luns, 30 de xuño de 2014

NOVAS ADQUISICIÓNS II: CIENCIAS NATURAIS, FÍSICA E QUÍMICA

Como dixemos noutra entrada, a biblioteca está a mercar fondos das áreas de ciencias para actualizalos. De igual xeito que en Economía, os Departamentos de Ciencias Naturais e de Física e Química facilitáronos títulos divulgativos das súas áreas de coñecemento e a biblioteca os adquiriu para uso e disfrute de todos: profesores e alumnos. 
Tedes dende unha biografía novelada de Madame Curie, atá varias novelas que transcurren en laboratorios ou en centros de investigación, a libros divulgativos de astronomía escritos por Stephen Hawking, ou os libros de relatos de Gerald Durrell, entre outras moitas opcións.
Acercade ao panel de itinerarios lectores da nosa biblioteca e disfrutade este verán coas lecturas científicas máis refrescantes.


Ata pronto!

venres, 27 de xuño de 2014

ACTOS DE CONMEMORACIÓN DO 50 ANIVERSARIO

Xa vos digo sempre que estou tan atarefado que as miñas crónicas van saíndo con moito retraso. Pido disculpas de novo. Antes de pechar o curso, convén facerse eco do fermoso acto que o pasado día 18 tivo lugar no salón de actos para celebrar o noso 50 aniversario. Eu escapeime e disfrutei dende o meu recuncho de todo o evento.
Álvaro Gutiérrez fixo de presentador, coma sempre, coa súa soltura habitual. O acto abriuse coa actuación dun cuarteto de corda, no que destacamos a presenza de dúas amigas do noso Club: Inés Amarelo, xa fai máis tempo, e Andrea Trillo, ás que desexamos moitos éxitos musicais e universitarios.
Logo dos discursos da directora, da presidenta da ANPA, do alcalde de Ferrol (exalumno do centro) e do Director Xeral de Política Lingüística, chegou o momento da estrea mundial do documental que fixeron os alumnos da man de Suso. Parabéns polo excelente traballo!
E para rematar o grupo folklórico raparigos, con Juan Silvar ao frente, moi elegantes e afinados puxéronos os cabelos en punta coas súas interpretacións.
Feliz aniversario para todos!

luns, 23 de xuño de 2014

A NOSA FESTA

Pois si, rapaces, a festa de tartas foi un éxito! Xa vai uns días dela, pero estiven moi atarefado rematando a decoración e catalogando novidades e non vos puiden falar do evento amodiño.

Pero non podo pasar por alto facerme testemuña das exquisitas creacións da repostería que mirei e probei o pasado martes. Doces de todos os sabores, cores e formas fixeron que a miña loita cos meus calzóns tiña un pouco máis de épica, porque gañei unhas poucas talliñas de máis. Que imos facer!


Alegreime especialmente de atoparme cos rapaces de 2º de Bacharelato como Luis, María, Andrea, Carolina, Álvaro e Elisa, que non esqueceron vir a visitarnos antes de partir, algúns para os seus destinos universitarios. Grazas.


E a todos, deséxovos moita sorte coas notas (que a vais ter) e un verán chéo de diversións e bos libros! 

Vémonos o curso que ven.

sábado, 14 de xuño de 2014

V FESTA DAS TARTAS LITERARIAS

Rapaces, o que estábades esperando xa esta aquí, a nosa increíble despedida, a nosa insuperable FESTA DAS TARTAS! 
Vos esperamos a todos, e tamén aos que remataches o selectivo e sempre nos seguistes fielmente.
Non esquezades traer a mellor das vosas creacións de repostería!



CONFERENCIA DE GUILLERMO LLORCA

Hola rapaces!
Onte, dentro do ciclo de conferencias programadas para conmemorar o Cincuenta Aniversario do noso Centro, tivemos o pracer de escoitar ao noso antigo profesor Guillermo Llorca. Falou dunha "Aproximación a historia da educación en Ferrol" para os alumnos de 4º de ESO e 1ª BAC. A presentación estivo a cargo de Román, o profe de Latín, que lembrou con agarimo os 27 anos compartidos con Guillermo nestas mesmas aulas.

Guillermo recoñeceu a algún dos seus antigos alumnos entre o auditorio e, coa súa ironía habitual, nos ilustrou sobre os retos que para acadar unha educación pública e universal de calidade na nosa cidade os nosos ancestros houberon de superar. Dende os lonxanos tempos en que había que coller "o vaporcito" a Coruña para examinarse alí, pasando polas academias, internados, escolas de maestría, colexios relixiosos, británico... ata chegar ao primeiro instituto da cidade, o Concepción Arenal. E logo, fai agora cincuenta anos, chegamos nós, o feminino, o Sofía Casanova. 
Rematamos cunha boa pregunta que lle fixo Guillermo a André Múñiz e que nos vén ben a todos para reflexionar: 
Por que agora, con tantos medios e facilidades, non saen máis Premios Nobel entre os nosos alumnos?
A ver si algún se aplica o conto!


xoves, 5 de xuño de 2014

MICROESCRITURA

Pedimos a Emilio que nos contara a experiencia do Obradoiro de Escritura que dirixe e o fai ao seu estilo:

