xoves, 21 de novembro de 2024

CLUB DE NOVELA GRÁFICA. SEGUNDA SESIÓN COAS ALUMNAS DE 1º ESO

Ola rapaces!

O mércores tivemos a segunda sesión do Club de Novela Gráfica coas rapazas de 1º de ESO. Leron a segunda parte da novela gráfica de Lucy Knisley: Truco o beso, moi apropiada para as datas do Samaín.


Aínda que non todas puideron rematala, as pequenas comentaron que lles gustou  moito a novela. Do mesmo xeito que Jen, a protagonista da historia, ante a actitude da súa irmá Andy, elas sentíanse un pouco sorprendidas dalgunhas reaccións atopadas a chegar ao instituto. Desde cando os rapaces deixan de ser soamente amigos? 

María, a profe de E. Plástica axudounos a comprender mellor aspectos técnicos do debuxo. Tras repartir a seguinte novela, Ellas, de Kid Toussaint, despedímonos ata xaneiro. 



venres, 15 de novembro de 2024

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces!

O pasado xoves tivemos a primeira xuntanza da sección de 3º e 4º da ESO do Club de Novela Gráfica. Escoitamos agudos e maduros comentarios sobre a novela Cuando brillan las estrellas de Victoria Jamieson e Omar Mohamed. 


Baseada na historia real de Omar, un pequeno somalí que habita nun campamento de refuxiados en Kenia, a novela transmítenos a súa longa espera ata atopar o permiso de residencia. Omar coida do seu irmán pequeno e enfermo, aprende unha nova lingua, loita por acudir a clase, chora a ausencia da súa nai, discute cos seus amigos, e sempre agarda e agarda, mentres mira as estrelas.


Unha gran lección de vida para nós, que, aínda que non carecemos de nada, tantas veces nos queixamos... 



sábado, 9 de novembro de 2024

XUNTANZA CLUB DE LECTURA COS RAPACES DE SEGUNDO DE BAC

Ola rapaces!

O pasado mércores tivemos a xuntanza da sección de Novela Gráfica dos rapaces de 2º de BAC. Estamos moi ledos de ver que, no medio de tantos exames, vinte de vós tiveches tempo de ler Cuando el viento sopla e de vir falar da súa lectura. 

Pero, rapaces, na vindeira semana, desexamos que faledes un pouquiño máis das vosas impresións, e que non vos teñamos que interpelar.

O caso foi que a xuntanza estivo animada polas explicacións dun nutrido grupo de profes de distintas materias que aconsellaron novos xeitos de achegarnos a obra de Raymond Briggs. Especialmente María Lanza nos fixo reflexionar sobre a cor e o tamaño das viñetas e o tempo de realización desta obra.

Unha parella de anciáns, no clima da guerra fría, sofre o medo dunha bomba nuclear, angustiados pola  soidade, as lembranzas dos bombardeos nazis... 


O ilustrador consegue que a súa incerteza produzca en nós tenrura e emoción...

 

Vémonos na vindeira xuntanza que será con Persépolis de Marjane Satrapi. 

xoves, 7 de novembro de 2024

ACTIVIDADES DE SAMAÍN

Ola rapazada!

Durante o mes de outubro tivemos no noso centro dúas actividades relacionadas co Samaín: o concurso de microrrelatos e a lectura de contos de medo dos compañeiros e compañeiras de Literatura Galega do Século XX e a Actualidade para o alumnado de 1º da ESO.

Respecto ao concurso de Microrrelatos, desde a Biblioteca e Dinamización Lingüística estamos moi contentos coa altísima participación neste concurso. Foi moi difícil determinar os microrrelatos gañadores. Había tantos terroríficos...



Estes son os gañadores recollendo o seu premio nas súas aulas:

  • 1 e 2 ESO
    • Primer premio: "As sete meigas" de Iria Zaragoza López de 2º D.

    • Accésit: "Os homes lobo non son fantasía" de Noa Seoane Rubiños de 2º D.


  • 3 e 4 de ESO
    • Primer premio ex aequo: Antón Corral Rodríguez de 3º D.

    • Primer premio ex aequo: Sofía Bores Caruncho de 3º A.

    • Accésit: "Terror no dentista" de Alejandro Romero Soto de 3º C.

Parabéns para elas e eles!!!

Os seus microrrelatos colocaranse nun posto especial na biblioteca e pronto os publicaremos no blog.

Se falamos das lecturas de contos de medo temos que citar a Laura, Lola, Antón, Thién, Carlos, Sofía e Helena son  os alumnos de 1º de Bacharelato que cursan a materia de Literatura Galega.

