mércores, 13 de novembro de 2019

LENDO RELATOS DE MEDO NO SAMAÍN

Ola rapaces e rapazas!
Onte pola tarde tivo lugar na biblioteca unha sesión de lectura moi especial,  que xa tiñamos programada, tal como rezaba o noso cartel “Contos de medo”. Decidimos empregar textos de Edgar Allan Poe, aproveitando que este ano é o 170 aniversario do seu pasamento. Queremos deste xeito facerlle unha pequena homenaxe a un dos autores favoritos de moitos lectores do noso centro. 
Coa intención de sorprender aos rapaces e rapazas, puxemos velas e libros do escritor nunha mesa no centro da estancia coas luces apagadas, de xeito que todo parecía o máis fantasmagórico posible. O alumnado de 1º da ESO entraba expectante pola teatralidade do momento, cando de súpeto, mentres estaban acomodándose, víronse interrompidos por un ser que ocultaba o seu rostro baixo unha túnica branca con rachaduras, coma se acabase de saír da procesión da Santa Compaña. Se ben é certo que enseguida souberon que se trataba da profesora de Galego; Pilar, que é a mente detrás destas iniciativas de dinamización.



Tiñamos preparada unha presentación coa que se ía ilustrando a lectura da “Máscara da morte Vermella”, ó tempo que a profesora lía o relato en voz alta, poñéndolle toda a paixón e o misterio que o momento precisaba.

Imaxinades que lles resultou unha sesión entretida, e estades no certo, pero ademais, pretendiamos chamar a atención sobre a importancia do modelo lector. Para que os rapaces teñan oportunidades  de aprender dun lector adulto. 

Por suposto, tamén participou algún voluntario lendo outros contos terroríficos de varios autores. 



Deixamos una pequena lembranza desta sesión ó pé da nosa árbore do Samaín na biblioteca.



Tamén vos queda a presentación con fotos do evento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario