xoves, 23 de abril de 2015

VISITANDO A BIBLIOTECA DO IES CONCEPCIÓN ARENAL

Ola rapaces! O pasado martes puiden saír por un tempiño do meu amado recuncho na nosa biblioteca para visitar con vós o que eu considero "a miña casa nai", a Biblioteca Saturnino Hermida do IES Concepción Arenal. 
Mentres eu percorría cos meus curmáns aquela biblioteca tan chea de historia, pareceume o marco idóneo para falar dunha obra mestra da literatura universal que cumpre cen anos A Metamorfose de Franz Kafka. Decateime de que para algúns a historia de Gregor Samsa metamorfoseado nese escaravello xigante viña sendo un pouco difícil, pero pronto Emilio e Ana botáronvos unha man para entendela mellor. Dende logo fixestes que me sentira moi ledo de vós tanto da presentación de Alicia e Álex, como do famoso itinerario de banda deseñada de Diego. 



Os dous grupos case ao completo
Alicia e Álex, antes da presentación.

Pero, por se se vos segue resistindo esta obra de Kafka, mirade estas novas adquisicións: cómic de Peter Kuper e Kakfa de Robert Crumb, recomendados ambos pola libreria Kómic, de Santiago.

Penso que a experiencia pagou a pena. Que positivo é facer estas sesións conxuntas de ambos Clubs de Lectura!  É unha fermosa maneira de tomar contacto con rapaces doutros centros!

E agora, por suposto, tócanos a nós corresponder en maio á súa invitación e agasallalos do mesmo xeito. E a lectura que propoñemos vai ser El corredor del laberinto de James Dashner. 

1 comentario:

  1. Socas! O noso Socas! Moi propio dun trasno coma ti... Desapareces para volver xustamente un día coma o de hoxe, o Día do Libro. Dixéronnos que estabas en contacto con varios escritores que ían vir ao noso Instituto este Mes do Libro, e que andabas metido en diferentes itinerarios lectores. Ademais, di que si, faite querer: o bo ten que facerse esperar. Querémoste! Moito moito!

    ResponderEliminar