martes, 27 de novembro de 2018

LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ola rapaces!
Seguindo coa  nosa entrada anterior, na semana de loita contra a violencia de xénero, agora dende o equipo de biblioteca queremos recomendarvos algunhas lecturas que axuden a reflexionar sobre as consecuencias devastadoras desta lacra.



Aquí a tedes, podédela atopar na mesa onde plantamos as nosas margaritas cos vosos nomes:


  • Machismos: de micro nada.
  • Covardes de María Xosé Porteiro.
  • Persépole de Marjane Satrapi.
  • El diario azul de Carlota de Gemma Lienas.
  • Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero.
  • O que sei do silencio de Andrea Maceiras.
  • As horas roubadas de María Solar.
  • Valerosas de Pénélope Bagieu.
  • A Silent Voice de Yoshitoki Oima.
  • Shino no es capaz de decir su propio nombre de Shuzo Oshimi.
  • Pioneiras. Galegas que abriron camiño de Anair Rodríguez.
  • Desgracia de J.M. Coetzee.
  • El color púrpura de Alice Walker.


Boas lecturas para todos!





domingo, 25 de novembro de 2018

25-N. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ola rapaces!
Seguro que vos tedes preguntado sobre a estación na que estamos. Como é posible que a punto de rematar novembro e entrar no inverno, florezan tantas margaritas en todos os recunchos do noso instituto?
A resposta atopámola precisamente na data de hoxe, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 
Aínda que durante a próxima semana abundaremos sobre as nosas actividades e a floración "margaritil" que nos invade, non queriamos deixar pasar a data precisa para lembrar que somos moitos os que nos plantamos frente a esta sangrante lacra que deixa demasiados mortos: mulleres, nenos, homes, encima da mesa, víctimas con nome e apelidos, cunha vida truncada, máis efímera ca das propias margaritas, persoas que non son meras estatísticas.
Atentos pois ao noso blog onde propoñeremos textos dende a biblioteca que nos axudan a reflexionar sobre este duro asunto, seguindo a estela que mediante o proxecto de diversidade do curso pasado xa traballáramos.
Tamén aproveito para informar que a xuntanza de voluntariado do vindeiro martes, queda aprazada ata novo aviso.
Bo domingo e ata pronto. 

xoves, 22 de novembro de 2018

MES DA CIENCIA EN GALEGO


Ola rapaces!
Este mes de novembro adicado á Ciencia en Galego está a ser moi prolífico en actividades no noso instituto. O alumnado de Bacharelato repartiuse esta semana para asistir a dúas interesantes actividades:


 Desde os departamentos de Filosofía (materia Psicoloxía) e de Ciencias Naturais, programouse a asistencia dun grupo de 2º de BAC á conferencia do científico e divulgador Xurxo Mariño, “A música de mente” que tivo lugar o día 20 no Pazo da Cultura de Narón. Se queredes saber algo máis do tema podedes consultar na biblioteca do centro "Neurociencia para Julia".  Tamén tedes máis información na web do instituto.







Por outra banda, outra parte do alumnado de 2º de BAC viaxou a Santiago de Compostela para asistir a un acto institucional co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Dito acto contou ademais co relatorio do noso catedrático de Matemáticas Luis Puig Mosquera sobre "As simetrías do Pórtico da Gloria”. Esta actuación enmárcase dentro das actividades do Mes da Ciencia en Galego promovidas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega coa finalidade de visibilizar a utilidade da lingua galega como instrumento de pescuda e de divulgación científica. 
Este 2018 foi declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, e se buscou poñer de relevo a cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo. En consonancia con isto, os científicos destacados foron Arquímedes, e o mestre Mateo, arquitecto do Pórtico da Gloria, tal como informa o blog do equipo de dinamización. 
Deixovos outros medios onde atoparedes máis infomación: Portal da Lingua Galega. Portal da Cultura Galega.La Voz de Galicia.



Para rematar aquí podedes atopar libros sobre Ciencia en Galego para traballar, informarvos ou para o voso tempo de lecer.


mércores, 14 de novembro de 2018

CUMBRES BORRASCOSAS

Ola rapaces!
Onte foi a primeira xuntanza do Club de Novela Romántica. Coincidimos na comida cos rapaces do Club Manga que logo marcharon á aula de informática a ter a súa reunión, da que dará conta a correspondente entrada no blog de Manga.



Nós quedámonos con Emilio e case en familia, pois faltaron Daniela e Sara que están nas xornadas de inmersión de inglés. Pero esa intimidade foi propicia para invocar a fantasma de Cathy e falar da súa descomunal paixón por Heathcliff.
Pilar fixo unha presentación, que colgamos aquí, que tiña dúas partes:
  • Un percorrido pola vida e obra desta familia tan peculiar, os Brontë, que deu tantas artistas.
  • Unha análise da novela de Emily Brontë: Cumbres borrascosas, parándonos tamén nas súas versión cinematográficas e musicais.

Non houbo demasiado debate e quedamos emprazados para a seguinte novela de John Green, que non vai ser a que inicialmente falamos de Bajo la misma estrella sino Buscando a Alaska.



Non me esquezo de contar que Vily falounos da preparación da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, día 25 de novembro. Consiste no deseño dunhas margaritas que decorarán todo o centro coa mensaxe de "Plantate fronte a violencia". Seguiremos informando máis adiante desta actividade.



Vídeo da presentación feita por Pilar Berrio, a profesora de Literatura Española.



                                   Tamén nos deixou actividades de lectura.

martes, 6 de novembro de 2018

10 RELATOS DE MEDO, ESPÍRITUS E TERROR

Ola rapaces!
Aproveitando o Samaín que a iniciativa do Equipo de Dinamización Lingüística do centro estamos a celebrar co concurso de cabazas e un magosto, a biblioteca propón unha selección de dez relatos (tamén hai teatro) de medo, espíritus e terror. 



Acompañan a tenebrosa decoración (obra de Vily e Antía, como non) que temos no corredor central. Así que entre caveiras, teas de araña e espigas podedes atopar suxestións coma:




  • Frankenstein de Mary Shelley.
  • Drácula de Bram Stoker.
  • Contos de Edgar Allan Poe.
  • Leyendas de Gustavo Adolfo Bécquer.
  • Don Juan Tenorio de José Zorrilla.
  • A chamada de Cthulhu de Lovecraft.
  • Os vellos non deben namorarse de Castelao.
  • El resplandor de Stephen King.
  • La casa de los espíritus de Isabel Allende.
  • Os barbanzóns. A noite de Samaín de Pepe Carreiro.


Na biblioteca temos moitos máis.



Horripilantes e terroríficas lecturas que desexamos vos deixen sen alento e cheos de pesadelos!