  

Nesta materia escolleron e adaptaron distintos textos da historia da nosa literatura relacionados co misterio, co medo e con personaxes propios da nosa tradición para lerllelos aos compañeiros máis novos do centro, os de 1º da ESO. Ademais acompañaron os textos de imaxes e sons para facelos aínda máis misteriosos!


luns, 4 de novembro de 2024

O CLUB DE NARRATIVA XUVENIL COMEZA CON RESISTENCIA DE ROSA ANEIROS

Ola rapaces!

Unha nova sección do Club de Lectura comezou hoxe. Trátase do Club de Narrativa Xuvenil de 4º da ESO e 1º de BAC. Comezamos coa lectura de Resistencia de Rosa Aneiros. Acudiron un grupo de 10 rapaces que comentou animadamente as súas impresións sobre a novela, da que limos unhas 70 páxinas. En decembro a remataremos. 

Ambientada en Portugal, a historia, que supón o debut de Rosa Aneiros na narrativa, cóntanos a vida de varias xeracións entre os anos 20 e 90 so século XX. Compre destacar a historia de amor entre Dinís e Filipa, abocada ao fracaso polas súas diferencias sociais, pero que está chamada a resistir... 



mércores, 30 de outubro de 2024

EL JUEGO DE LAS GOLONDRINAS COS RAPACES DE 1º BAC

Ola rapaces! 

Hoxe tivemos na biblioteca outra inauguración, a da sección de 1º de BAC do Club de Novela Gráfica. Asistiron moitos rapaces, aínda que moitos non tiveron tempo de ler a novela proposta, El juego de las golondrinas de Zeina Abirached por falta de tempo. 


Esta novela xa a limos o vindeiro curso con rapaces que agora están en 2º de BAC e tanto lles gustou que a eliximos para comezar esta tempada cos novos integrantes do Club.


Logo da presentación de cada un de nós, na que cada quen relatou por que se anotou no club e falou do seu gusto pola lectura, comentamos o argumento da novela. 

Cóntanos a dura infancia de dous rapaces que viven a guerra do Líbano nos anos 70 do século pasado. Sen negar o horror desta situación, a autora fala da compañía dos veciños e os amigos para aminorar a dor, a ausencia dos pais. E esta historia pode axudarnos a nós para aprender a superar as dificultades da vida cotiá.  

Vémonos o vindeiro mes cunha nova proposta!


xoves, 24 de outubro de 2024

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA COS RAPACES DE 1º E 2º ESO

Ola rapaces!

Onte, precisamente o Día das Bibliotecas, tivemos a nosa primeira xuntanza do Club de Novela Gráfica con rapaces de 1º e 2º da ESO.  


Acudiron Dayana, Sara L., Sara C., Gabriela, Lucas, Emma e Carolina. Transmitiron o seu entusiasmo coa lectura de Fuera de lugar, a primeira entrega da colección de Lucy Knisley onde mostra a tres nenas que teñen que comezar unha nova vida nunha aldea trala voda dos seus pais. E precisamente o rural non será o seu...  

María, Patricia, Raquel e Dani tamén contáronos o seu parecer. E quedamos en seguir o vindeiro mes co Truco o beso, a segunda entrega da colección, que vén xenial para estas datas de Samaín.



luns, 21 de outubro de 2024

A NEVE INTERMINABLE: PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

 Ola rapaces!

Hoxe tivemos a primeira xuntanza do club de Narrativa Xuvenil. Comezamos con doce rapaces de 1º, 2º e 3º da ESO que se achegaron a novela A neve interminable de Agustín Fernández Paz. 

Con esta novela, o autor homenaxea a súa coñecida historia de medo de Cartas de inverno. Cóntanos como un grupo de guionistas acordan traballar no guion dunha serie de televisión nun refuxio da Fonsagrada, na montaña lucense, pero a neve interminable pode producir unha sorpresa. Sobre todo cando unha parella desaparece do motel... 


No vindeiro mes comentaremos o final da historia. Esperámovos!  
 



xoves, 17 de outubro de 2024

I CONCURSO DE MICRORRELATOS DE SAMAÍN

 Ola rapaces!

O Equipo de Dinamización e a biblioteca convoca o I concurso de microrrelatos de Samaín para rapaces da ESO. Estas son as bases.

OBXECTIVO: fomentar a creatividade do alumnado do noso centro en lingua galega e o seu coñecemento sobre a tradición do Samaín. 

TEMA: o Samaín, o medo e os seus personaxes: meigas, lobishome, curuxa, santa compaña, home do saco... 

PARTICIPANTES: alumnado da ESO

EXTENSIÓN: o microrrelato deberá ter un máximo de 50 palabras

FORMATO: os textos entregaranse escritos á man nun folio ou cartolina tamaño A5 (medio folio común). Poderá decorarse a cartolina con motivos do Samaín ou con imaxes que complementen o relato. 

PRESENTACIÓN: os relatos entregaranse no mostrador da biblioteca do centro. O nome da alumna/o e o curso e grupo deberán colocarse na parte traseira da cartolina. 

