Ola rapaces!
O pasado martes día 16 tivemos a visita do ilustrador coruñés Brais Fierro. Primeiro fixo unha sesión cos alumnos de Literatura Universal no que nos ensinou o proceso de transformación dun relato nunha obra de banda deseñada, dende o guion ata o resultado final.
Sorprendeunos coa súa grande imaxinación cando un de nós lle pediu que deseñara un sol e un ovni. En dous minutos xa tiñamos na pizarra o seu debuxo.
Tamén nos relatou detalles do seu álbum de Roxín Roxal. A daga do conde. Trátase dun texto no que Manel Cráneo aproveita una lenda medieval, ambientada en Pontedeume, sobre os amores dun escudeiro coa filla do conde de Andrade. A partir do guion, Brais tivo que ilustralo. Contounos moitas anécdotas, por exemplo, como logo de ter deseñadas casi corenta imaxes do conde, ningunha foi a definitiva.
Desde logo a todos quedounos claro que é un oficio apaixonante, pero que require moito esforzo.
Nunha segunda sesión máis íntima, Brais quedou cos participantes do Club de Novela Gráfica. Dedicounos o seu álbum cun debuxo especial para a nosa biblioteca. E sacounos de cantas dúbidas se nos foron ocorrendo a propósito da banda deseñada, da arte en xeral, do seu método de traballo.
Pensamos que o vindeiro curso pode vir facer un obradoiro máis longo. Tal vez algúns de vós atoparedes o voso futuro profesional.