xoves, 16 de marzo de 2023

NOVA SESIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Onte tivemos finalmente a nova xuntanza do Club de Novela Gráfica tras a paréntese dos exames. Tivemos a nova de que se incorporaron dous rapaces de cuarto da ESO, Ruán e Sergio.



Tiñamos que ler V de Vendetta. Trátase dun relato de Allan Moore deseñado por David Lloyd, no que imaxina un futuro distópico tras unha guerra nuclear. O mundo queda moi reducido e en Inglaterra, que quedou en pé, goberna un partido fascista. Un personaxe disfrazado coa máscara de Guy Fawkes, o héroe que conspirou en 1605 contra a Cámara dos Lores, busca devolver a liberdade ao pobo. 



Cando se publicou a novela entre 1982 e 1985, tivo tanta repercusión que moitos lectores pensaron que a situación reflectida nun futuro 1997 tiña chiscadelas coa actuación do partido conservador de Margaret Thatcher neses anos. De feito, aínda houbo manifestacións contra o thatcherismo nas que participaron persoas co disfraz do personaxe da novela gráfica.



En 2006 estreouse a película co mesmo título que adaptaba a novela gráfica. Dirixida por James Mc Teigue con Natalie Portman e Hugo Weaving, serviu para volver poñer de moda o cómic.


Algúns leron a novela, outros soamente viron a película. Sergio contounos que lle gustara moito. Falamos tamén de distopías. Citamos títulos da historia da literatura como a de 1984 de Georges Orwell. Observamos acerca do contraste entre as distopías e a vida cotiá. 

Despedímonos coa cita para a vindeira xuntanza que será cunha versión dun clásico romántico: Orgullo e prexuizo de Jane Austen.


domingo, 5 de marzo de 2023

O DÍA DE ROSALÍA

 Ola rapaces. 

Como todos os anos, no centro celebramos o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Un grupo de alumnos de ESO e de Bacharelato, uníronse á celebración participando coa proposta da AELG.



O lema foi "Cumpriuse a xustiza". A actividade consistía en escoller ou recrear poemas de Rosalía acompañados de fotos actuais de guerras, catástrofes, vulneración de dereitos humanos...

Os poemas deberían responder á pregunta "Que diría Rosalía?"

Os traballos expoñense no corredor principal do centro. Dende o blog da biblioteca mostramos algunhas imaxes. Podemos ver como os textos da autora aínda poden ter vixencia. Comunícanos o seu contundente rexeitamento ante calquera inxustiza que golpea á humanidade. 



Parabéns, rapaces, polo voso traballo de profundización nuns textos que poden aínda conmovernos!