OBRADOIRO DE (micro)ESCRITURA

Todo texto breve que empeza e ¿acaba? é microescritura. Que sexa literatura é outro cantar, pero no horizonte do Obradoiro (OmE) tal condición aparece xa desde o principio como a súa finalidade natural. No fondo, como Kipling, todos queremos escribir o conto máis fermoso do mundo.
Velaiquí un listado improbable de microxéneros:
  • Titular xornalístico Aforismo Anécdota verídica / sucedido pintoresco
  • Haiku Esquela Discurso político mitineiro Graffiti Greguería
  • Carta de amor Carta de desamor Carta de odio, directamente
  • Nota de suicidio (exemplar, se é de Vila-Matas) Panxoliña
  • Escolio a un texto implícito Chiste verde (ou non) Chiste mariano Xaculatoria
  • Programación Didáctica Post-It para neveira ou lavalouzas
  • Informe do psiquiatra forense de garda Atestado policial Adiviña, adiviñanza
  • Informe do profesor encargado da aula de convivencia Jingle publicitario Caligrama
  • Nome de pía de Agustín Lara (microxénero hápax legomenon)
  • Solicitude de emprego doméstico no taboleiro do súper Message in a bottle
  • Pregunta capciosa / filípica, de polo menos 2 tonantes minutos, con 4 subordinadas, 3 aposicións (unha delas digresiva meramente) e 5 ½ finas ironías do profe de Filosofía
  • Anuncio de bebida isotónica Pesadelo por escrito Epitafio Entrada do D.R.A.E.
  • Entrada do día de San Valentín do mítico Diaaaario adolescente (con ou sen debuxiños de corazóns, smilies, coitelos, faragullas e unicorños rosas)
  • Nota de prensa, sección Ecos de Sociedade Receita de cociña luguesa caseira
  • Instrucións de montaxe dun armario de lavabo Godmorgon con 2 caixóns
  • Declaración de (boas) intencións de Primeiro de Ano Pé de foto
  • e CONTO CURTO


Temos a intención de continuar o ano que vén, pero polo de agora levamos feito:
- algunha pescuda de microxéneros de xornal
- un intento de conto fantástico-humorístico que non callou ( a outra proposta era algo de dark fantasy, pero alguén tiña medo de sufrir pesadelos, e desbotouse)
- variacións sobre o coñecido microrrelato do dinosaurio de Monterroso
- un conto a 4x2 mans algo tolo, e aínda por rematar
- unha pequena obra de teatro aportada por Diego
- fragmentos para lectura e discusión da opus magnum de Pepe, “Leyendas de Jinmei”
- unha dicusión sobre a posible mascota do OmE (un librocán, un gatolibro, un librogatocán, un rato de biblioteca escribidor, …), con suxerencias para dibuxala

Do dito xa se bota de ver que hai máis futuro que presente no OmE, e máis brincadeira que académico currículo tamén. A cousa évos perder o medo a que se lea o que escribides, pasalo ben e ¿mellorar? co tempo.

Emilio dixit.

CONFERENCIA DE CHARO MARTÍNEZ SOBRE SOFÍA CASANOVA

Dentro dos actos programados para celebrar o noso cincuentenario, o martes pasado tivemos o pracer de escoitar á sabeduría feita persoa, a Charo Martínez, antiga profesora e máxima especialista mundial sobre a figura de Sofía Casanova. Que ben o fixo! Que ameno! Que profundo, á vez! Fomos uns privilexiados de asistir a dita conferencia e que a partir de agora ningún de nós poderá dicir que non sabe por que se chama así o seu instituto.
Penso que deberiamos aproveitar máis esta oportunidade e volver invitar a Charo o vindeiro ano. Tal vez ao Club de Lectura, onde poderiamos plantexarnos ler algunha das obras da escritora coruñesa. Que pensades, rapaces?

GRAZAS, CHARO!


mércores, 4 de xuño de 2014

GRADUACIÓN DA 50 PROMOCIÓN

O venres pasado, no noso reestreado salón de actos tivo lugar unha das cerimonias máis entrañables que poden celebrarse no curso académico, a graduación dos novos bachareis. Todos eles moi fermosamente ataviados coas súas mellores galas. Os mestres de cerimonia foron Álvaro e Vanessa e entre as actuacións das que poidemos desfrutar destacamos: o baile flamenco de Raquel, as cancións de Enrique, a música do grupo do conservatorio no que actuaban Álvaro e Laura. Non faltaron, claro, os discursos da nosa directora e de dúas alumnas, Yaiza e Andrea. 
Os alumnos tiveron o detalle de premiar o labor dos nosos compañeiros que van xubilarse como Enrique, Manu, Mariano, María José e Luis.
Logo dun piscolabis no patio, fomos cear no local do Toxos e Froles. E a festa durou ata altas horas da madrugada.  
Parabéns a todos e agora moito ánimo para o selectivo!

2ºB coa súa titora, Concha

luns, 2 de xuño de 2014

ESTREA DA OBRA "O TESTAMENTO DO TÍO NACHO"

A semana pasada tivo lugar no noso recentemente arranxado salón de actos a representación da obra baseada no conto de Francesc Eiximenis, O testamento do tío Nacho dirixido polo profesor de Matemáticas José Luis Paz e protagonizada por alumnos do grupo de teatro do noso centro. Estes alumnos (pertenecentea a cursos dende 1º ESO a !º BAC) levan ensaiando todo o ano con moita ilusión para aportar o seu grao de area aos actos de celebración do 50 aniversario do IES Sofía Casanova. Destacamos o bo facer de todos (actores, técnicos, decoradores, músicos...) que nos fixeron pasar un bo rato coa avaricia da Maruxa para sacar o máximo proveito da herdanza do seu home.

Cartel realizado por Antía López