mércores, 30 de outubro de 2024

EL JUEGO DE LAS GOLONDRINAS COS RAPACES DE 1º BAC

Ola rapaces! 

Hoxe tivemos na biblioteca outra inauguración, a da sección de 1º de BAC do Club de Novela Gráfica. Asistiron moitos rapaces, aínda que moitos non tiveron tempo de ler a novela proposta, El juego de las golondrinas de Zeina Abirached por falta de tempo. 


Esta novela xa a limos o vindeiro curso con rapaces que agora están en 2º de BAC e tanto lles gustou que a eliximos para comezar esta tempada cos novos integrantes do Club.


Logo da presentación de cada un de nós, na que cada quen relatou por que se anotou no club e falou do seu gusto pola lectura, comentamos o argumento da novela. 

Cóntanos a dura infancia de dous rapaces que viven a guerra do Líbano nos anos 70 do século pasado. Sen negar o horror desta situación, a autora fala da compañía dos veciños e os amigos para aminorar a dor, a ausencia dos pais. E esta historia pode axudarnos a nós para aprender a superar as dificultades da vida cotiá.  

Vémonos o vindeiro mes cunha nova proposta!


xoves, 24 de outubro de 2024

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA COS RAPACES DE 1º E 2º ESO

Ola rapaces!

Onte, precisamente o Día das Bibliotecas, tivemos a nosa primeira xuntanza do Club de Novela Gráfica con rapaces de 1º e 2º da ESO.  


Acudiron Dayana, Sara L., Sara C., Gabriela, Lucas, Emma e Carolina. Transmitiron o seu entusiasmo coa lectura de Fuera de lugar, a primeira entrega da colección de Lucy Knisley onde mostra a tres nenas que teñen que comezar unha nova vida nunha aldea trala voda dos seus pais. E precisamente o rural non será o seu...  

María, Patricia, Raquel e Dani tamén contáronos o seu parecer. E quedamos en seguir o vindeiro mes co Truco o beso, a segunda entrega da colección, que vén xenial para estas datas de Samaín.



luns, 21 de outubro de 2024

A NEVE INTERMINABLE: PRIMEIRA SESIÓN DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

 Ola rapaces!

Hoxe tivemos a primeira xuntanza do club de Narrativa Xuvenil. Comezamos con doce rapaces de 1º, 2º e 3º da ESO que se achegaron a novela A neve interminable de Agustín Fernández Paz. 

Con esta novela, o autor homenaxea a súa coñecida historia de medo de Cartas de inverno. Cóntanos como un grupo de guionistas acordan traballar no guion dunha serie de televisión nun refuxio da Fonsagrada, na montaña lucense, pero a neve interminable pode producir unha sorpresa. Sobre todo cando unha parella desaparece do motel... 


No vindeiro mes comentaremos o final da historia. Esperámovos!  
 



xoves, 17 de outubro de 2024

I CONCURSO DE MICRORRELATOS DE SAMAÍN

 Ola rapaces!

O Equipo de Dinamización e a biblioteca convoca o I concurso de microrrelatos de Samaín para rapaces da ESO. Estas son as bases.

OBXECTIVO: fomentar a creatividade do alumnado do noso centro en lingua galega e o seu coñecemento sobre a tradición do Samaín. 

TEMA: o Samaín, o medo e os seus personaxes: meigas, lobishome, curuxa, santa compaña, home do saco... 

PARTICIPANTES: alumnado da ESO

EXTENSIÓN: o microrrelato deberá ter un máximo de 50 palabras

FORMATO: os textos entregaranse escritos á man nun folio ou cartolina tamaño A5 (medio folio común). Poderá decorarse a cartolina con motivos do Samaín ou con imaxes que complementen o relato. 

PRESENTACIÓN: os relatos entregaranse no mostrador da biblioteca do centro. O nome da alumna/o e o curso e grupo deberán colocarse na parte traseira da cartolina. 

PRAZO: o prazo de presentación finaliza o venres 25 de outubro

O alumnado premiado será comunicado o martes 29 e lerá o seu relato na sesión de contacontos da tarde.

XURADO: formado por profesores de diversos departamentos que forman parte de Dinamización Lingüística e da Biblioteca. 

PREMIOS: O concurso convócase en dous niveis: 

     • Primeiro nivel: alumnado de 1º e 2º de ESO. 

     • Segundo nivel: alumnado de 3º e 4º de ESO.

Concederase un premio por cada nivel.

Os premios consistirán dous libros para cada alumna/o gañadora/o escollidos por ela/el. 

Tamén poderá haber mencións premiadas. 

USO DOS MICRORRELATOS:

     • Cos microrrelatos presentados farase un mural na entrada do centro. 

     • Dinamización Lingüística e a Biblioteca reservan o dereito a utilizar os microrrelatos presentados para uso didáctico. 

     • Os relatos premiados poderán ser publicados na Web do IES Sofía Casanova e nas súas redes sociais.


Animádevos a participar!