venres, 30 de xaneiro de 2015

O DIARIO DE ANNA FRANK NO DÍA INTERNACIONAL DA PAZ

A lectura (ou relectura) desta obra non pode deixar indiferente a ninguén. Dende logo, non estamos ante un libro máis dos que lemos mensualmente no noso Club. Por iso, saltándome esta vez o costume de falar a través de Socas, quixera abrir o meu corazón. 
Estes días, preparando a vindeira sesión do 10 de febreiro, mergulleime no universo desta rapaza que morreu coa idade que ten a miña filla e moitos de vos. Lín de novo o Diario, devoreime unha nova versión en cómic que vos recomendo e que recorre os antecedentes da historia así como o triste final da mesma. 


E, por último, voltei ver a película dirixida por George Stevens en 1959. O pai de Anna, o único supervivente dos oito agochados, quixo que a protagonizara Audrey Hepburn polos paralelismos vitais entre a súa filla e a actriz, así como o seu parecido físico. Pero entón a actriz xa contaba con 30 anos... e, con gran pesar, declinou a invitación de meterse na pel dunha moza que sufriu o mesmo inferno, na mesma cidade que ela, e coa súa mesma idade. 


A miña filla viaxa dentro de pouco a Amsterdam e, por suposto, ten moitas ganas de visitar "a Casa de atrás", que é como chamaban os alí agochados ao piso onde permaneceron a salvo durante máis de dous anos. Non esquecemos que oito persoas poideron estar alí (en menos de 70 m2) grazas a axuda dos chamados "benfeitores", holandeses non xudeus que, con grande risco das súas vidas, alimentábanos e mantíñanos ao tanto dos avances da guerra. 


Cando pensas que foron delatados e, por conseguinte, apresados e levados a campos de concentración, onde sufriron todo tipo de pensalidades e acabaron morrendo (todos menos Otto) case a piques de ser liberados, podes pensar que todo o seu sacrificio e todas as súas vivencias na Casa de atrás foran inútiles. Como ás veces dicía Margot Frank, moi desanimada, case era mellor que os colleran e todo rematara. Pero logo me paro a pensar que se non, non habería Diario, e que pagou a pena permanecer agochados, tentar de sobrevivir, mirar ao futuro con esperanza. Así o encarou a propia Anna, así o quixo transmitir no seu libro, unha verdadeira testemuña de que no medio das peores situacións, o ser humano aférrase a vida. E sempre os xoves teñen algo que dicir. Ela queixábase de que os maiores da Casa xa tiveron a súa oportunidade de disfrutar da vida, do amor, da natureza, dos libros. E que tanto a súa irmá, como Peter, o seu descuberto amor, non a tiñan. Pero as súas palabras dirixidas a Kitty, o seu diario, nos animan a todos a vivir máis e mellor, Aproveitando os agasaios da vida e loitando para facer deste mundo un sitio onde xamais poidan repetirse holocaustos coma este. É unha feliz coincidencia que hoxe sexa o Día Internacional da Paz.



Sinto poñerme tan solemne. Pero espero con afán que o Diario vos remova por dentro tanto coma a mín. E que poidamos ter unha fantástica sesión, da que espero que logo saian máis lecturas, nun itinerario lector sobre a deportación e o holocausto do que xa iremos falando. 
Pilar

mércores, 14 de xaneiro de 2015

SESIÓN DO NOSO CLUB

Ola rapaces! 
Pois si, a sesión sobre Harry Potter que tanta expectativa creara cumpriu de sobras coas mesmas. Penso que os amantes do mago de Hogwarts saíron ben servidos. Pois tanto Juan Esteban (4º ESO) como Daniela (3º ESO) fixeron ben o seu traballo e non soamente acadaron que nós trasladaramos ao universo de J.K.Rowling, senón que tamén nos explicaron con gran paciencia moitos dos segredos da saga como os motivos da ancestral rivalidade entre o mago e lord Voldemort, os efectos dalgúns feitizos, o pasado de Dumbledore, así como o dos pais de Harry, etc.

Foi todo un luxo reler convosco esta monumental saga.

E agora, que nos espera? Pois un salto acrobático tanto de xénero como de temática:
O Diario de Anna Frank. Unha obra que rezuma realidade por todos os seus poros. As vivencias dunha rapaza adolescente agochada nun piso de Amsterdam durante a ocupación nazi.
Espero que vos guste tanto o máis co anterior. Vémonos.

mércores, 7 de xaneiro de 2015

FERROLÁNS DO ANO

Ola rapaces!
Estou a perder as boas formas. Desculpade. Pois non pasaron as festas sen case ter comunicación convosco? Aínda que para fin de ano unha foto miña, moi arregladiño e disposto a ir de marcha, petou as redes sociais. Pero polo blog non felicitei o novo ano. 


Así que aproveito que hoxe estamos de patrón, San Xiao, e que precisamente hoxe a nosa directora recolleu o galardón de "Ferrolán do ano", para o noso instituto polo seu 50 aniversario, no teatro Jofre, para cumprir coa obriga de desexarvos un boísimo ano. Que sexa tan venturoso como o que rematamos. Que a biblioteca continúe a ser referencia no centro pola súa agarimosa acollida a todos, polo seu apoio ao estudo, pola súa promoción de actividades culturais, e polo seu compromiso cara a animación a lectura.
Espero que, logo do merecido descanso do Nadal, no que coido que aproveitachedes para ler moito, veñades con forza. Polo de pronto, o vindeiro martes día 13 xa temos a xuntanza do Club de Lectura, co último libro da saga de Harry Potter. 
Vémonos!

Unha boa representación do centro na entrega de premios. San Xiao 2015