xoves, 21 de novembro de 2024

CLUB DE NOVELA GRÁFICA. SEGUNDA SESIÓN COAS ALUMNAS DE 1º ESO

Ola rapaces!

O mércores tivemos a segunda sesión do Club de Novela Gráfica coas rapazas de 1º de ESO. Leron a segunda parte da novela gráfica de Lucy Knisley: Truco o beso, moi apropiada para as datas do Samaín.


Aínda que non todas puideron rematala, as pequenas comentaron que lles gustou  moito a novela. Do mesmo xeito que Jen, a protagonista da historia, ante a actitude da súa irmá Andy, elas sentíanse un pouco sorprendidas dalgunhas reaccións atopadas a chegar ao instituto. Desde cando os rapaces deixan de ser soamente amigos? 

María, a profe de E. Plástica axudounos a comprender mellor aspectos técnicos do debuxo. Tras repartir a seguinte novela, Ellas, de Kid Toussaint, despedímonos ata xaneiro. 



venres, 15 de novembro de 2024

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces!

O pasado xoves tivemos a primeira xuntanza da sección de 3º e 4º da ESO do Club de Novela Gráfica. Escoitamos agudos e maduros comentarios sobre a novela Cuando brillan las estrellas de Victoria Jamieson e Omar Mohamed. 


Baseada na historia real de Omar, un pequeno somalí que habita nun campamento de refuxiados en Kenia, a novela transmítenos a súa longa espera ata atopar o permiso de residencia. Omar coida do seu irmán pequeno e enfermo, aprende unha nova lingua, loita por acudir a clase, chora a ausencia da súa nai, discute cos seus amigos, e sempre agarda e agarda, mentres mira as estrelas.


Unha gran lección de vida para nós, que, aínda que non carecemos de nada, tantas veces nos queixamos... 



sábado, 9 de novembro de 2024

XUNTANZA CLUB DE LECTURA COS RAPACES DE SEGUNDO DE BAC

Ola rapaces!

O pasado mércores tivemos a xuntanza da sección de Novela Gráfica dos rapaces de 2º de BAC. Estamos moi ledos de ver que, no medio de tantos exames, vinte de vós tiveches tempo de ler Cuando el viento sopla e de vir falar da súa lectura. 

Pero, rapaces, na vindeira semana, desexamos que faledes un pouquiño máis das vosas impresións, e que non vos teñamos que interpelar.

O caso foi que a xuntanza estivo animada polas explicacións dun nutrido grupo de profes de distintas materias que aconsellaron novos xeitos de achegarnos a obra de Raymond Briggs. Especialmente María Lanza nos fixo reflexionar sobre a cor e o tamaño das viñetas e o tempo de realización desta obra.

Unha parella de anciáns, no clima da guerra fría, sofre o medo dunha bomba nuclear, angustiados pola  soidade, as lembranzas dos bombardeos nazis... 


O ilustrador consegue que a súa incerteza produzca en nós tenrura e emoción...

 

Vémonos na vindeira xuntanza que será con Persépolis de Marjane Satrapi. 

xoves, 7 de novembro de 2024

ACTIVIDADES DE SAMAÍN

Ola rapazada!

Durante o mes de outubro tivemos no noso centro dúas actividades relacionadas co Samaín: o concurso de microrrelatos e a lectura de contos de medo dos compañeiros e compañeiras de Literatura Galega do Século XX e a Actualidade para o alumnado de 1º da ESO.

Respecto ao concurso de Microrrelatos, desde a Biblioteca e Dinamización Lingüística estamos moi contentos coa altísima participación neste concurso. Foi moi difícil determinar os microrrelatos gañadores. Había tantos terroríficos...



Estes son os gañadores recollendo o seu premio nas súas aulas:

  • 1 e 2 ESO
    • Primer premio: "As sete meigas" de Iria Zaragoza López de 2º D.

    • Accésit: "Os homes lobo non son fantasía" de Noa Seoane Rubiños de 2º D.


  • 3 e 4 de ESO
    • Primer premio ex aequo: Antón Corral Rodríguez de 3º D.

    • Primer premio ex aequo: Sofía Bores Caruncho de 3º A.

    • Accésit: "Terror no dentista" de Alejandro Romero Soto de 3º C.

Parabéns para elas e eles!!!

Os seus microrrelatos colocaranse nun posto especial na biblioteca e pronto os publicaremos no blog.

Se falamos das lecturas de contos de medo temos que citar a Laura, Lola, Antón, Thién, Carlos, Sofía e Helena son  os alumnos de 1º de Bacharelato que cursan a materia de Literatura Galega.

  

Nesta materia escolleron e adaptaron distintos textos da historia da nosa literatura relacionados co misterio, co medo e con personaxes propios da nosa tradición para lerllelos aos compañeiros máis novos do centro, os de 1º da ESO. Ademais acompañaron os textos de imaxes e sons para facelos aínda máis misteriosos!


luns, 4 de novembro de 2024

O CLUB DE NARRATIVA XUVENIL COMEZA CON RESISTENCIA DE ROSA ANEIROS

Ola rapaces!

Unha nova sección do Club de Lectura comezou hoxe. Trátase do Club de Narrativa Xuvenil de 4º da ESO e 1º de BAC. Comezamos coa lectura de Resistencia de Rosa Aneiros. Acudiron un grupo de 10 rapaces que comentou animadamente as súas impresións sobre a novela, da que limos unhas 70 páxinas. En decembro a remataremos. 

Ambientada en Portugal, a historia, que supón o debut de Rosa Aneiros na narrativa, cóntanos a vida de varias xeracións entre os anos 20 e 90 so século XX. Compre destacar a historia de amor entre Dinís e Filipa, abocada ao fracaso polas súas diferencias sociais, pero que está chamada a resistir...