venres, 15 de febreiro de 2019

VISITA DOS MAIORES AO NOSO CENTRO

Ola rapaces!
Onte viñeron elas a vernos. Quero dicir, tocou que esta vez nos visitaran un grupiño de señoras do veciño xeriátrico Domus Vi.
Así, xunto coas animadoras Marta e Lucía, viñeron: Carmen, Obdulia, Puri, Azucena, María, Mela e Julia, as sete magníficas. Aguerridas loitadoras cun pasado abraiante e unha suma de idade que se aproxima ao número 700. 
Todas elas foron avoas por un día da clase de 1º A de ESO, cada unha adoptou a tres rapaces do seguinte xeito:
  • Azucena con Irene, Mario e Nacho.
  • Carmen con Iago, Hugo e Gonzalo.
  • Obdulia con Toni, Ainhoa e Amine.
  • Puri con Yan, Ibra e Carla.
  • Mela con Jeray, Lucas e Esmeralda.
  • María con Paula, Junier e Álex.
  • Julia con Brais, Laura e Alejandra.

E formados os grupos, comezou o obradoiro no que se trataba de indagar sobre os mitos do amor romántico, tema, por certo, que ademáis de vir a conto polo San Valentín, está tamén tratado nun interesante artigo "Eles gobernan, elas aman" da revista Sermos que temos aquí na biblioteca e que vos recomendamos.
Cadaquén contou a súa experiencia e a delas, as avoas, abofé que dá para moito. Pero os rapaces non quedaron atrás, moitos falaron das súas cousas, son pequenos pero teñen boa vista.
Así que non soamente viaxamos polo tempo, da man das avoas que narraron historias incribles, como a de Julia que casou por poderes para poder viaxar soa a atopar ao seu mozo en Montevideo, o a de Puri que casou con 19 anos porque na casa do seu noivo eran cinco varóns e precisaban unha muller para facer os labores da casa... Senón que tamén viaxamos no espazo porque quedou claro que temos moita diversidade no Sofía: alumnos que veñen de Marrocos, Santo Domingo, rapazas de etnia xitana, onde os roles masculino e femenino están moi diferenciados...
Fixemos un mural coas nosas aportacións que quedará na biblioteca como lembranza dunha clase inesquecible onde as xeracións se uniron reclamando respecto, igualdade e responsabilidade.
Grazas a todos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario