Ola rapaces!
Antes que nada, quixera desexarvos unhas felices vacacións de Semana Santa, nas que espero que aproveitaredes para ler e descansar.
Pero antes aínda vos debo unha reseña da pasada xuntanza do noso Club de novela histórica do martes día 20. Con tantos exames e avaliacións, de verdade, que non tiven nin un minuto para facela.
Pero agora é o momento.
Como sabedes, tocábanos ler O frío azul de Ramón Caride, unha apaixoante aventura ambientada en terras que coñece moi ben o autor -nado en Cea-, lugares da montaña ourensá e lucense tan fermosos como Doncos ou Oseira.
Alí mestúranse as lendas da muller corza coas peripecias de Lourenzo o abade. A expulsión dos xudeus coa vida dos monxes do mosteiro de Oseira, un lugar anclado no tempo e aínda hoxe cheo de vida, e que pode visitarse física ou virtualmente.
As dúas Danielas fixeron a presentación e logo todos xogamos ao Pasapalabra que nos preparou Eva e que gañou un avantaxado Javi.
Disfrutamos tamén na comida da compañia dos rapaces correspondentes e pasámolo, coma sempre, moi ben.