xoves, 16 de marzo de 2023

NOVA SESIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Onte tivemos finalmente a nova xuntanza do Club de Novela Gráfica tras a paréntese dos exames. Tivemos a nova de que se incorporaron dous rapaces de cuarto da ESO, Ruán e Sergio.



Tiñamos que ler V de Vendetta. Trátase dun relato de Allan Moore deseñado por David Lloyd, no que imaxina un futuro distópico tras unha guerra nuclear. O mundo queda moi reducido e en Inglaterra, que quedou en pé, goberna un partido fascista. Un personaxe disfrazado coa máscara de Guy Fawkes, o héroe que conspirou en 1605 contra a Cámara dos Lores, busca devolver a liberdade ao pobo. 



Cando se publicou a novela entre 1982 e 1985, tivo tanta repercusión que moitos lectores pensaron que a situación reflectida nun futuro 1997 tiña chiscadelas coa actuación do partido conservador de Margaret Thatcher neses anos. De feito, aínda houbo manifestacións contra o thatcherismo nas que participaron persoas co disfraz do personaxe da novela gráfica.



En 2006 estreouse a película co mesmo título que adaptaba a novela gráfica. Dirixida por James Mc Teigue con Natalie Portman e Hugo Weaving, serviu para volver poñer de moda o cómic.


Algúns leron a novela, outros soamente viron a película. Sergio contounos que lle gustara moito. Falamos tamén de distopías. Citamos títulos da historia da literatura como a de 1984 de Georges Orwell. Observamos acerca do contraste entre as distopías e a vida cotiá. 

Despedímonos coa cita para a vindeira xuntanza que será cunha versión dun clásico romántico: Orgullo e prexuizo de Jane Austen.


Ningún comentario:

Publicar un comentario