mércores, 27 de marzo de 2019

PÓSTER DO VOLUNTARIADO DA BIBLIOTECA


Ola compañeiros!

Este ano participamos na exposición de pósteres do Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondente ao curso 2018/2019, presentando unha síntese da nosa experiencia co voluntariado da biblioteca. Deixamos aquí a imaxe.

domingo, 24 de marzo de 2019

O VOLUNTARIADO CELEBRA O DÍA DA MULLER

Ola rapaces!
Esta volta todo vai con retraso. Síntoo. Celebramos a nosa xuntanza de voluntariado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o día 20 de marzo en vez do 8. E non facemos o resumo da mesma ata agora. Temos tantas cousiñas nestes días, que, como comezara, esta volta todo vai con retraso.
Pero vai, que é o importante.
Imos ao noso. O día 20 o grupo de voluntariado reuniuse para xantar xuntos. Non eramos moitos, por culpa dos exames. Pero en fin... Ensaiamos un poema precioso de Manuel María e fixemos un cartel co tema das estatuas de sal. Esta metáfora, de raíces bíblicas, ocorreuselle a Vily (a quen se non) e a verdade que fala moi ben da evolución do rol da muller dende 80 anos atrás ata o de agora. Nel representabamos tres estatuas de sal, tal como describimos no nosa programación da biblioteca para esta xornada do que vos deixamos unha pequena explicación.

Tentamos centrar a reflexión deste día no traballo feminino e en concreto nos labores asignados socialmente a este rol. Falamos de mulleres traballadoras e con ese termo tradicionalmente referiamonos ás mulleres que traballaban fóra da casa. De xeito que se nos educou na idea que a nosa liberación feminina pasaba por formarnos para exercer un posto de traballo e ter independencia económica. Porén, a realidade foi outra, acadamos os postos de traballo e a independencia económica e comprobamos como recaía en nós boa parte do traballo dentro dos fogares e no coidado dos fillos, enfermos, pais e dependentes en xeral.
En termos de traballo non se recoñece a aportación económica das mulleres do rural e do mar e noutros sectores que traballaron dentro e fóra da casa ao lado dos homes. Nin se remunera ou cuantifica economicamente o traballo dentro do fogar e o cuidado dos fillos... Ese traballo é invisible para os estados pero afórralle moita inversión en sistemas de sostemento social.
Queremos con esta imaxe destacar o tratamento social que ten esta aportación do traballo das mulleres en actividades non remuneradas que as converte en estatuas de sal, facendo invisible o seu traballo.



Deste xeito, o noso mural das "Estatuas de sal" representa:
  • A muller de 80 anos que deixa a escola aos 12 anos, traballa na casa e non gaña ningún salario (esta muller podería ser calqueira das señoras do xeriátrico). O seu rostro non pode verse porque o tapa a estatua da sal. A totalidade do seu traballo é invisible.
  • A muller de 60 anos, viúva, que estudou un pouco máis, traballou na casa sen recoñecemento nin remuneración. Sobrevive cunha pequena pensión do seu home xa falecido. Podemos ver o seu rostro saíndo dun corpo de sal, por pequenos elementos de independencia económica.
  • A muller de 40 anos, puido estudar unha carreira universitaria, traballa fóra da casa e ten traballo remunerado pero as tarefas da casa  seguen a ser sen remuneración, aínda que pode contratar a alguén para facelas. A súa silueta emerxe da estatua de sal porque  unha parte do seu traballo é  visible.
Cando fomos ao xeriátrico, Cynthia presentou as nosas actividades. Logo Alba explicou o cartel. Por último, Alex, Diego, Sara, Pablo, María e Laura leron con gran sentimento o fermoso poema sobre "A muller galega" de Manuel María.
Pero o mellor chegou ao final. E, como soe suceder, sen preparación. Comezamos falar coas señoras acerca da súa experiencia vital e Andrea saíu ao estrado para agradecerlles o seu labor e a súa loita. Coido que a máis de unha escapouselle algunha bágoa.

venres, 15 de marzo de 2019

ÚLTIMA XUNTANZA DO NOSO CLUB DE ROMÁNTICA

Ola rapaces! 
Xa, xa sei, vou con retraso... A nosa última xuntanza foi xa o pasado martes 12 pero aínda non tiven tempo de facer a entrada. Con tantos exames...
Pero basta de queixas e imos ao resumo. Logo de xantar todos xuntos (os de manga e os de romántica) fixemos unha primeira parte da reunión todos xuntos. Neses minutos Vily fixo unha fermosa presentación sobre as Mangakas, que para os profanos quiere decir, as escritoras de manga. Que, por certo, son lexión. Algúns dos títulos máis importantes do xénero son fillos de escritoras. Pero os interesados podedes entrar na presentación que deixaremos máis abaixo.
Logo, xa soamente os de romántica, tivemos unha sesión fotográfica un pouco lúdica e xa María del Pilar e Laura presentáronos a novela deste mes: El cuaderno de Noa de Nicholas Sparks. Gustounos moito tanto a novela como a súa presentación na que falaron das dúas historias da parella protagonista: a vella cando eran xóvenes e a actual cando son velliños e ela ten alzheimer polo que el xe le o seu diario para axudala a revivir a súa propia historia.

O noso próximo encontro será a volta da Semana Santa, o mesmiño Día do Libro. con Eleanor y Park de Rainbow Rowell. 

venres, 8 de marzo de 2019

8 DE MARZO. DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Ola rapaces!
Hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller Traballadora. Á marxe de consideracións políticas, é preciso lembrar que este día xurdiu para reivindicar a igualdade de xénero; para esixir o cese da violencia contra a muller; para recordar que todos os días son Días da Muller; para empoderarnos todas; e, no noso campo educativo, para tentar que cada día as discriminación entre nenas e nenos, rapaces e rapazas sexan cousa do pasado... 
Desde a biblioteca estamos a traballar nunha unidade didáctica sobre o tema, baixo a fermosa imaxe das estatuas de sal. Proximamente mostraremos aquí dita unidade, que vén reforzada por un feixe de vídeos, pósters, actividades... 
Polo momento soamente queriamos deixar constancia do noso compromiso coa coeducación, a igualdade de oportunidades, a desaparición dos desequilibrios educativos. Porque precisamente, no noso mundo educativo o mal chamado "sexo débil" non é precisamente o feminino. Informes de Pisa e outros documentados estudos falan dunha brecha entre os dous sexos no relativo ao fracaso escolar, pero como neste caso os débiles son eles, ninguen di ni fai nada. Que non teñamos aquí un novo teito que quebrar.
 Os nosos autores e autoras tamén lembraron ás mulleres que loitan a diario na vida.
...A muller galega non é dona
-tirádeo da cachola- nin a ama,
nin a raíña do fogar,
senón a compañeira fiel,
valente i amorosa
igual ó home na loita cotra a vida....
...As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polo poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:..
MANUEL MARÍA. Remol . Bos Aires : Nós, 1970