sábado, 28 de abril de 2018

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!
Como esta semana foi tan completiña, aínda non fixemos a entrada da visita a Geriatros do mércores día 25. 
As palabras quédanseme curtas, pois se sempre estou orgulloso de vós, o desta volta foi incrible. Todos, absolutamente todos. Dende os Quixotes, Sanchos, ata os portadores dos muíños, pasando polo Ginés, o Garda, a Sobriña, a Ama, o Cura e o Barbeiro, e polas recitadoras de sonetos, e, como non, a nosa presentadora, todos, todiños estivestes de dez.
Parabéns! 
E grazas polo voso tempo, polo voso entusiasmo que non para de medrar. E xa somos vinte e dous!
O mellor será que botedes unha ollada aos vídeos que preparou, coma sempre, Vily.


mércores, 25 de abril de 2018

Certame Poesía e Imaxe en Galego, Sen Filtro

Ola rapaces!
 Este ano varios alumnos do centro participaron  no  Certame de Poesía e Imaxe en Galego, Sen Filtro, convocado pola  área  de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol. Da exposición que se fixo no hall do instituto, recollendo os traballos dos  alumnos de 3º e 4º da ESO de Educación plástica, visual e audiovisual, os de 1º de Bacharelato  de Imáxe dixital e os de 2º de Bacharelato de Técnicas de expresión gráfico plásticas, fixemos unha pequena presentación que vos deixamos aquí.

Visita ao IES Concepción Arenal

Ola! Onte acudimos á nosa cita anual cos membros do club de lectura do IES Concepción Arenal. Pasamos un rato fantástico grazas á hospitalidade do equipo de biblioteca liderado por Ana Vizoso e desfrutamos das capacidades artísticas excepcionais dos participantes nos clubs de lectura. Para que poidades desfrutar todos dunha parte do vivido por nós nesa reunión, deixamos o seguinte vídeo cunha interpretación espectacular dunha canción en italiano:


 

As compañeiras do IES Concepción Arenal interpretaron un lance de Os vellos non deben de namorarse, que incluíu a interpretación de Lela, e varios compañeiros leron textos de Cousas: "Cando Bieito quedou orfo" e "Chámanlle a Marquesiña".

Os participantes do club de lectura do IES Sofía Casanova recitamos tamén textos de Cousas: "No escuro caletre de Martiño", "O pai de Migueliño", "Camiño esquecido", "Si eu fose autor", "Romualdo era un home fino" e "Esta morea de pedras e tellas". Nas hiperligazóns podedes desfrutar de todas intervencións.

Moitas grazas ao IES Concepción Arenal pola vosa acollida e até o curso que vén!

martes, 24 de abril de 2018

ACTIVIDADES DO DÍA DO LIBRO: 23 DE ABRIL

Ola rapaces!
Parabéns a todos os que participastes na lectura de poemas de onte organizada polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura para celebrar o Día do Libro. 
Sodes uns magníficos recitadores de textos. 
Espero que pasarades un bo día e que teñades ganas de ler e de escribir poesía a partires de agora.
Déixovos un vídeo con algunhas imaxes do recital.




luns, 23 de abril de 2018

DÍA DO LIBRO

Ola rapaces e rapazas!

Unha entradiña rápida para felicitarvos a todos polo Día do Libro.
Sabedes que esta semaná está chéa de eventos.
  • Hoxe temos a lectura de poemas por cursos no Salón de Actos organizada polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura.
  • O martes 24 imos a visitar o Club de Lectura do IES Concepción Arenal no que faremos unha homenaxe a Castelao.

  • O mércores 25 imos a Geriatros para celebralo cunha dramatización do Quixote.   


Felices Lecturas para todos!
Cartel do Dpt. de LINGUA ESPAÑOLA

martes, 17 de abril de 2018

OS NENOS DA VARIOLA

Ola rapaces! Esta vez escribo xustiño ao remate da nosa sesión de hoxe sobre a novela de María Solar, Os nenos da variola.


Logo dalgúns problemas de última hora, Carlos fíxonos unha estupenda presentación. Falounos da vida e obra da escritora, presentadora da TVG. Contounos o argumento da novela, baseado en feitos reais, a Real Expedición Filantrópica da Variola, no ano de 1803. Describiunos os personaxes: os nenos (Ezequiel, Clemente, Inés, Benito, Tomás...); os doctores (Posse, Balmis, Salvany); as mulleres (Isabel de Zendal, Candela, a irmá Valentina...). 

Tamén vimos un reportaxe sobre a serie 22 anxos, sobre a historia épica desta expedición.


Como xa é habitual, Eva preparounos un xogo sobre a novela. Esta vez un Kahoot, moi dinámico e divertido.


Espero que vos gustara a sesión. Vémonos pronto.


luns, 9 de abril de 2018

INFOGRAFÍA VOLUNTARIADO

Ola rapaces! 
Deixamos aquí unha infografía na que podedes ver o traballo que está a realizar o grupo do voluntariado da nosa biblioteca.