Ola a todos! Como o prometido é débeda, temos que falar aquí da actividade do pasado mércores, no que o grupo de voluntariado, máis grande que nunca, reuniuse para celebrar cos maiores o Día da Biblioteca.
Temos que dar a benvida a un montón de xente nova: ás catro rapazas de 2º B, aos de 3º, ás 3 de 4º, ás dúas de 1º de BAC, e por suposto, agradecer a todos os veteráns que sexan tan fieis coma sempre.
Os preparativos da actividade foron como sempre: almorzamos xuntos e aproveitamos para presentarnos e falar da distinción do Selo de Bibliotecas Escolares Solidarias.
Logo repartimos tarefas. Uns ensaiamos os textos de Jorge Luis Borges; outros cortamos plumas para a maqueta das ás que levamos. Coas ás queríamos representar a idea que contén a frase de Borges sobre a lectura como forma de voo.
O tempo que estivemos cos maiores pasou moi deprisa. Andrea fixo as presentacións. Alba, Nerea, Paula, Alba, Lucía e Catuxa leron os textos. O resto axudamos aos anciáns coas súas plumas. Cada un puxo o que quixo nela: uns os seus nomes, outros os seus libros favoritos.
Todos charlamos con eles.
E así pasou a nosa primeira sesión do voluntariado externo deste curso.
Grazas a todos por vir! Vémonos na vindeira!
Ningún comentario:
Publicar un comentario