Hutte se acariciaba pensativamente la barba, una barba canosa, corta, pero que se le comía las mejillas. Los ojos saltones y claros miraban al vacío. A la izquierda del escritorio, la silla de mimbre en que me sentaba yo durante las horas de trabajo. Detrás de Hutte unas baldas de madera oscura cubrían la mitad de la pared; había en ellas guías telefónicas y anuarios de todo tipo y de los últimos cincuenta años. Hutte me había dicho con frecuencia que eran herramientas de trabajo insustituibles de las que no pensaba desprenderse nunca. Y que esas guías y esos anuarios formaban la más preciada y la más emotiva biblioteca con que pudiera contar nadie, pues sus páginas recogían multitud de seres y multitud de cosas y de mundos desaparecidos, de los que ya sólo esos tomos daban testimonio. "

mércores, 1 de outubro de 2014

ARRINCA A NOVA TEMPADA

Ola rapaces! 
Como xa vos vexo algo intranquilos preguntando cando comezamos, aproveito este foro para anunciar o inicio da nova tempada, e xa vai pola quinta se os cálculos non me fallan.
Entón, o vindeiro martes día 14 de outubro teremos a primeira xuntanza. Os que queiran quedar a comer que traian o seu bocata. Os que prefiran vir logo que veñan ás 15,30 con moitas ganas de comezar a ler, falar de libros e de todo o que se nos ocurra.
Esta invitación quere mobilizar especialmente aos novos alumnos. Os pequerrechos de 1º ESO, pero tamén os de 1º de BAC e todos os que este ano queiran disfrutar desta experiencia que, está demostrado, enriquece a todos.
Vémonos pronto!