PRAZO: o prazo de presentación finaliza o venres 25 de outubro

O alumnado premiado será comunicado o martes 29 e lerá o seu relato na sesión de contacontos da tarde.

XURADO: formado por profesores de diversos departamentos que forman parte de Dinamización Lingüística e da Biblioteca. 

PREMIOS: O concurso convócase en dous niveis: 

     • Primeiro nivel: alumnado de 1º e 2º de ESO. 

     • Segundo nivel: alumnado de 3º e 4º de ESO.

Concederase un premio por cada nivel.

Os premios consistirán dous libros para cada alumna/o gañadora/o escollidos por ela/el. 

Tamén poderá haber mencións premiadas. 

USO DOS MICRORRELATOS:

     • Cos microrrelatos presentados farase un mural na entrada do centro. 

     • Dinamización Lingüística e a Biblioteca reservan o dereito a utilizar os microrrelatos presentados para uso didáctico. 

     • Os relatos premiados poderán ser publicados na Web do IES Sofía Casanova e nas súas redes sociais.


Animádevos a participar!

mércores, 25 de setembro de 2024

COMEZA UN NOVO CURSO, REINICIAMOS OS CLUBS DE LECTURA

 Ola rapaces! 

Hoxe tivemos a primeira xuntanza dos Clubs de Lectura. No segundo recreo o anexo da biblioteca encheuse de rapaces interesados na nova tempada de actividades da biblioteca. Dani e Lucía contaron as dúas propostas. Os mércores no segundo recreo será o club de Novela Gráfica, os luns terá lugar, tamén no segundo recreo, o de Narrativa Xuvenil. Mostraron os libros lidos o pasado curso e aclararon dúbidas.

Non puiden contar os que éramos, pero tivemos que meter moitas cadeiras! Pronto vos contaremos os horarios e os grupos resultantes para que o número de participantes non sexa moi grande e falemos con máis tranquilidade de nosas lecturas favoritas. 

Grazas por vir. 





martes, 9 de xullo de 2024

PLAN INNOVA EDU SOSTENIBLE

Ola rapaces!


Xa disfrutando das vacacións, queremos mostrarvos os resultados do Proxecto Competencial realizado en 2º de ESO sobre a artesanía e a reciclaxe. 

María Lanza apórtanos a páxina web do proxecto onde se explican os obxectivos e o desenvolvemento do traballo que ten como principal interés achegar o patrimonio artesanal galego ao alumnado para potenciar o respecto e a súa valoración. 

Traballouse, primeiro, o coñecemento dalgúns oficios e técnicas artesanais a través de visitas a museos como o  Museo Antropolóxico de Villadóniga e o Museo do Forno do Fonte en Buño. Os rapaces, no marco das visitas culturais, foron iniciados na contextualización da artesanía na nosa historia en na nosa tradición. 



No primeiro trimestre os rapaces comenzaron co labor de reciclaxe de materiais de refugallo. 


No segundo trimestre asistiron a diferentes obradoiros (de cerámica, con materiais como a arxila; de tecidos, para aprender a texer un tapiz artesanal). 

No terceiro trimestre, se diseñou o proxecto final centrado na representación dun muestrario da fauna dos peixes, como un tapiz artesanal onde se expoñen os peixes feitos de cerámica. Finalmente, montouse o tapiz colaborativo unindo todos os tapices individuais nun só que adorna a entrada do centro. A montaxe do mural coincidiu coa conmemoración do Día do Medio Ambiente, o 5 de xuño. Buscamos que os rapaces reflectiran sobre a necesidade do coidado do medio marino e a súa biodiversidade.


Os departamentos que colaboraron no Proxecto dentro do Plan Innova Edu Sostenible foron Educación Artística, Relixión, Lingua Galega e Literatura, Física e Química, Dinamización e Biblioteca.


Quedámonos co esta cita da Páxina web: 

"O coñecemento dos materiais e o medio natural onde se obteñen, amosan tanto o respecto ao medio ambiente e as paisaxes como as comunidades e os pobos que xurdiron a partires destes oficios".

Parabéns a todos polo bo traballo!



sábado, 22 de xuño de 2024

UNHAS MENINAS POSIBLES

 

Ola rapaces, 

Xa preto de rematar o curso, algúns profes queren compartir con todos os seus traballos. 

Poñemos aquí o texto da introdución feita por Emilio, da publicación realizada en Proxecto Competencial, un de cuxos volumes xa temos na nosa biblio.

"Finalizado este curso 2023-2024 de Proxecto Competencial que tivo por fío condutor As Meninas, xuntamos aquí as últimas actividades desta materia optativa. Despois de empezar aprendendo do cadro de Velázquez, de investigar a súa pegada na historia da arte (Picasso, Equipo Crónica, Manolo Valdés,…) e de transitar por un roteiro imaxinado para un Canido ben real da man amable de Edu Hermida, rematamos deseñando unhas cantas Meninas posibles, ben feitiñas (as máis delas). 


