martes, 31 de maio de 2022

PILAR BERRIO falou do seu libro no club de Lectura de Adultos

 

O pasado martes, 31 de maio foi unha ocasión especial para nós porque tivemos a oportunidade de charlar coa nosa compañeira, a Catedrática de Lingua e Literatura Española, Pilar Berrio sobre o seu último libro que leva por título, Se llamará Magdalena. Moitos dos nosos membros non poideron asistir por viaxes e imprevistos pero pese ás ausencias foi unha  cálida charla coa autora na que tivemos a oportunidade de preguntarlle por moitos detalles da obra. 

Algúns membros comentaron que esta é unha biografía novelada e pese a que as novelas históricas non son do seu gusto, recoñeceron o enorme esforzo de docuementación e o labor de divulgación que fixo Pilar da figura histórica do enxeñeiro naval Jorge Juan e Santacilia, que tanta repercusión tivo no nacemento da nosa cidade. A maioría pensamos que este personaxe, eminente científico, mariño, enxeñeiro e matemático, que tivo unha vida tan interesante, plagada  de acontecementos históricos e políticos moi relevantes, e que cunha mala saúde de ferro emprendeu  proxectos e aventuras nas que puxo en risco a súa vida,  sempre ao servizo dos intereses do reino de España e da cultura cintífica deste país, era merecedor dos esforzos de Pilar Berrio ; e así  deixase de ser para os ferroláns unha solitaria estatua dos xardíns de Herrera. Ela tenta trasmitirnos a súa fonda admiración pola talla intelectual, científica e política deste mariño pero tamén quere achegarnos ó home de profundas convicións relixiosas, membro dos cabaleiros da Orden de Malta. Nun  coidado relato no que introducindo persoaxes históricos o outros ficticios tenta achegarnos ó seu carácter cun estilo narrativo co que  loita  por conservarse fiel ós datos históricos e ás características do pensamento da época. Estivo precisamente a falarnos da dificultade de non caer na tentación de levar a novela por derroteiros máis comerciais. Falounos tamén das orixes do libro,  cando paseando pola cidade descubriu a figura de Jorge Juan e como  este feito excitou a súa curiosidade polo seu  percorrido vital. Xa engaiolada polo personaxe, engade que a nosa compañeira, profesora de Lingua e Literatura Galega, Ana Seco, insistía en animala a escribir sobre a  nosa  cidade, asegurándolle que Ferrol tiña unha novela.  Afortunadamente para todos nós seguiu os seus consellos e a novela é hoxe unha realidade.

Desde o noso blog só nos resta darlle os parabéns por esta obra e agradecerlle enormemete que nos teña acompañado nesta chuviosa tarde de verán que foi finalmente encantadora. 

PRESENTAICIÓN DO LIBRO DE PILAR BERRIO

luns, 2 de maio de 2022

GUILLERMO FERRÁNDEZ PRESENTOUNOS "LA CONFESIÓN DE SOTELO"

   


Na recente sesión do 26 de abril, o Club de Lectura de Adultos reuniuse a propósito do libro La confesión de Sotelo de Guillermo Ferrández, quen tivo a cortesía de asistir. O autor de Conacho, Las arrugas del tiempo o El ferrolano contestou amablemente ás nosas preguntas  sobre aspectos da creación literaria e, máis en concreto, acerca de detalles e curiosidades deste o seu último texto. No transcurso da suxestiva conversa xurdiron os temas fundamentais que vertebran a novela: o sentido da vida fronte á morte, as opcións individuais abertas ata o intre derradeiro, o vivir en verdade como pulsión e compromiso, a loita solidaria contra a inxustiza. Resultou una reunión interesante e mesmo  emotiva, do que hai que dar de novo as grazas a Gullermo. E deica a próxima, sempre. 

Deixamos o enlace a publicación que fixo fai un ano a nosa compañeira Pilar Berrio para presentar este libro. Para lela pica  na imaxe.

 

Non queremos despedirnos sen agradecerlle a Guillermo unha sesión moi agradable con unha conversa marabillosa da que vos deixamos imaxes.
Se queredes disfrutar desta lectura deixámosvos as primeiras páxianas.