domingo, 30 de novembro de 2014

SILVAR NO NOSO CENTRO

O venres 28 de novembro estivo con nós na Biblioteca Xoán R. Silvar no marco das actividades realizadas neste “Novembro, mes da ciencia en galego”. Despois de máis de trinta anos no Sofía dando clase a varias xeracións, Silvar volveu para falar aos alumnos de 2º ESO de “Lingua(s) e ciencia”. A ciencia, os tipos de ciencia, a linguaxe científica, as linguas da ciencia, a investigación da musicóloga suíza Dorothé Schubarth en colaboración con Antón Santamarina e as razóns de por que el, un rapaz de Ferrol, comezou a usar o galego na súa vida particular e profesional, foron varias das cuestións tratadas na súa exposición. Uns poucos privilexiados de 2º ESO B quedaron máis tempo e o bombardearon con preguntas sobre algunhas das facetas da súa vida: a música, a ornitoloxía, o medio ambiente, a súa tarefa como profesor, etc. Moi interesados parecían… Haberá entre eles algún futuro científico?







Continuará… Porque novembro acabaría, pero nós continuamos lendo ciencia na biblioteca e fóra dela.
CientificaMente, no Sofía.





mércores, 26 de novembro de 2014

SE POSPÓN A NOSA XUNTANZA PARA O MARTES 16 DE DECEMBRO

Ola rapaces!
Como se veñen os exames enriba, decidimos pospoñer a xuntanza de decembro para o día 16 no que estaredes máis relaxados. 

Supoño que todos saberedes que tamén cambiamos a lectura e que a que nos toca é A praia dos afogados de Domingo Villar que moderará Diego Pereda de 4ºA. Aínda que é un bo tocho, penso que vos gustará moito porque é unha emocionante intriga chea de asasinatos, sospeitosos, víctimas. Todo elo nun coñecido e fermoso paisaxe das Rías Baixas. E formando parte dunha investigación ben levada por esa peculiar parella de detectives que forman o galego Leo Caldas e o seu axudante aragonés que non acaba de entender a idiosincracia do país.
Esta saga de misterio esta sendo moi ben acollida polo público e a crítica. E tamén máis aló das nosas fronteiras.

Estaría ben que me levárades de roteiro literario pola escea do crimen.



sábado, 22 de novembro de 2014

EXCURSIÓN POLAS FRAGAS DO EUME

Pois si, o pasado xoves saín do meu recuncho nunha cestiña que levaba unha rapaza moi agarimosa de 4º C e deime unha camiñada esgotadora, malia que tonificante, polas Fragas do Eume.



Á baixada fun pingando de tanta chuvia que non cesaba de caer, Mi madriña! Case que afogo no cesto. E por pouco afúndome no fango. Mais foi chegar ao misterioso e vello mosteiro de Caaveiro, comezar a saír o sol, e atoparme cunha afastada póla da miña ampla familia: os Soqueiron de Pontedeume. Son descendentes directos do abade de san Xoan e levan alí moitos séculos coidando das sacras pedras. Invitáronme a visitar as dependencias do mosteiro e abraieime coas fabulosas vistas que disfrutan do río e do bosque. Gustoume de xeito especial o muíño e a ponte, onde botei unha man ás traballadoras rapazas a recoller follas, froitos, fieitos, cogumelos para unha gran exposición que terá lugar na entrada do instituto. Á volta, a forza do sol era xa moita e a subida foi toda unha demostración de pundonor por parte de todos: profes, rapaces e mais eu, mascota. Disque camiñanos máis de nove kilómetros e todos pasamos a proba con nota.


Agora compre rematar a nosa exposición e esperar aos vosos fermosos e fantasticos relatos de bosque. Gustaríame protagonizar algún, máis sempre me repiten que non debo ser tan vaidoso. Así que escribide do que queirades, pero non deixedes de facelo.


E, prégovos, levademe máis veces de excursión! Veño novo.

martes, 11 de novembro de 2014

A NOSA XUNTANZA SOBRE DIVERGENTE

Hoxe tivemos a nosa xuntanza sobre a primeira lectura: Divergente de Veronica Roth. Tivemos o gusto de contar con novas incorporacións como Pepe de segundo de Bacharelato e Luis de primero de ESO, e tamén coa visita dun profesor do IES Ferrol Vello, que veu para coñecer por dentro a dinámica dun Club co obxectivo de montar o seu no seu centro.
A presentación fixérona, moi ben por certo, Xiana Santiago e Lydia Ramos, de 4º de ESO C, e pronto a subiremos ao noso correspondente recuncho do blog. 
Sobre a novela houbo disparidade de criterios. A Alicia non acabou de convencerlle este libro. A Daniela gustoulle moitisimo (pregúntome cando algo non lle gustará a esta rapaza devoralibros). Como non, a obra se prestou as comparacións con outras da temática da distopía como a famosa saga Os Xogos da Fame de Suzanne Collins. Mesmo algúns de nós fixemos o test para saber en que facción entraríamos mellor ou se somos diverxentes.
Por certo, Ana falounos da obra fundacional desta temática, Un mundo feliz, de Aldous Huxley, e moitos mostraron o seu interés por lela. Así me gusta. Que novelas chamadas xuvenis nos leven a grandes clásicos.
Decidimos facer un cambio na orde de lecturas. Así que para o vindeiro mes, a novela que imos ler é A praia dos afogados de Domingo Villar, todo un refrescante caso misterioso para o detective Leo Caldas.
Boa lectura!


A NOSA BIBLIOTECA NAS V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

O fin de semana pasado tiveron lugar en Santiago as V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Nelas, a nosa compañeira Ana Seco fixo unha presentación que co título: "Alfabetizacións múltiples: experiencias de lectura no IES Sofía Casanova" expuso a transformación sufrida pola biblioteca dende que formamos parte do PLAMBE. A presentación apoiabase nun site que pode consultarse aquí.
Falounos de proxectos nos que moitos de nós participamos: Clubes de Lectura, Hora de Ler, Blogues, Itinerarios Lectores como o das Meninas, roteiros, publicacións como os libros de Rosalía o de Marcos Calveiro.
Foi ampliamente seguida e felicitada polos asistentes. E todos nos sentimos moi ledos e orgullosos desta aportación para que poida servir a outros profesores e alumnos.