Como o traballo colaborativo é transversal  e seu, velaiquí unha montaxe combinable dos coloridos e moi diversos resultados. E como addenda, uns pequenos relatos inspirados.


Grazas a todos: Melany, Diego, Miriam, Noelia, Daniel, Eric, Iria, Laura, Manuel, Junshan, Aroa, Pablo, Yasmine, Lara, Lois, Pablo II e Roi."

venres, 21 de xuño de 2024

TRÍPTICO DE LECTURAS PARA O VERÁN

Ola rapaces!

Como cada ano por estar datas, a biblioteca os mostra un tríptico coas recomendacións de lectura para non deixar de ler durante as vacacións.

Boas vacacións para todos!

tríptico 2004





mércores, 19 de xuño de 2024

FERROLÁS SEN MÁSCARA

 Ola rapaces!

Estamos contándovos as noticias de final de curso. Aquí queremos mostrarvos o enlace a web "Ferrolás sen máscara" que resume o traballo realizado en Proxecto Competencial polos alumnos de 4º B e C sobre a pegada das mulleres ferrolás na cultura e na arte.

Nesta web creada por Nerea, Martín e Hugo podedes ver o proceso do seu traballo, os xogos, vídeos e os podcast coas entrevistas con Henrique Dacosta, Orlando Jara, Manuel Pita e Carmen Cuesta. 

Xa falamos un pouco do seu proxecto na entrada do Día da Muller. Aquí temos o traballo final que merece todos os parabéns para estes rapaces: Nerea, Martín, Hugo, Inés, Esther, Erika, Inés, Adela, Carlota,Alicia, Aurelio, Adrián, David, Rubén, Andrea, Sofía ,Laura, Yassine, Pablo, Saúl, Nourdine, Antón, Lola, Thien, Noa, Diana, Aldana, Imane, Hugo, Mario, Noel, Mario. E para a súa profe, María José.

Aquí tedes o vídeo resumo do traballo.



martes, 18 de xuño de 2024

TRABALLO INTERDISCIPLINAR SOBRE AS SINSOMBRERO

Ola rapaces!

Queríamos comentarvos o traballo interdisciplinar realizado polas alumnas e os alumnos de 4º de ESO durante este 3º trimestre sobre “As Sinsombrero”, as mulleres da Xeración do 27.

Traballouse de maneira interdisciplinar nas áreas de Lingua Castelá e Literatura con Daniel, Lingua Galega e Literatura con Lucía, e Dixitalización con Marta.

O obxectivo foi reflexionar sobre o papel activo da muller nos ámbitos culturais, artísticos e de pensamento nas décadas de 1920 e 1930, o seu olvido premeditado durante o réxime de Franco e a revalorización do seu labor.

Todo o montaxe cos vídeos e presentacións podedes disfrutalo nestes dous enlaces google site e en canva

Parabéns aos profes e ao alumnado polo seu esforzo!

xoves, 13 de xuño de 2024

COMIDA DE DESPEDIDA DOS CLUBS DE LECTURA E ROTEIRO SOBRE CINZA

 Ola rapaces!


O pasado martes tivemos un dobre evento na biblioteca. Despedimos o curso cunha comida cos alumnos da ESO, preparada con agarimo por Gloria. Logo de facernos fotos de grupo, xuntámonos na biblio para  falar da nosa experiencia durante este curso. Algúns rapaces sacaron libros para o verán.



Cos rapaces de Bacharelato (e algúns da ESO) percorrimos un roteiro tralas pegadas da novela gráfica Cinza, lida meses antes e comentada co seu autor, Xavier Alcalá. Dani explicounos algúns aspectos dos espazos da novela tan fielmente ilustrada por Manel Cráneo. 

Visitamos o Instituto Concepción Arenal decatándonos das semellanzas entre as ilustracións e a realidade: a portada, cunha profesora asomada a fiestra, o corredor das aulas, a entrada aos seminarios. Tamén visitamos a biblioteca que na época da novela era a capela do instituto.


Logo camiñamos pola praza de España comparándoa coa vella, 


Nos achegamos a praza de Armas lembrando o posto de patatas e churros de Bonilla


Na praza de Amboage disfrutamos mirando a casa familiar do protagonista e narrador, una casa modernista de Rodolfo Ucha que aínda se conserva. 


Rematamos nas rúas do Esteiro, lugar doutras aventuras. Voltamos ao noso instituto, coñecendo mellor a cidade, tantas veces transitada, sabedores agora que a compartimos con artistas que la amosan nos seus textos e nas súas imaxes.