Este ano para celebrar o Samaín, coma no curso pasado, colaborando co Equipo de Dinamización Lingüística do centro, fixemos unha proposta de actividades que van desde un concurso de relatos de medo, misterio e terror, ata a celebración de obradoiros do Samaín o martes, día 5 pola tarde, co alumando de 1º da ESO.
Para continuar coa tradición desta festa celta, fixemos en primeiro lugar un concurso de decoración de cabazas, cos elementos que trouxeron os nenos e nenas que quixeron participar. Estaban todas fantásticas e para que todos poidan admiralas puxemos unha pequena exposición na entrada do centro.
En sucesivas entradas deste blog informaremos sobre o fallo dos xurados para premiar este concurso e o de relatos.
Na biblioteca quixemos dar opcións ós rapaces e rapazas que non trouxeron cabazas pero que desexaban participar da festa. Programamos distintos obradoiros de creación de cabazas de papel, de confección de libros en forma de follas, cabazas e castañas. Neles os nenos ían poñendo refráns, cantigas, poemas ou adiviñas relacionadas co tempo e os froitos do outono, ou co Samaín. Tamén tiñamos preparados obradoiros para facer elementos decorativos cos que fixemos o noso cartel de Samaín da biblioteca e adornouse a entrada da biblioteca e a do instituto.
O grande mural que está na biblioteca conta ademais cunha selección de libros de medo e terror, en castelán e galego, para un abano amplo de gustos e idades, que esperamos inciten ó noso alumnado a seguir lendo.
Así mesmo, colgamos algúnha das obras saídas dos obradoiros, de xeito que podedes leer refráns, cantigas, poemas e adiviñas sobre este tempo de festa no outono.
Foi unha xornada moi intensa e entretida pero temos que agradecer a colaboración de todos os nenos e nenas participantes e dos profesores que tiñan clase na tarde con eles. Da xefa do Departamento de Orientación; Paz, que estivo pendente da integración dos rapaces con algunha dificultade. Da Xefa do Equipo de Dinamización; Pili, que estivo a cargo da actividade. E non podemos esquecer a Antía que sempre nos sorprende coas súas decoracións.
Para rematar, queremos agradecer tamén ás nais do ANPA, que sempre están dispostas a axudar en todas as acitividades que se programan desde o centro. Graciñas a todos e todas.
Desexamos que vos animedes a seguir participando destas actividades complementarias coas que tentamos poñervos en contacto con novas lecturas.
Aquí deixamos unha presentación na que podedes ver algúnhas fotos da xornada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario